Amosando publicacións coa etiqueta 25N. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 25N. Amosar todas as publicacións

24 de novembro de 2025

AMBIENTACIÓN 25N

Durante a semana previa ao 25N, o alumnado do CEIP Amor Ruibal preparou diferentes logos e lemas para conmemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e reivindicar a fin desta lacra social.

Unha vez que os reunimos todos, elaboramos un fermoso mural onde eliximos como protagonista a unha das personaxes máis coñecidas da banda deseñada: Mafalda. O motivo de escollérmola é que sempre se mostrou moi reivindicativa no eido da igualdade de dereitos entre a muller e o home.

Este foi o resultado do noso marabilloso traballo a prol da igualdade!


Grazas a todas e a todos pola vosa colaboración!

25 de novembro de 2024

25N 2024

 Na mañá de hoxe, autoridades municipais e comunidades educativas do CEIP Amor Ruibal e da EEI de Curro reunímonos diante do edificio do Concello para reivindicar e rexeitar o fin de todo tipo de violencia contra as mulleres. 

Este ano fixémolo ao son da canción "Cruel filosofía" da Banda da Loba e Tomé Mouriño que está composta a partir de tres poemas da autora homenaxeada nas Letras Galegas, Luisa Villalta.

 Cruel filosofía: florecer nas espiñas!



Nas últimas semanas desenvolvéronse diversas actividades de concienciación e reflexión sobre a violencia contra as mulleres e ademais participamos no Concurso convocado polo Concello de deseño de logo e lema para a conmemoración do 25N.

 


 

O deseño gañador é resultado da fusión do logo e dous lemas, traballos presentados por dous equipos da aula de 5ºA de Primaria, integrados por Mateo Corredoira, Mauro Fontán, Sara Landín, Sheila Rivas, Teo Orge, Fiz Rea, Leo Torres e Lucas Vila.

 Este ano o xurado decideu conceder ademais tres accesits a outras tres obras:

- Iván Gago de 6º A

- O equipo formado por Candela Buceta e Gabriel Coya de 6ºA

- Obra colectiva do alumnado de 6ºB de Primaria.

 Moitísimos parabéns a todos e todas!!

Como agasallo pola nosa participación, todo o alumnado e profesorado dos dous centros recibimos unha mochila co logo e lema conmemorativo.


Moitísimas grazas a todas as persoas e entidades colaboradoras!

Graciñas especiais ao alumnado de 6º de Primaria que serviron de guía para todas as persoas asistentes.


24 de novembro de 2023

25N 2023

Hoxe, 24 de Novembro, autoridades municipais e comunidades educativas do IES de Barro e do CEIP Amor Ruibal reunímonos diante do edificio do Concello para comemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e reivindicar o fin desta eiva social.

Fixémolo cantando a canción "Olvídame" de Xosé Lois Romero e Aliboria, coa participación especial de alumnas de ambos centros, integrantes do Grupo de danzas Amor Ruibal, que acompañaron con bombo e pandeiretas.




Ao longo das últimas semanas, desenvolvéronse nas aulas actividades diversas de concienciación e reflexión sobre a  violencia contra as mulleres, a igualdade e os roles de xénero.

Ademais, participamos no Concurso, convocado este ano polo Concello, do deseño de logo e lema para a conmemoración do 25N.


 

O deseño gañador é resultado da fusión do logo da alumna Lía Maquieira de 5º de Primaria e do lema presentado polo equipo de 6º de Primaria integrado  por Lara Aboy, Daniel Bugallo, Xiana Freire e Mateo González.

Merecidísimos Parabéns!!!


 
Como agasallo pola boísima participación, todo o alumnado recibiu unha pulseira e unha pegatina co logo e lema conmemorativo. Asemade, no acto fíxose entrega de cartaces co deseño gañador a cada un dos centros educativos do Concello.
 
 

 

Moitísimas grazas a todas as persoas e

 entidades colaboradoras!!!

Graciñas especiais ás alumnas que acompañaron instrumentalmente o noso cantar!!!

 

7 de novembro de 2023

CONCURSO "LOGOTIPO E LEMA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO"

       O Concello de Barro convoca Concurso para deseñar o lema e logo contra a violencia de xénero.

    Os traballos deben ser novos, libres de dereitos. Non podendo presentarse imaxes xa existentes.

    As obras presentadas non poden ser discriminatorias por razón de sexo, polo que se debe facer uso non sexista da linguaxe e garantir presenza equilibrada de ambos os dous sexos.

 - Formato/Soporte: jpg, png ou papel/cartulina.

 - Técnica e cor: libre.

 - Lema: Máximo 6 palabras.

 - Poden ser traballos individuais ou en grupos.

 - Non se admiten traballos con nome das persoas autoras. Na parte de atrás da obra escribirase código coa aula e o número de lista.

    Presentación e plazo:

 - Na Biblioteca do CEIP Amor Ruibal

 - Ás 12:00 horas do mércores, día 15 de novembro.

 

    Animádevos a participar!

