24 de xuño de 2019

Recomendacións lectoras

Ofrecemos as nosas recomendacións lectoras para este tempo de verán:




Feliz Verán e Felices Lecturas!!!

23 de xuño de 2019

Graduación e Entrega de Orlas 2019

O xoves 20 de xuño celebramos no CEIP Amor Ruibal o Acto de Graduación e Entrega de Orlas ao alumnado que rematou neste curso as etapas de Infantil e Primaria.
O emotivo acto, que contou coa presenza de familiares, tivo lugar no ximnasio do centro ás 10:00 h para 6º de Infantil e ás 12:00 h para 6º de Primaria. Este último estivo amenizado pola Banda da Escola de Música de Barro, integrada na súa meirande parte por alumnado e ex alumnado do noso centro, e dirixida por Santi Mella, colaboración que agradecemos de corazón.

Podedes ver a continuación os vídeos que resumen en imaxes o acontecido.






Moitísimos Parabéns!!!


22 de xuño de 2019

Martiño e o Camiño

No mes de xaneiro, recibimos na Biblioteca do cole aos creadores do libro "O Clan de Martiño":
  • Roberto Rivas (autor do guión), 
  • Iván Bello (autor dos textos) e 
  • Ana Seoane (autora das ilustracións). 
Dabamos conta da visita nunha entrada no blog:

A partir da súa lectura, o profesorado implicado no Programa de Robótica Educativa en Primaria, en colaboración co Equipo de Biblioteca, deseñou un site para levar adiante o proxecto que chamamos `Martiño e o Camiño de Santiago´:


Neste proxecto participou alumnado e profesorado de 3º e 4º de Primaria. Desenvolveuse nas áreas de Linguas (Española, Galega e Inglesa), Ciencias Naturais, Matemáticas, Valores e ALFIN.
Para o seu desenvolvemento, creamos catro misións que debían ser resoltas en pequenos grupos de traballo, cun personaxe central, "Martiño", poñendo énfase nas estratexias de aprendizaxe cooperativa. No blog de 3º e 4º curso podedes seguir todo o proceso deste traballo:



Moitísimas grazas a Roberto Rivas, Iván Bello e, en especial, a Ana Seoane, pola autorización para empregar as imaxes de Martiño!

Con Martiño ... moito gozamos do Camiño!!!

Axudantes da biblioteca

Esta semana recibimos no centro as camisetas e os diplomas que acreditan a participación no Programa "Bibliotecas Escolares Solidarias" dentro da modalidade de Voluntariado de Lectura - A,  promovido pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.


O alumnado de 5º e 6º de Primaria que colaborou este curso como Axudante de Biblioteca acudíu á Biblioteca para recibir da man das mestras responsables cadanseu diploma.

Moitísimas grazas!!!


21 de xuño de 2019

A memoria dos nosos

Presentamos no seguinte enlace a publicación do libro coa recompilación de ditos e refráns, adiviñas, cantigas e recitados de Barro e a súa contorna que creamos no centro coa colaboración das familias e que titulamos "A memoria dos nosos", pois recolle as aportacións de avós, avoas e demais familiares do noso alumnado.



Dabamos conta desta actividade nunha entrada anterior dentro da programación do centro polas Letras Galegas : "As avoas contan..." https://oblogdemimi.blogspot.com/2019/05/letras-familias.html


Moitísimas grazas a todas as familias participantes!

Para nós...

AS FAMILIAS CONTAN!

20 de xuño de 2019

Contacontos interciclos

Para desenvolver a actividade de "Contacontos Interciclos" propuxemos ás distintas aulas facer un contacontos coas producións de carácter literario derivadas do proxecto anual "A revolución" e dos libros que, dentro do mesmo, traballaron nos distintos niveis ou ciclos.
As obras elexidas, en lingua española na súa maioría, foron traballadas tamén en galego e todos os produtos finais para o contacontos desenvolvéronse en Lingua Galega.

Así, o alumnado de 1º e 2º curso que realizou o seu proxecto a partir da lectura da obra "Memorias de una gallina" de Concha López Narváez, preparou un kamishibai e unha lectura teatralizada, respectivamente.

Na mañá de onte, fixeron o contacontos na biblioteca: O alumnado de 1º, para a cativada de Educación Infantil, e o alumnado de 2º, interactuou co de 4º de Primaria.


