18 de setembro de 2022

O MUSEO EN CAMIÑO con Raquel Queizás

Moito gozou o alumnado de 1º e 2º de Primaria, o pasado venres na nosa Biblioteca, con Raquel Queizás e a súa representación teatral O Museo en Camiño: volta á ruta. A actividade enmárcase no programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e está promovida en colaboración co Museo Provincial de Pontevedra, Gestión Cultural-Taller Abierto e Paspallás.

Raquel Queizás, actriz, monicrequeira, filóloga e contadora de historias, achegou á nosa cativada, dun xeito ben ameno, didáctico e divertido, reproducións en miniatura de valiosas pezas do Museo de Pontevedra relacionadas co Camiño de Santiago e, máis concretamente, co Camiño Portugués, do que Barro forma parte. A posta escénica complementouse á perfección con fermosos relatos relacionados co inmenso valor do noso patrimonio natural e cultural e o respecto polo medio ambiente.

As nenas e nenos seguiron con moita atención a representación e amosaron coñecer moi ben o seu patrimonio máis cercano cando se tocou, por exemplo, o tema dos petróglifos ou aspectos varios do Camiño Portugués, xa que logo foron centros de interese e investigación do Proxecto Documental Integrado do curso pasado.

Antes da despedida, o alumnado recibiu cadanseu prego didáctico ilustrado, con interesante información sobre o Camiño de Santiago e o patrimonio máis representativo do Museo de Pontevedra.

Moitísimas grazas!!! 

27 de xuño de 2022

FACENDO CAMIÑO POR PERDECANAI

Fermosas lembranzas do noso camiñar por terras de Perdecanai ata chegarmos á lexendaria Pedra do Home, con paradas obrigadas na explanada da igrexa de Santa María de Perdecanai, na fonte de Mourís, de auga doce e fresca, e no curioso cruceiro de Triabá, coa serpe enrolada, do que dá conta Castelao en Cousas, a súa creación literaria máis orixinal. 

Camiñante, non hai camiño.

Faise camiño ao andar . . .


26 de xuño de 2022

Entrega de Orlas 2022

O pasado martes, 21 de xuño, celebramos no noso centro o acto de Graduación e Entrega de Orlas ao alumnado que rematou as etapas de Educación Infantil e Primaria neste curso escolar 2021-22.

Ás 10:30 celebrouse o acto para 6º de Infantil, co acompañamento de familiares ademais do alumnado de 4º e 5º curso de Infantil. Ás 12:30 tivo lugar o acto para 6º curso de Primaria, acompañado tamén de familiares e alumnado de 4º e 5º de Primaria.

Podedes ver a continuación os vídeos resumo dos dous actos:




MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

FELIZ ANDAINA NA NOVA ETAPA!!!

23 de xuño de 2022

ENTREGA DIPLOMAS VOLUNTARIADO

O alumnado de 5º e 6º curso de Primaria, axudante da Biblioteca Escolar e participante no Programa de Voluntariado de lectura - A,  recibíu o pasado martes un diploma acreditativo e un pequeno agasalllo pola súa colaboración no devandito programa. 


Moitísimas grazas polo voso esforzo e implicación!!

Vémonos na biblioteca!!

22 de xuño de 2022

A BUSCA DO TESOURO

Para poñer o broche de ouro a este curso tan especial, o alumnado de 2º e 3º de Primaria participou no xogo A BUSCA DO TESOURO.

Os equipos organizados, seguiron o plano do colexio para atopar as pistas agochadas en distintos espazos e así realizar as diferentes probas: operacións matemáticas, simetrías, recitar versos, facer unha torre de vasos, buscar seres vivos... Ata por fin dar co tesouro!

Encantoulles a actividade! Aquí tedes os resultados!






APERTAS ENORMES E FELICES VACACIÓNS!!!

20 de xuño de 2022

ENTREGA DE AGASALLOS A INFANTIL E 1º DE PRIMARIA

Amelia Cancela, concelleira de Benestar Social, Educación e Sanidade, e Pilar Álvarez, responsable da OMIX e Biblioteca Pública de Barro, estiveron na nosa Biblioteca para felicitar a todo o alumnado de Infantil pola súa marabillosa participación no concurso "AS VERBAS QUE CONTAN 2022" convocado polo Concello de Barro e entregar a cada aula uns lotes de libros que lles fixeron unha grandísima ilusión.

