Páginas

27 de maio de 2023

SEMANA DOS XOGOS POPULARES

No marco do PDI deste curso escolar, Inventos, e tendo en conta que mañá é o Día Internacional do Xogo, o alumnado de 6º de Primaria traballou colaborativamente para organizar e dinamizar, ao longo desta semana, unhas estupendas xornadas de xogos populares para todo o alumnado do centro.

Ademais de practicar co xogo do que cada alumna e alumno de 6º era responsable, estas mozas e mozos tiveron que prever e analizar os posibles inconvintes, as necesidades de espazo, o sistema de puntuación que empregarían...

E hai que dicir que foron quen de ter a paciencia de explicar con claridade, comprender e adaptar o xogo ás distintas idades do alumnado participante, que gozou a tope destas exitosas xornadas culturais nas que o xogo foi o protagonista absoluto. 

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!


Como sorpresa, o alumnado de 6º recibiu unhas fermosas cartas de agradecemento e felicitación por parte das crianzas da aula de 5 anos.


MOITÍSIMAS GRAZAS!!!

26 de maio de 2023

MUSEO ETNOGRÁFICO DE BARRO

No marco do Proxecto Documental Integrado deste curso escolar, Inventos, o alumnado de 6º de Primaria investigou a fondo sobre antigos obxectos de grande utilidade para a sociedade (radio, tocadiscos, ferros, lámpadas, candís, lanternas, muíños, utensilios agrícolas, tenaces, sopretes, teléfonos, máquinas de afeitar, cámaras de fotos, regras de cálculo, abanos, binoculares, máquinas de escribir, chaves...). 

Coa información recompilada, crearon e expuxeron liñas de tempo onde situaron os inventos cronoloxicamente e fixeron fichas coa autoría do invento, lugar, ano e utilidade.

Como colofón, e contando coa inestimable colaboración familiar, montaron na Biblioteca do centro o Museo Etnográfico de Barro para que todas e todos puidésemos ver estes inventos tan curiosos. Asemade, a partir de fotografías antigas do profesorado, o alumnado visitante xogou a Quen é quen? para tentar adiviñar que profe estaba en cada foto. 


EXCELENTE TRABALLO!!!

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

MOITÍSIMAS GRAZAS, FAMILIAS, POLA VOSA COLABORACIÓN!!!


18 de maio de 2023

O XIV PREMIO MIMI É PARA...

Esta semana tivo lugar, na nosa Biblioteca, a presentación das candidaturas que optan ao XIV Premio MIMI que o CEIP Amor Ruibal entrega a persoas que destacan polo uso, defensa e difusión da lingua galega. As mozas e mozos de 5º de Primaria, responsables do proxecto, presentáronas con moita claridade e desenvoltura ao resto do alumnado e profesorado ao longo de tres intensas sesións.

E hoxe tivo lugar unha emocionadísima xornada electoral na que todo o alumnado e profesorado emitiu o seu voto. 

Unha vez realizado o escrutinio, o alumnado de 5º procedeu á lectura en voz alta da acta co número de votos acadados por cada candidatura.


E resultou que a gañadora é ... 

ESTHER ESTÉVEZ !!!
(presentadora do programa DígochoEu da TVG)

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

Graciñas de corazón a todas as persoas e entidades que, ano tras ano, colaborades con nós para manter vivo este proxecto!!!