25 de novembro de 2022

25N 2022

Ao longo desta semana desenvolvéronse nas aulas diversas actividades de concienciación, sensibilidade e reflexión no marco da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

E hoxe, 25 de novembro, autoridades municipais e a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro reunímonos diante do edificio do concello para lembrar ás nenas, mozas e mulleres que "xa non están" e reivindicar a fin desta eiva social que tanta dor provoca. Fixémolo cantando Por elas de Adhara & Ritman arredor dun 25-N xigantesco, formado por zapatos vellos pintados de vermello, unha idea orixinal da artista mexicana Elena Chauvet, utilizada en países de todo o mundo para visibilizar ás vítimas da violencia machista.

"Polas que veñen

e polas que virán.

Polas que estamos,

polas que xa non están."


Moitísimas grazas, Concello de Barro e familias, pola 

vosa inestimable colaboración!!!

25 de novembro de 2021

25N 2021

Co motivo do DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES, no CEIP Amor Ruibal de Barro desenvolvemos diversas actividades para axudar ao alumnado a reflexionar, sensibilizar e concienciar sobre a violencia contra as mulleres, a igualdade, os estereotipos e os roles de xénero. Foron actividades de lectoescritura, contos, animacións, curtas, diálogos, debates, audicións musicais, aprendizaxe da canción  A porta violeta (a nosa versión en galego do afamado tema de Rozalén), obradoiros de pulseiras violetas coa palabra "NON", a creación dun mural colaborativo baixo o lema "RACHEMOS AS VIOLENCIAS CONTRA AS MULLERES!!!" e escenificacións nas que o alumnado rachou violencias de todo tipo que causan tanto dano, tristeza e dor.

Nenas e nenos, mozas e mozos chegaron á conclusión de que a coeducación, a educación en igualdade, é a solución para eliminar esta eiva social e gozar dun mundo mellor.

Moitísimas grazas, familias, pola vosa colaboración!!!


25 de novembro de 2020

25N do 2020

O alumnado do CEIP Amor Ruibal desenvolveu estes días diversas actividades de sensibilización e concienciación no marco da conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

E, ao son da canción POR ELAS de Adhara and Ritman, reivindica unha sociedade libre de violencia machista para

<<QUE `NINGHÉN´ DECIDA 

 CANDO SE ACABA A TÚA VIDA>>

Moitísimas grazas, familias, pola vosa colaboración!

Graciñas especiais ao alumnado de 6º de Primaria, 

autor da cartelería creada para a conmemoración, 

inspirada na letra da canción.

25 de novembro de 2019

Concentración 25N

Neste 25 de Novembro, autoridades municipais, veciñanza e a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal uniron as súas voces no Salón de Actos da Biblioteca Pública para rexeitar todo tipo de violencia contra as mulleres e reivindicar a necesidade de practicar o `ben querer´ e o `bo trato´ fronte ao `mal querer´ e o `maltrato´.


As cancións Que canten os nenos de José Luis Perales e Casandra de MJPérez resoaron con forza nas paredes do Salón, que vibraron como nunca co desexo dun mundo mellor.


A chuvia impediu aos nenos e nenas de Infantil asistir ao acto mais sumáronse tamén á conmemoración, cantando e alzando nas aulas as súas mans violetas contra a violencia.


Quen ben me quere...

No marco da conmemoración do 25N, Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, todo o alumnado do centro decorou paredes e portas coas súas propias reflexións sobre o significado do `ben querer´, dándolle unhas cantas voltas ao famoso refrán `Quen ben te quere farate chorar´.


Así, a partir da premisa `Quen ben me quere...´ saíron nas aulas unha chea de ideas das que foron seleccionadas, por consenso entre o alumnado, as seguintes:
  • 3 anos: `Quen ben me quere faime sorrir´.
  • 4 anos: `Quen ben me quere cólleme da man´.
  • 5 anos: `Quen ben me quere escríbeme cartas de amor´.
     
  • 1º A: `Quen ben me quere faime brillar´.
  • 1º B: `Quen ben me quere faime rir´.
  • 2º A: `Quen ben me quere faime feliz´.
  • 2º B: `Quen ben me quere dáme bicos´.
  • 3º A: `Quen ben me quere cóidame moito´.
  • 3º B: `Quen ben me quere faime sentir ben´.
 
  • 4º A: `Quen ben me quere faime loitar´.
  • 4º B: `Quen ben me quere faime voar´.
  
  • 5º A: `Quen ben me quere trátame ben´.
  • 6º A: `Quen ben me quere dáme bos consellos´.
  • 6º B: `Quen ben me quere faime soñar´.
  

20 de novembro de 2019

Concentración polo 20N e 25N

Hoxe enviamos ás familias do noso alumnado unha carta na que citamos a toda a comunidade educativa e veciñanza a unha concentración para conmemorar o 20N, Día Universal da Infancia, e o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Terá lugar o vindeiro venres, día 22, no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal ás 12:15h.
Convocan: Concello de Barro, CEIP Amor Ruibal e ANPA Amor Ruibal.


Animádevos a participar!
Contamos con vós!

18 de decembro de 2018

Minuto de silencio por Laura Luelmo

A comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro, autoridades municipais e veciñanza gardaron hoxe un minuto de silencio como mostra da dor e repulsa polo asasinato da profesora Laura Luelmo, a mans da violencia machista instalada nesta sociedade enferma que nos tocou vivir.



Nin unha menos!