Páginas

18 de setembro de 2022

O MUSEO EN CAMIÑO con Raquel Queizás

Moito gozou o alumnado de 1º e 2º de Primaria, o pasado venres na nosa Biblioteca, con Raquel Queizás e a súa representación teatral O Museo en Camiño: volta á ruta. A actividade enmárcase no programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e está promovida en colaboración co Museo Provincial de Pontevedra, Gestión Cultural-Taller Abierto e Paspallás.

Raquel Queizás, actriz, monicrequeira, filóloga e contadora de historias, achegou á nosa cativada, dun xeito ben ameno, didáctico e divertido, reproducións en miniatura de valiosas pezas do Museo de Pontevedra relacionadas co Camiño de Santiago e, máis concretamente, co Camiño Portugués, do que Barro forma parte. A posta escénica complementouse á perfección con fermosos relatos relacionados co inmenso valor do noso patrimonio natural e cultural e o respecto polo medio ambiente.

As nenas e nenos seguiron con moita atención a representación e amosaron coñecer moi ben o seu patrimonio máis cercano cando se tocou, por exemplo, o tema dos petróglifos ou aspectos varios do Camiño Portugués, xa que logo foron centros de interese e investigación do Proxecto Documental Integrado do curso pasado.

Antes da despedida, o alumnado recibiu cadanseu prego didáctico ilustrado, con interesante información sobre o Camiño de Santiago e o patrimonio máis representativo do Museo de Pontevedra.

Moitísimas grazas!!!