23 de marzo de 2020

ORELLAS DE BOLBORETA

Propoñemos hoxe un novo conto... agardamos que o gocedes.



Proposta de actividades:

Este é un conto para falar, sobre todo. Para compartir, para reflexionar sobre as emocións e os sentimentos propios e alleos; para tratar de mover o noso centro un pouquiño e achegalo ao centro dos outros. Naturalmente, isto implica que as persoas adultas tamén teñen que facer ese mesmo esforzo.

  1. Xogamos a poñer os zapatos de outra persoa (a actividade por si soa xa é unha festa) Despois podemos:  A) Falar da experiencia: era fácil, difícil, que cousas podía facer e que cousas non, etc
    B) Tratar de levar a experiencia un puntiño máis alá: “Se os zapatos de mamá me convertesen en mamá/papá, que podería/tería/debería que facer cando...? “ (P ex. “cando quero comer pasteliños a todas as horas”)
    C) O mesmo, dándolle a volta: “E se papá/mamá se convertesen en min, que poderían/ terían/deberían facer?”
  2. Facemos a Mara cun cartón (podemos usar un folio e pegalo nunha caixa de galletas para darlle consistencia) , decorámola como nos guste e pegámoslle un pauciño ou unha palliña por detrás. Temos unha personaxe coa que podemos representar o conto e falar sobre os contidos: Como cres que se sinte? Que farías ti se lle pasara a unha amiga túa? Como poderías axudar?
  3. Debuxamos moitas bolboretas e escribimos nelas palabras ou frases curtas que pui-desen servir de alento para Mara.
  4. Facemos un debuxo de nós mesmos e falamos con papá e mamá: Que é o que máis che gusta de ti? Cales son os teus talentos, as cousas que fas moi ben? Que cousas son as que che custan máis?
Un saúdo
#euquedonacasa 


Ningún comentario:

Publicar un comentario