25 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA 2023

Para celebrar o 23 de febreiro o aniversario de Rosalía de Castro, no CEIP Amor Ruibal desenvolvemos diversas actividades de investigación, lectoescritura, oralidade e musicais para coñecer e divulgar a vida e obra da nosa autora máis universal.

Posto que a conmemoración coincidiu este ano xusto á volta das vacacións do Entroido, o alumnado elaborou as súas propias máscaras rosalianas así como chapas e puntos de lectura emblemáticos.


E, coas máscaras postas, todo o alumnado de Infantil e Primaria recitou con grande entusiasmo o harmonioso e sonoro poema `Parece unha rosa´ (primeira parte de `Vente rapasa´ de Rosalía de Castro, incluído en "Cantares Gallegos"), que podemos ver e escoitar no vídeo seguinte, coas estrofas ilustradas fermosamente polo alumnado de 6º B de Primaria.


 

 

18 de febreiro de 2023

VENRES DE ENTROIDAR

 Xornada xenial de entroidar no CEIP Amor Ruibal con espectaculares disfraces, desfiles e moita, moitísima diversión!

Un millón de grazas, familias, 

pola vosa inestimable colaboración!!!

 

FELIZ ENTROIDO!!!


16 de febreiro de 2023

CORRIDA DO GALO 2023

Hoxe remataron no patio escolar as xornadas de demostración da Corrida do Galo dirixidas ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e organizadas polo Concello de Barro ao través da OMIX coa colaboración do CEIP Amor Ruibal.

Pili Álvarez, encargada da OMIX, explicou ao alumnado a orixe e normas deste xogo tradicional co que dá comezo a programación do Entroido de Barro en todas as parroquias.

Aínda que conserva o mesmo nome, actualmente substitúese o galo por laranxas bravas, ensartadas en varas anudadas por vimbios. As persoas xogadoras teñen que bater nelas cos ollos tapados ata lograr tiralas todas. Soamente se pode facer un intento de cada vez e gaña a persoa que tire a última das laranxas. O premio é un galo de curral vivo mais, no seu lugar, a rapazada participante no colexio recibiu unhas chuches deliciosas.


É un divertimento fantástico que foi moi importante até o século XIX, de aí o seu valor cultural e a razón pola que o goberno local tenta recuperala de novo para gozo e desfrute da veciñanza.
 
Moitísimos Parabéns!!!
 
Moitísimas Grazas!!!


ENTROIDO 2023: 3º MANDADO DE MIMI

 Mandado de MIMI cumprido neste día con grandísima alegría!

Graciñas mil, familias,

polo voso incansable apoio!!!


15 de febreiro de 2023

ENTROIDO 2023: 2º MANDADO DE MIMI

Que ben cumpriron as nosas nenas e nenos o segundo mandado de MIMI!

Moitísimas grazas, familias, pola vosa implicación!!!

14 de febreiro de 2023

ENTROIDO 2023: 1º MANDADO DE MIMI

Hoxe arrancou no CEIP Amor Ruibal a celebración do Entroido que vén marcado, un ano máis, polos mandados de MIMI, a mascota da nosa Biblioteca.

Como ben podedes ver, o mandado deste martes foi cumprimentado con moi boas artes.

Moitísimas grazas, familias, pola vosa colaboración!!!