Páginas

25 de novembro de 2019

Concentración 25N

Neste 25 de Novembro, autoridades municipais, veciñanza e a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal uniron as súas voces no Salón de Actos da Biblioteca Pública para rexeitar todo tipo de violencia contra as mulleres e reivindicar a necesidade de practicar o `ben querer´ e o `bo trato´ fronte ao `mal querer´ e o `maltrato´.


As cancións Que canten os nenos de José Luis Perales e Casandra de MJPérez resoaron con forza nas paredes do Salón, que vibraron como nunca co desexo dun mundo mellor.


A chuvia impediu aos nenos e nenas de Infantil asistir ao acto mais sumáronse tamén á conmemoración, cantando e alzando nas aulas as súas mans violetas contra a violencia.


Quen ben me quere...

No marco da conmemoración do 25N, Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, todo o alumnado do centro decorou paredes e portas coas súas propias reflexións sobre o significado do `ben querer´, dándolle unhas cantas voltas ao famoso refrán `Quen ben te quere farate chorar´.


Así, a partir da premisa `Quen ben me quere...´ saíron nas aulas unha chea de ideas das que foron seleccionadas, por consenso entre o alumnado, as seguintes:
  • 3 anos: `Quen ben me quere faime sorrir´.
  • 4 anos: `Quen ben me quere cólleme da man´.
  • 5 anos: `Quen ben me quere escríbeme cartas de amor´.
     
  • 1º A: `Quen ben me quere faime brillar´.
  • 1º B: `Quen ben me quere faime rir´.
  • 2º A: `Quen ben me quere faime feliz´.
  • 2º B: `Quen ben me quere dáme bicos´.
  • 3º A: `Quen ben me quere cóidame moito´.
  • 3º B: `Quen ben me quere faime sentir ben´.
 
  • 4º A: `Quen ben me quere faime loitar´.
  • 4º B: `Quen ben me quere faime voar´.
  
  • 5º A: `Quen ben me quere trátame ben´.
  • 6º A: `Quen ben me quere dáme bos consellos´.
  • 6º B: `Quen ben me quere faime soñar´.
  

21 de novembro de 2019

Os avós contan, na Biblioteca Pública

Como ven sendo habitual durante o mes de novembro, e tal como contamos nunha entrada anterior, o alumnado do centro visitou a Biblioteca Pública de Barro.
Esperaban impacientes Élida Arzúa, Mª Dolores Sarrapio e Xan Rey que, con moita ilusión, prepararan para a cativada os contos "Andando polo camiño", "A casa da mosca chosca" e "Animais de compañía".

Despois de escoitar con moita atención os contos elexidos para cada grupo, fixemos audicións da famosa composición de Camille Saint Saëns "O entroido dos animais" e tivemos que adiviñar de que animal se trataba. Por último, Pili e Mónica propuxéronnos facer diversas actividades relacionadas coa temática da correspondente peza musical.

Ofrecemos un vídeo resumo do acontecido nestas visitas.




Moitísimas grazas!

20 de novembro de 2019

Concentración polo 20N e 25N

Hoxe enviamos ás familias do noso alumnado unha carta na que citamos a toda a comunidade educativa e veciñanza a unha concentración para conmemorar o 20N, Día Universal da Infancia, e o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Terá lugar o vindeiro venres, día 22, no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal ás 12:15h.
Convocan: Concello de Barro, CEIP Amor Ruibal e ANPA Amor Ruibal.


Animádevos a participar!
Contamos con vós!

Día Universal da Infancia




Hoxe, 20 de Novembro, é o Día Universal da Infancia e no noso centro desenvolvemos actividades variadas de lectoescritura, plástica e musicais para lembrar que os dereitos dos nenos e das nenas son (deberían ser) universais porque



as crianzas son o noso futuro!


19 de novembro de 2019

Celebración do Magosto

Onte gozamos da nosa festa do Magosto con xogos tradicionais (os birlos, sementa e apaña, esquiva a castaña, carreiras de relevos, papa castañas, pesca castañas, apaña castañas, transporta castañas, castaña, onde estás?...), bailes, cancións e degustación de saborosas castañas grazas á colaboración de todas as familias que aportaron as castañas e dos familiares de Estefanía, Melody, Wendy e Chemita, que as asaron nas súas locomotoras.


