30 de novembro de 2022

XXII CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O Concello de Barro vén de convocar a través da OMIX o tradicional Concurso de Postais de Nadal no que participamos todos os anos. 


PRAZO: A data límite de entrega será o 19 de decembro de 2022 (inclusive).

CATEGORÍAS:
Categoría A: Categoría A: infantil só para centros escolares (pequeno detalle por participar).
Categoría B: 1º e 2º de primaria (traballo individual)
Categoría C: 3º e 4º de primaria (traballo individual)
Categoría D: 5º e 6º de primaria (traballo individual)
Categoría E: 1º e 2º ESO (traballo individual)
Categoría F: 3º e 4º ESO (traballo individual)
Categoría G: en equipo que pode estar formado por: nenos e familiares ou amizades, cun máximo de tres persoas.

PARTICIPANTES:
Cada participante poderá entregar un máximo de dúas postais.

PRESENTACIÓN:
- As postais realizaranse nun tamaño de medio folio DIN-A4 e poden ser en branco e negro ou en cor.
- O tema é libre.
- O idioma empregado na realización das postais será o galego.


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!


25 de novembro de 2022

25N 2022

Ao longo desta semana desenvolvéronse nas aulas diversas actividades de concienciación, sensibilidade e reflexión no marco da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

E hoxe, 25 de novembro, autoridades municipais e a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro reunímonos diante do edificio do concello para lembrar ás nenas, mozas e mulleres que "xa non están" e reivindicar a fin desta eiva social que tanta dor provoca. Fixémolo cantando Por elas de Adhara & Ritman arredor dun 25-N xigantesco, formado por zapatos vellos pintados de vermello, unha idea orixinal da artista mexicana Elena Chauvet, utilizada en países de todo o mundo para visibilizar ás vítimas da violencia machista.

"Polas que veñen

e polas que virán.

Polas que estamos,

polas que xa non están."


Moitísimas grazas, Concello de Barro e familias, pola 

vosa inestimable colaboración!!!

15 de novembro de 2022

20N 2022

Fantástico vídeo de alumnado de 6º de Primaria para conmemorar o Día Universal da Infancia 2022, divulgando os dereitos das nenas e dos nenos, recollidos na Declaración dos Dereitos da Infancia de 1959 e na convención sobre os Dereitos da Infancia de 1989, o tratado internacional máis ratificado da historia.

Ademais, como aínda estamos a celebrar o Xacobeo 2022, as mozas e mozos de 6º agasallaron a todo o alumnado e persoal docente e non docente do centro con cunchas rotuladas con corazóns vermellos e a lenda "20-N", como recordo deste día e símbolo do necesario que é o correcto cumprimento destes dereitos para que todas as nenas e todos os nenos teñan unha gozosa peregrinaxe pola vida.

Que así sexa!!!



Podemos ver tamén o vídeo no web do Portal da Lingua Galega premendo aquí.

Bo traballo!!!

Moitísimos Parabéns!!!


13 de novembro de 2022

FEIRA DA CIENCIA NA BIBLIOTECA

No marco da celebración do Mes da Ciencia en Galego, as alumnas e alumnos de 5º de Primaria organizaron unha magnífica Feira da Ciencia na nosa Biblioteca. Durante toda a semana deseñaron carteis, prepararon os materiais necesarios para a exposición e ensaiaron para que todo saíse perfecto.

O xoves, as nenas e nenos de 1º, 2º e 3º de Primaria visitaron a exposición, desfrutando en vivo e directo de ilusións ópticas e outras experiencias como: obxectos que se manteñen suspendidos na auga coa axuda de perlas xel (Orbeez) transparentes, candeas que fan subir a auga polo efecto baleiro, debuxos que desaparecen dependendo de como os mires e debuxos flotantes que se transforman en tatuaxes.