O alumnado de 4º, pola súa banda, presentou ao alumnado de 2º as súas poesías e o traballo realizado (xunto co alumnado de 3º de Primaria e 6º curso de Infantil) para a exposición do Salón do Libro de Pontevedra a partir da lectura do poemario "Bolboretas no papel" de Antonio García Teijeiro.


Grandísimo traballo!

Parabéns artistas!

12 de xuño de 2019

Concurso de Portadas

 
Un ano máis, e xa imos pola XIX edición, sairá publicada a nosa revista escolar. É por isto que estamos en tempo de publicar o tradicional Concurso de Portadas para a nosa revista escolar "Cousas nosas"

Podedes ler as bases deste ano picando na imaxe.

Animádevos a participar!

Entrega na biblio antes do martes, 18.

8 de xuño de 2019

Entrega do XI Premio MIMI a Peter Punk

Onte foi un día moi emotivo e alegre para a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro, que asistiu no Salón de Actos da Biblioteca Pública á entrega do XI Premio MIMI a PETER PUNK PALLASO polo seu compromiso coa lingua e cultura galega nos seus espectáculos, destinados a un público de 0 a 99 anos. O Premio consiste nunha talla en madeira de MIMI, a mascota da Biblioteca do colexio, feita polo artista de Barro, Fran Rodríguez Remiseiro.

O acto, que tamén contou coa presenza de alumnado e profesorado do IES de Barro, foi conducido polo alumnado de 5º de Primaria, responsable do proxecto, e estivo cheo de música, color, calor, amor e moito moitísimo humor. Non podía ser menos.

E, dende o momento en que PETER PUNK saíu ao escenario, as risas e gargalladas inundaron o Salón coa frescura e orixinalidade do pallaso galego máis destacado e xeneroso, agasallando ao público cunha boa mostra da súa xenialidade.

Ante a petición do alumnado, PETER PUNK posou pacientemente con todos os grupos do colexio e asinou unha fermosa dedicatoria no libro de visitas da nosa Biblioteca así como unha chea de autógrafos solicitados pola cativada.


MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

MOITÍSIMAS GRAZAS!!!


Moitísimas grazas ao Concello de Barro por facilitarnos a organización do acto no Salón de Actos da Biblioteca Pública e gracias especiais a Manuel Fariña e Adrián Silva Magdalena polo seu apoio técnico.

5 de xuño de 2019

Entrega de agasallos a Infantil

O alcalde, Xosé Manuel F. Abraldes, e Pili Álvarez, responsable da OMIX e Biblioteca Pública, estiveron hoxe na Biblioteca do noso centro para agasallar ás seis aulas de Infantil con caixas cheíñas de contos e os seus correspondentes diplomas como recoñecemento á marabillosa participación deste alumnado no concurso `Os contos que contan 2019´ convocado polo Concello.

  









      Moitísimos Parabéns!!!

       Moitísimas Grazas!!!

31 de maio de 2019

XI Premio MIMI ao Persoeiro do Ano

Esta semana o alumnado de 5º curso de Primaria, responsable deste proxecto ano tras ano, expuxo o seu traballo de investigación presentando as candidaturas recibidas.


A continuación todo o alumnado e profesorado do centro votou e tralo escrutinio puidemos coñecer ao vencedor desta edición que recaeu no pallaso "Peter Punk" como anunciabamos na entrada anrerior.

No seguinte vídeo podedes mirar como se desenvolveu esta actividade:


29 de maio de 2019

XI Premio MIMI

O alumnado de 5º curso de Primaria fixo estes días a exposición e presentación de candidaturas correspondentes ao proxecto Premio MIMI ao Persoeiro do Ano do que é o principal responsable.

Os candidatos e candidatas propostos este ano son:


Logo da votación e posterior escrutinio, resultou gañadora a candidatura presentada pola Coordinadora Comarcal "Terras do Umia" que recaeu no pallaso Isaac Rodríguez de nome artístico
 "Peter Punk".

Moitísimas grazas ás persoas e entidades que ano tras ano colaboran con nós para conseguir que este proxecto siga avanzando e ... como non podía ser menos ...

Moitísimos Parabéns ao gañador!!!

27 de maio de 2019

As avoas contan ...

