22 de febreiro de 2020

DESFILE DE ENTROIDO 2020

O noso venres de Entroido encheu de alegría e color o patio escolar, que acolleu un animado e vistoso desfile para gozo e desfrute de alumnado e profesorado.


Moitísimos Parabéns pola fantástica participación!!!

Bo Entroido!!!

20 de febreiro de 2020

MANDADOS DE MIMI 2020

Os tradicionais mandados de MIMI. cos que arranca o noso Entroido escolar, xiraron este ano arredor dos temas que estamos a traballar no proxecto anual de centro: `BARRRO: Vivir e Convivir´.

O martes, mércores e hoxe, xoves, reunímonos no patio para falar, bailar, cantar, xogar, rir, gozar..., cumprindo cos mandados con moito enxeño, creatividade e alegría.
E mañá, no día grande do noso entroido, xa sabedes:
 Moitísimas grazas a todas as persoas implicadas pola vosa colaboración e participación!!!

19 de febreiro de 2020

Corrida do Galo 2020


Hoxe remataron no patio escolar as xornadas de demostración da `Corrida do Galo´, dirixidas ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria e organizadas polo noso Concello coa colaboración do profesorado de Ed. Física. 

Pili Álvarez, encargada da OMIX, explicou a orixe deste xogo tradicional co que dá comezo a programación do Entroido de Barro en todas as parroquias, para gozo e desfrute da veciñanza.

Aínda que conserva o mesmo nome, actualmente substitúese o galo por laranxas (non comestibles), ensartadas en varas anudadas por vimbios. As persoas xogadoras teñen que bater nelas cos ollos tapados ata lograr tiralas todas. Obxectivo que acadou entre risas o noso alumnado, que xogou en equipos e se divertiu a base de ben.


8 de febreiro de 2020

RECICLA CON PILABOT

Comezou a pasada semana a andaina do noso centro no Concurso de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores, PILABOT, convocado pola Xunta da Galicia, xunto a Ecopilas, Ecolec e ERP.
Con esta iniciativa pretendemos concienciar da importancia desta campaña acorde co noso Proxecto este curso: BARRRO vivir e convivir. Máis alá do premio (unha dotación económica para o centro para mercar material escolar, deportivo ou realizar actividades educativas), queremos animar a toda a comunidade educativa a participar con nós no coidado polo medioambiente, tamén na nosa localidade, Barro.


O alumnado de 4º nivel, responsable de poñer en marcha esta campaña, informou nas aulas sobre o concurso e repartíu as follas informativas e caixas colectoras de pilas para o alumnado de Primaria.
Tamén estiveron nas aulas de Infantil para contarlles que eles non poden participar no concurso traendo pilas nas súas mochilas, pero deixaron como agasallo unha ficha co debuxo da mascota do concurso elaborado por Martín.

Neste curto espazo de tempo temos xa un colector cheo,
imos polo segundo.

Moitísimas grazas a todos e todas pola vosa implicación!