Asemade, as nenas e nenos de 1ºA que acadaron o 1º premio na súa categoría coa obra colectiva O can duque perdido, recibiron con grande alegría os seus merecidos diplomas de participación e uns prácticos materiais de escritura para seguir creando e gozando.

 

MOITÍSIMAS GRAZAS!!!

 

2º E 3º NO PROXECTO "BARRO NO CAMIÑO"

A pasada semana, o alumnado de 2º e 3º de Primaria foi visitar os carteis que realizaron para proporcionar información ás persoas peregrinas, dentro do proxecto "Barro no Camiño". Aproveitaron para deixar a súa sinatura plasmada.



Destacamos, unha vez máis, a excelente colaboración do Concello de Barro.
 
MOITÍSIMAS GRAZAS!!!
 
 

14 de xuño de 2022

FANTÁSTICOS CARTEIS SOBRE BARRO E O CAMIÑO DE SANTIAGO

O alumnado de 2º e 3º de Primaria estivo traballando ao longo de todo o curso nun proxecto apaixonante sobre o Camiño de Santiago, contextualizado no Xacobeo 21-22. Cos obxectivos de axudar e aconsellar aos peregrinos e peregrinas que pasen por Barro e de promocionar o noso pobo e o Camiño de Santiago, fixeron diferentes investigacións, entrevistas e vídeos. 

Agora, todas estas ideas están recollidas nuns carteis que o Concello colocou no tramo do Camiño Portugués que pasa por Barro. Concretamente, están ubicados en tres puntos: San Amaro (metros despois do Mesón Don Pulpo), Valbón (metros antes do restaurante O Camiño da Eira) e metros antes de chegar ás Fervenzas do Barosa. 

Convidámosvos a achegarvos a eles. Temos a seguridade de que vos gustarán!!!

Deixamos aquí algunhas fotos do resultado final:





















Moitísimas grazas ao Concello de Barro 

pola súa constante e magnífica colaboración!!!

 

31 de maio de 2022

DÍA MUNDIAL SEN TABACO 2022

Hoxe, 31 de maio, conmemórase o Día Mundial Sen Tabaco. Con tal motivo, e no marco do proxecto no que participamos de Prevención de Condutas Adictivas dos concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas, queremos sumarnos á Organización Mundial da Saúde (OMS), co fin de resaltar os riscos asociados ao tabaquismo, tanto para a saúde como noutros ámbitos, e avogar por políticas eficaces para reducir o inicio do seu consumo e fomentar o seu abandono entre as persoas fumadoras.

O lema deste ano 2022 céntrase na protección do medio ambiente:

ENVELENA O NOSO PLANETA

#TOBACCO EXPOSED


28 de maio de 2022

VENRES DE CONTO CO VOLUNTARIADO DE BIBLIO

A cativada de Infantil gozou na mañá de onte cunha contada moi especial dun grupiño de alumnas e alumnos de 5º curso, integrantes do equipo de axudantes da Biblioteca. Prepararon con moita ilusión o conto Paco Papán, de Patacrúa e publicado por OQO editora.

 

 Gozárono moitísimo!!


22 de maio de 2022

BARRO NO CAMIÑO: SENDEIRISMO

Ruta de sendeirismo, enmarcada no PDI deste curso "BARRO NO CAMIÑO", realizada por alumnado e profesorado de Primaria o pasado venres, polo tramo do Camiño Portugués que vai dende o noso centro ata a Barosa.



Unha auténtica gozada de camiñada!!!

Moitísimas grazas ao Concello e Protección Civil de Barro 

pola súa eficaz colaboración!!!

16 de maio de 2022

RESOLUCIÓN DO CONCURSO "AS VERBAS QUE CONTAN 2022"

O Concello de Barro, ao través da OMIX, vén de publicar a resolución do concurso "AS VERBAS QUE CONTAN 2022" convocado no marco da conmemoración das Letras Galegas e que contou cunha altísima participación, coa aportación de obras de grandísima orixinalidade e calidade.

