26 de abril de 2022

PUNTOS DE LECTURA: BARRO NO CAMIÑO

Un bonito xeito de conmemorar o Día do Libro é a través da creación de puntos de lectura personalizados como ben fixo o noso alumnado de Infantil e Primaria baixo o lema "BARRO NO CAMIÑO", que dá nome ao Proxecto Documental Integrado deste curso escolar.

Felices Lecturas!!!

22 de abril de 2022

VENRES DE CONTO ... E DE LIBRO

Hoxe, venres, o alumnado de Educación Infantil gozou cunha contada moi especial para conmemorar o Día Mundial do Libro. Un grupiño de alumnas de 6º curso, integrantes do equipo de axudantes da Biblioteca, adaptou e traduciu ao galego o libro Guapa de Canizales, publicado pola editorial Kalandraka.



Grazas Lucía, Paula e Aldara pola vosa colaboración!

Feliz Día do libro a todos e todas!!!

20 de abril de 2022

VISITA DE FINA CASALDERREY

Hoxe, mércores 20 de abril, o alumnado de 5º de Primaria recibiu a visita da escritora Fina Casalderrey para manter un encontro literario, xa que as nenas e nenos leron Dúas bágoas por Máquina, unha das súas primeiras obras.


Fina falou dos seus inicios como mestra cunha anécdota sobre unhas tesoiras porque unha historia, segundo ela, sempre comeza con algo que nos conmove.


Partiu dun obxecto como un tutelo, feito polo seu pai, onde se mesturan as moras co azucre, para utilizalo como unha metáfora que explica como este froito lle serve de inspiración. Por exemplo, a primeira mora para o libro Dúas bágoas por Máquina foi unha conversa cun alumno (ao que non lle impartía clase), un pouco traste, durante un recreo no colexio de Santa Lucía de Moraña. Ela preguntoulle porqué estaba tan triste e el explicoulle con toda a súa emoción que lle desaparecera o seu can Tobi.


Entón, Fina pensou que oxalá fose capaz de escribir unha historia que provocase esas mesmas emocións a quen a lese e así naceu Dúas bágoas por Máquina. De feito, todos os protagonistas do libro levan nomes que teñen que ver co alumnado daquel centro escolar.

A outra mora para o Estanque dos parrulos pobres foi o cancro do seu pai. Escribiu a obra en dous días para que o seu pai non lle tivese medo á enfermidade e o puidese ler antes de finar. El sorprendeuse coa imaxinación da súa filla, que se refuxia no papel dunha nena de 6 anos que non lle ten medo á morte. Fina convértese en todos os personaxes sobre os que escribe, e así esta obra serviulle como bálsamo.

Outra alumna do colexio de Moraña inspiroulle Ás de mosca para Anxo. Era unha nena á que lle custaban moito as matemáticas, confundía estudar con copiar, era moi inxenua, os rapaces facíanlle bromas... Pero, pese as súas dificultades, o profesorado non se atrevía a suspendela, xa que traballaba e se esforzaba moito.

As cousas que nos pasan quedan habitando para sempre en nós. E, segundo a autora, non hai nada que teña máis forza que as palabras. Oxalá nunca o esquezamos. Nós estamos seguras de que nunca te esqueceremos, Fina, e que sempre habitarás no noso recordo con este poema traducido ao galego que tanto nos conmoveu pola túa emoción e sensibilidade ao recitalo:

"As flores azuis que están detrás das montañas

estanche a falar, estanche a falar,

ti que sabes de todo: interprétaas, interprétaas."

A última parte desta sesión literaria con Fina Casalderrey estivo dedicada ás preguntas formuladas polo alumnado e ás marabillosas dedicatorias persoais que lles escribiu nos seus libros de Dúas bágoas por Máquina


Como recordo final da visita, Fina asinou unhas fermosas verbas no libro de honra da nosa Biblioteca e tamén fixémonos unha foto con ela para inmortalizar esta mañá chea de maxia e de forza nas palabras.


 

Moitísimas grazas, Fina!!!

7 de abril de 2022

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE 2022

Hoxe, 7 de abril, é o DÍA MUNDIAL DA SAÚDE. Con tal motivo, inauguramos no colexio a exposición Debuxos Saudables  conformada  por  todos  os  debuxos  do alumnado de 2º de Primaria, participante no V Certame convocado polos Concellos de Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Moraña e Portas, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, no marco do proxecto de Prevención de Condutas Adictivas no eido local.

Amelia Cancela Cancela, concelleira de Benestar Social, Educación e Sanidade e Julia Búa, psicóloga responsable do proxecto, estiveron na nosa Biblioteca para felicitar a todo o alumnado de 2º pola súa magnífica participación e facerlle entrega duns fermosos portalapis (cos debuxos gañadores do certame do ano pasado) máis os dípticos informativos do Día Mundial da Saúde, agasallos que tamén recibiron as nenas e nenos de 1º e 3º de Primaria.

Moitísimos Parabéns a Mariña Frieiro Silva (1º premio), Lara Fernández Cancela (2º premio) e Lucas Vila Diz (3º premio)

O debuxo de Mariña ilustra o manifesto deste ano.



"O NOSO PLANETA, A NOSA SAÚDE"



3 de abril de 2022

OBRADOIROS DE IGUALDADE CON RAQUEL QUEIZÁS

Esta semana o alumnado de Primaria (de 1º a 5º nivel) gozou no ximnasio do centro coa Xincana "Todos somos iguais" realizada por Raquel Queizás e promovida por Servizos Sociais do Concello de Barro dentro do proxecto do Pacto de Estado pola Igualdade en colaboración cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e Biblioteca.

Unha ampla variedade de actividades para poñer en valor a importacia da igualdade entre nenos e nenas, entre homes e mulleres, rachar cos estereotipos de xénero e pescudar que persoas están detrás de cada invento, descubrindo así grandes inventorAS.

 


O alumnado de 6º curso de Primaria, pola súa banda tivo a oportunidade de aprender sobre a precursora do cine Alice Guy coa proposta "Cinema de Historias" da man de Raquel Queizás.

 

E como non ..., a rapazada de Infantil tamén gozou cunha "Contada pola igualdade"
 


Moitísimas grazas Raquel!!
 
A igualdade conta