O venres foi a quenda do alumnado de 4º e 6º de Primaria, que experimentaron con reaccións químicas como a do vinagre co bicarbonato de sodio observando, en primeiro lugar, a escuma na erupción dun volcán e, en segundo lugar, os gases que se producen cun globo que se inchaba só. Tamén comprobaron as calidades do fluído non-newtoniano que, dependendo da forza que se lle aplique, resulta líquido ou sólido. Por último, aprenderon a mirar a través dun microscopio e a recoñecer os materiais que se utilizan.


Foron uns días moi intensos!!!

Moitísimos Parabéns!!!

10 de novembro de 2022

EXPOSICIÓN `MAQUETAS DE CÉLULAS´

Hoxe inauguramos na Biblioteca a xenial exposición Maquetas de células, creadas polo alumnado de 5º e 6º de Primaria con materiais funxibles e de refugallo.

É unha das múltiples actividades que desenvolvemos en novembro, o #MesDaCienciaEnGalego nas Bibliotecas Escolares de Galicia.


Moitísimos Parabéns!!!

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2022

O mes de novembro é o MES DA CIENCIA EN GALEGO nas Bibliotecas Escolares de Galicia, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O manifesto elixido para este ano 2022 leva por título O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica e está escrito por José Tubío, profesor, investigador e divulgador na USC, que gañou no mes de maio un Premio Internacional pola súa contribución en varios dos descubrimentos máis importantes sobre o cancro.

Podedes ler o texto aquí e berrar ben forte "Terra á vista!"


9 de novembro de 2022

CONTACONTOS NO SAMAÍN

Alumnado de 6º voluntario da nosa Biblioteca desenvolveu polo Samaín fantásticas sesións de contacontos co alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria.

`Corre corre, cabaciña´ de Eva Mejuto e `A miña amiga a escuridade´ de Ella Burfoot foron os títulos escollidos para as crianzas de Infantil, que seguiron a escoita con moito interese e atención. Pola súa banda, as nenas e nenos de Primaria gozaron a tope coas historias de medo súper orixinais creadas para a ocasión polo propio alumnado de 6º.


Moitísimos Parabéns!!!

Moitisimas Grazas!!!

5 de novembro de 2022

XINCANAS LITERARIAS

Marabillosa participación do alumnado de 4º, 5º e 6º curso de Primaria nas Xincanas Literarias desenvolvidas na Biblioteca Pública no marco do proxecto #MesDaBibliotecaBarro promovido polo Concello de Barro ao través da OMIX

En grupos, as nenas e nenos realizaron diferentes probas e resolveron con éxito unha serie de enigmas seguindo distintas pistas agochadas entre os volumes da biblioteca. 

Previamente, escoitaron as interesantes historias de vida relatadas por avós do concello, que souberon atrapar moi ben a atención da audiencia.


Moitísimos Parabéns!!!

Moitísimas Grazas!!!

3 de novembro de 2022

ENTREGA DO XIII PREMIO MIMI

Hoxe foi un día moi especial para a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro, que asistiu co corazón quentiño á entrega do XIII Premio MIMI a TANXUGUEIRAS polo uso, defensa e difusión da lingua e cultura galega.  

Unha emocionadísima Aida Tarrío, en representación do grupo, subiu ao escenario para recoller o Premio da man do alumnado de 6º de Primaria, que non cabía de gozo por compartir escenario coa artista. 

O acto tivo lugar na Nave da Música de Barro, que vibrou a todo vibrar cos bailes e cancións coreadas por todas as nenas e nenos, que deron o do de peito co afamado Terra, que tan ben achegou os ritmos e a enerxía de noso polo mundo adiante grazas a Sabela, Olaia e Aida.

Antes da despedida con sonoros aplausos, bicos e apertas mil, Aida asinou no Libro de Honra da nosa Biblioteca e posou con todas as nenas e nenos.


Moitísimos Parabéns!!!   Moitísimas Grazas!!!

Querémosvos!!!

Graciñas de corazón ao Concello de Barro 

pola súa inestimable colaboración!!!