19 de setembro de 2018

Leonardo e os fontaneiros

Tal e como contabamos na entrada anterior, o pasado mércores acudimos á Nave da Música para gozar coa adaptación teatral de "Leonardo e os fontaneiros" representada pola compañía Ubú Teatro.
Posteriormente, o Sr. alcalde, Xosé Manuel F. Abraldes e Mónica Alba, dinamizadora na OMIX de Barro, estiveron na Biblioteca do noso centro para presentar o inicio de actividades na Biblioteca Pública e agasallar ao alumnado de Primaria con cadanseu exemplar de "Leonardo e os fontaneiros" de María Victoria Moreno. 

No seguinte vídeo recollemos un resumo fotográfico destes dous actos.



Moitísimas Grazas!
Bo curso a todos e a todas!

13 de setembro de 2018

Inauguración do curso escolar 2018-19

Onte, a ilusión de alumnado, profesorado e familias encheu as aulas do CEIP Amor Ruibal de Barro na inauguración do novo curso escolar.

Como colofón á emocionante xornada, a comunidade educativa gozou na Nave da Música da magnífica adaptación teatral de Ubú Teatro da obra Leonardo e os fontaneiros de María Victoria Moreno (Letras Galegas 2018), cunha posta en escena tan impecábel coma divertida.

O acto, organizado polo Concello e promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra, contou coa presenza do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes e de José Sanmartín (tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos), Amelia Cancela (concelleira de Benestar Social, Educación e Sanidade) e Pili Álvarez (responsable da Biblioteca Pública e OMIX de Barro).

Na súa mensaxe de benvida, o alcalde reiterou o compromiso do Concello coa educación e coa cultura no marco da fluída colaboración co noso centro que tanto beneficia ás nosas crianzas.

Moitísimas grazas!


Feliz curso escolar 2018-19!

11 de setembro de 2018

Arranca un novo curso

A comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro ten mañá unha cita moi importante: A inauguración do curso escolar 2018-19.
Ás 9:00 h recibiremos ás familias no centro e, ás 12:00 h, alumnado, profesorado e familias asistiremos na Nave da Música a unha actividade organizada polo Concello e promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra: A representación teatral de "Leonardo e os fontaneiros" de Ubú Teatro, obra homónima de María Victoria Moreno Márquez, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018.

Agardámosvos!