A relación das obras gañadoras e finalistas do alumnado do noso centro é a seguinte:

CONTOS

  • Categoría 1º e 2º de Primaria:
          Gañadora: O can duque perdido 
                           do alumnado de 1ºA (obra colectiva).
          Finalista:  As súper amigas 
                          de Lara Fernández Cancela (2ºB).
  • Categoría 3º e 4º de Primaria
          Gañadora: Luca e asno nas súas aventuras 
                           de Daniela García Cochón (3ºA).
          Finalista:  O monstro bo 
                          de Candela Collazo González (4ºA).
  • Categoría 5º e 6º de Primaria
          Gañadora: Cumpre o teu soño con Marta 
                           de Melody Fernández Barata (5ºA).
          Finalista:  Un can diferente 
                          de Hugo Francisco Sueiro Crespo (5ºC).

POESÍA
  • Categoría 1º e 2º de Primaria:
          Gañadora: Mariña (acróstico) de Mariña Frieiro Silva (2ºB).
          Finalista:  Música (acróstico) de Ainara Rodríguez Filgueira (2ºA).
  • Categoría 3º e 4º de Primaria:
          Gañadora: Estrela (acróstico) de Yaniri Domínguez González (3ºA).
          Finalista:  Amor (acróstico) de Iván Gago García (3ºA).
  • Categoría 5º e 6º de Primaria
          Gañadora: Lucas (acróstico) de Lucas Lede Zarco (5ºA).
          Finalista:  A lúa (caligrama) de Álex Vilas Fernández (6ºB).


Moitísimas grazas a todas as persoas participantes!!!

Moitísimos Parabéns ás persoas premiadas!!!


O acto de entrega de premios ás persoas gañadoras e finalistas terá lugar o vindeiro sábado, 21 de maio, ás 12:00 h na Nave da Música. Ademais, entregaranse 65 diplomas ás persoas creadoras das obras seleccionadas na primeira criba do concurso "AS VERBAS QUE CONTAN 2022"

O alumnado gañador e finalista, por categorías, lerá as súas obras.

Animádevos a asistir!!!

13 de maio de 2022

O XIII PREMIO MIMI É PARA...

As mozas e mozos de 5º curso de Primaria presentaron onte a todo o alumnado e profesorado as candidaturas recibidas este ano para o XIII Premio MIMI que o noso centro concede a persoas que destacan polo uso, defensa e difusión da lingua galega. Son as seguintes:

E hoxe tivo lugar unha emocionadísima xornada electoral, na que alumnado e profesorado emitiu o seu voto. Unha vez realizado o escrutinio, deuse a coñecer a candidatura gañadora que resultou ser 

TANXUGUEIRAS!!!

Moitísimos Parabéns!!!

E graciñas de corazón a todas as persoas e entidades colaboradoras que, ano tras ano, colaborades con nós para manter vivo este fermoso proxecto!!!


No seguinte vídeo podedes ver un resumo do proxecto coa presentación de candidaturas, votacións, escrutinio e proclamación da candidatura gañadora:


9 de maio de 2022

DÍA DE EUROPA 2022

Para conmemorar o Día de Europa 2022, o alumnado do CEIP Amor Ruibal creou un fermoso mural colaborativo que reflicte a profunda solidariedade dos vintesete países integrantes na Unión Europea con Ucraína, en clara resposta á terrible invasión militar rusa.

A banda branca que atravesa o mural simboliza un dos corredores humanitarios creados en Ucraína para evacuar á poboación civil e abastecer de auga, alimentos, medicinas e outros produtos básicos ás persoas que quedaron cercadas. Nel pódense ler valores básicos que sustentan a boa relación dos países da Unión Europea. A tradución ao ruso correu a cargo do alumnado ucraíno integrado no noso centro dende hai unhas semanas.


E así como resoan nos nosos corazóns os acordes do Himno da Alegría, que é o Himno de Europa, desexamos que sexan estes sons e non o ruído ensordecedor dos disparos e das bombas os que se espallen por Ucraína e toda Europa.

PAZ PARA UCRAÍNA E PARA EUROPA!!!