Páginas

27 de marzo de 2021

DÍA DA POESÍA 2021

No marco da conmemoración do Día da Poesía 2021, o alumnado de Infantil e Primaria reuniuse por quendas na nosa Biblioteca para gozar dun emotivo recital poético cun repertorio variado, no que cobraron especial protagonismo os micropoemas creados o curso anterior para o concurso Terras do Umia, que quedou truncado polo confinamento. 

Xa que logo berce foi a palabra clave dos poemas creados, ambientouse a Biblioteca cun berce auténtico de máis de cen anos de antigüidade, pertencente á familia da nosa compañeira Elen.

Moitísimas grazas!!!


Moitísimos Parabéns, artistas!!!

18 de marzo de 2021

"DO 8 AO 18: BD-MULLERES GALEGAS"

Moito xogo deu o mural que temos no patio BD DAS MULLERES GALEGAS

Co motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a caseta onde está pintado o fermoso mural converteuse, do 8 ao 18 de marzo, nun lugar de gozosa peregrinaxe e punto de partida dunha apaixonante viaxe de investigación para todo o alumnado do colexio. Alí ían cada día na procura de respostas a cuestións, diferenciadas por idades, plantexadas polos equipos da Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega sobre as 7 mulleres galegas retratadas: Ángeles Alvariño, María Victoria Moreno, Isabel Zendal, Maruja Mallo, Ángela Ruiz Robles, Ernestina Otero e Antonia Ferrín.  Mulleres moi significativas e auténticos referentes para todas e todos nós, sobre as que logo pescudaron nas respectivas aulas.

Soamente queda agradecer a todo o alumnado e profesorado de Infantil e Primaria a súa magnífica participación, ao Concello de Barro, por promover a iniciativa do mural no noso centro, e a Quique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, por seren os artistas que deseñaron e debuxaron a fermosa obra con propostas didácticas incluídas.

Grandísimo pracer é aprender gozando e gozar aprendendo!

MOITÍSIMAS GRAZAS!!!


8 de marzo de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER: "DO 8 AO 18"

Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, presentamos a todo o alumnado de Infantil e Primaria o xogo de pistas "Do 8 ao 18" co obxecto de investigar, ata o dezaoito de marzo, sobre a vida e obra de 7 importantes mulleres galegas. Todas elas están moi ben debuxadas no fermoso mural "BD-MULLERES GALEGAS" que temos no patio, deseñado e realizado por Carlos Taboada e Quique Mauricio, integrantes de Polo Correo do Vento, que tamén fixeron unhas propostas didácticas moi interesantes que podedes ver a continuación.

BD Mulleres galegas Propostas de actividades by Amor_Ruibal on Scribd

 
Por mor da COVID, non podemos realizar a actividade conxuntamente pero cada día aparecerán pistas nos taboleiros dos corredores para que, en cada aula, se poida descubrir, coñecer e recoñecer unha a unha a estas grandes mulleres traballadoras galegas.