Para conmemorar as Letras Galegas, este ano dedicado a Antón Fraguas, elaboramos no centro, a petición do equipo de Educación Infantil, un pequeno poxecto sobre "Os hórreos e a labranza na contorna".
Convidamos ás familias a participar con nós na recollida de ditos, refráns, cantigas, adiviñas, ... da zona con esta temática e o resultado estámolo recollendo nun libriño que publicaremos en breve.

Tamén se achegaron á Biblioteca do centro durante esta semana tres avoas que narraron as súas vivencias e o seu saber neste campo ás aulas das súas netas e netos nunha pequena charla.

Así, Elena, avoa de Iker Martín de 6º de Infantil-A, contounos o que era "facer a ceifa" ( o proceso de plantación do millo)  do que  nos explicou tres pasos: arar, sementar e recolectar.

Rosa, avoa de Borja e Pablo de 2º B e 6º A, respectivamente, trouxo unha grade e un arado de pau e explicou na súa charla o proceso de plantación de cereais, especialmente o millo e o centeo, cando ela era máis nova e todo se facía manualmente.

Elena, avoa de Elba de 4º de Infantil-B e Candela de 2º B, falou dos usos do hórreo e as súas partes así como da plantación do millo, o proceso de moenda e a elaboración do pan feito con este cereal. Amosounos unhas espigas e unha bola de pan de millo que probamos con moito gusto; estaba boísimo!!

Queda todo resumido no seguinte vídeo:



Moitísimas  grazas a todas as persoas que participastes coas vosas achegas!!

Moitísimas grazas especialmente a Elena, Rosa e Elena 
por achegarvos á Biblioteca e compartilo con nós!

21 de maio de 2019

O casamento da pulga

No marco de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao escritor, etnógrafo, historiador e antropólogo Antón Fraguas, o alumnado de 4º quixo homenaxear a este persoeiro representando un dos textos recollidos polo el.

O escrito elixido foi O Casamento da pulga, un conto escrito en verso que os/as rapaces/as prepararon a modo de obra de teatro con moito agarimo para representar na Biblioteca ante o alumnado máis novo.

Como colofón, cantamos e bailamos a versión de Migallas titulada O piollo e a pulga.



Moitísimas grazas pola vosa colaboración!
Fixéstelo moi ben!!

Actuación do Grupo de Danzas Amor Ruibal

Hoxe, a nosa comunidade educativa tivo o privilexio de gozar, no Salón de Actos da Biblioteca Pública, dunha emotiva actuación do Grupo de Danzas Amor Ruibal, protagonizada por alumnado de Infantil e Primaria do noso centro que está no histórico grupo, acompañado por integrantes de máis longa traxectoria.


Pandeiretas, bombo, tamboril, gaita e voces resoaron con forza no Salón que vibrou coas cancións e bailes do noso repertorio de música tradicional que alumnado, profesorado e familias seguiu entusiasmado.




Unha auténtica gozada!

Parabéns e Moitísimas Grazas!!!




19 de maio de 2019

Visita de Mark Wiersma

O pasado martes, día 14, o alumnado dos cursos superiores da Primaria (de 3º a 6º) recibiu na Biblioteca do centro ao escritor e músico californiano, residente en Santiago de Compostela, Mark Wiersma.

Mark presentou o seu libro "Sira e o robot. Crazy times on planet Earth", segundo da serie e publicado grazas a unha iniciativa de crowdfunding, e adiantou que o terceiro sairá cara o vindeiro curso.
Estes libro-discos, escritos en galego e inglés, son froito da colaboración entre Mark Wiersma e Miguel Mosqueira. Pretenden iniciar á cativada na lectura bilingüe dun xeito ameno e atractivo co aporte das cancións na lingua nai do californiano. 


Unha visita moi interesante e instrutiva!!
Grazas, Mark, pola túa achega!!

16 de maio de 2019

Contos para rir... Contos para pensar...

No curso 2018-19, o noso alumnado de 5º de Educación Primaria e 6º de Educación Infantil desenvolveron un interesante traballo de tradución ao galego de `Cuentos para reír... Cuentos para pensar...´. Esta obra é unha recompilación de contos de temática variada creados por alumnado de 8º de E.X.B. do CEIP Torre-Illa da Illa de Arousa, publicada pola División das Artes Gráficas de La Voz de Galicia, S.A. na Coruña no ano 1986.
O noso alumnado de Infantil traduciu o conto De como se formou a neve e o alumnado de 5º de Primaria traduciu os 34 contos restantes.