Moitísimas grazas!!!

14 de novembro de 2019

Concurso de cartaces para o Magosto

Celebraremos este curso "O Magosto" no noso centro o vindeiro luns, día 18, e  MIMI, a nosa mascota, enviou unha carta ás aulas para convidarnos a participar nun concurso de cartaces que o anunciase.





O cartaz gañador foi o elaborado pola aula de 6º de Infantil, no que representan un colorido Souto ateigado de castiñeiros, ourizos e castañas.


No seguinte collage aparecen os cartaces finalistas de cada nivel de Primaria.



Moitísimas grazas a todos e todas pola vosa participación!
Parabéns polo voso traballo artistas!

As Familias Contan!

Un ano máis, e tras a inauguración da Biblioteca, damos inicio a este proxecto no que convidamos ás familias que o desexen a participar con nós con sesións de contacontos, obradoiros, cancións, experiencias, recordos...

Falade coas mestras para anortarvos. 
Agardamos a vosa participacion!!

11 de novembro de 2019

Visitas á Biblioteca Pública

Durante o mes de outubro celebramos no colexio o `Mes da Biblioteca´ e, chegado novembro, todo o noso alumnado participa con moita ilusión nas visitas programadas á Biblioteca Pública segundo un calendario establecido. 

A actividade, que organiza un curso máis a OMIX de Barro, quedou inaugurada hoxe polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e conta con xincanas literario-musicais, obradoiros de puntos de lectura e sesións de contacontos a cargo de Xan, Dolores e Élida, avó e avoas do Concello.


Moitísimas grazas!!!

5 de novembro de 2019

I Encontro CEIP Torre Illa- CEIP Amor Ruibal

O venres 25 de outubro o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística de Barro, Roberto Rivas, recibiu no Salón de Plenos do Concello a alumnado e profesorado (en activo e xubilado) do CEIP Torre-Illa da Illa de Arousa e do CEIP Amor Ruibal, que están a desenvolver o proxecto colaborativo `Contos para rir... Contos para pensar´, iniciado o pasado curso escolar.

No emocionante encontro, o concello anfitrión agasallou ao grupo da Illa con libros e folletos informativos sobre Barro, que recolleu a responsable da Biblioteca do centro. Ademais, recibiu do CEIP Amor Ruibal unha taza personalizada de MIMI, a mascota da nosa Biblioteca, e máis dun centenar de puntos de lectura relacionados co proxecto e elaborados polo noso alumnado de 6º de Primaria.

Roberto Rivas agradeceu aos visitantes a súa presenza e falou das marabillas do Parque Natural do Carreirón e do Parque Natural da Barosa, xa que logo o grupo dedicaría o resto da xornada de convivencia a facer sendeirismo pola ruta ancestral do Camiño Portugués a Santiago, poñendo á súa disposición dous vehículos de Protección Civil para percorrela con total seguridade.

A fermosa paisaxe animouse coas risas, conversas e saúdos a outras peregrinas e peregrinos ata chegar á Barosa máxica, onde o grupo descansou, deu boa conta das viandas, xogou e explorou o Parque a pracer.


Un encontro fantástico!!!


Moitísimas grazas a todas as persoas que o fixestes posible!!!

4 de novembro de 2019

Outubro, Mes da Biblioteca.

O Día 24 de outubro celébrase, desde o ano 1997, o Día Internacional das Bibliotecas e con este motivo celebramos ao longo do mes de outubro o "Mes da biblioteca". Nós aproveitamos esta data ademais para inaugurar, como cada ano, a nosa Biblioteca.


Contacontos, un breve repaso das normas de uso e de préstamo e a presentación do cartel das Bibliotecas Escolares de Galicia para este curso escolar foron algunhas das actividades que durante estes días puidemos gozar na Biblioteca do noso centro.

A nosa mascota, MIMI, tiña ademais varios agasallos preparados: pegatinas, puntos de lectura e algúns libros para as aulas do alumnado máis cativo. Tamén nos fixo chegar unha carta na que nos convidou a participar no "Concurso de Cartaces para o Magosto"
 

E ademais, gracias ao equipo de "Axudantes da Biblioteca" podemos gozar a partir de agora de variadas actividades durante os recreos.
 Agardámosvos na Biblioteca!