Podedes acceder ao traballo premendo no seguinte enlace:
https://issuu.com/colexiodebarro/docs/contos_para_rir_contos_para_pensar

Botádelle unha ollada!  Paga a pena!

15 de maio de 2019

Almorzos saudables

Na mañá de onte estivo na biblioteca do colexio Julia Búa, Psicóloga e responsable do Programa de Prevención das Drogodependencias e outras Condutas Aditivas no Concello de Barro, para falarlle ao alumnado de 1º curso de Primaria da importacia que ten a realización dun bo almorzo, que debe ser a comida máis completa do día.


A continuación fixo entrega dunhas bolsas cun "almorzo saudable" para degustar antes de baixar ao recreo. Contiñan un pequeno bocadillo de xamón, unha mazá e un iogur.

Comímolos con moito apetito!

Moitísimas grazas!!!



14 de maio de 2019

Resolución do concurso "Os contos que contan"

O Concello de Barro publicou xa a relación das persoas gañadoras e finalistas no concurso "Os contos que contan 2019".

A entrega de premios e lectura dos contos premiados terá lugar na Biblioteca Pública do Concello o vindeiro xoves 16 de maio ás 18:00 horas.

Queremos felicitarvos a todas e a todos por ser esta unha edición cunha grande participación!

Moitísimos Parabéns a todas as persoas premiadas!!


6 de maio de 2019

X Festa da Lingua

No marco da conmemoración das Letras Galegas 2019 participamos, o pasado venres 3 de maio, na X Festa da Lingua convocada pola Coordinadora Comarcal de EDLG Terras do Umia da que formamos parte. 

Como novidade, este ano a Festa celebrouse no Parque da Tafona grazas á colaboración do Concello de Caldas de Reis, o que propiciou unha grande participación tanto das comunidades educativas de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas coma de público en xeral.

Tivemos a grandísima sorte, ademais, de contar coa colaboración desinteresada, que agradecemos fondamente, de personalidades do mundo da cultura galega como a escritora María Lado (xurado dos Microtextos), a pintora, debuxante e deseñadora Iria Ribadomar (xurado das Microcreacións), o actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso (xurado do Contaumia), a cantante, guitarrista e compositora MJPérez (xurado do Sondoumia) e o cociñeiro Paco Feixó, a quen a Coordinadora entregou o Premio Lingumia 2019. Este premio é un recoñecemento ao seu labor de defensa e difusión da lingua galega no seu traballo cotián, no programa televisivo que desenvolveu na CRTVG, nos seus libros... na súa vida.
O acto abriu coa benvida do alcalde anfitrión, Juan Manuel Rey Rey, e seguiu cun programa tan intenso como variado: Proxeccións audiovisuais, entre as que cabe salientar un lip dub en homenaxe a Antonio Fraguas, actuacións musicais de alumnado de Primaria e Secundaria (concurso Sondoumia), monólogos (concurso CONTAUMIA) e entrega de premios dos concursos de Microcreacións e Microtextos, apartado no que subiu ao escenario a mestra e titora de 4º de Primaria do noso centro María José Barbosa López, gañadora na categoría E co seu microrrelato Ela.

Dúas horas ininterrompidas de emoción e diversión nas que foi marabilloso comprobar como persoas de diferentes idades gozamos dunha festa sensacional ao aire libre á que lle puxo o broche de ouro MJPérez coa súa fermosa canción Casandra, que o noso alumnado coreou a pleno pulmón e foi felicitado pola propia artista ao final da actuación.

Moitísimas grazas a todas as persoas participantes!!!

Moitísimos Parabéns ás persoas premiadas!!!

Parabéns especiais a MariaJo!!!


Podedes ver aquí un vídeo resumo da Festa:



2 de maio de 2019

Festa Da Lingua 2019

Mañá imos participar na X Festa da Lingua no Parque da Tafona en Caldas de Reis. 

O acto enmárcase na celebración das Letras Galegas 2019 e está organizado por Terras do Umia, Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas, coa colaboración do Concello de Caldas de Reis.

Haberá entregas de premios, recitais poéticos, contacontos e música, coa actuación da cantautora de Arzúa MJPérez.

O acto está aberto a todas as familias e público en xeral.


27 de abril de 2019

Acompañamento lector

O día 23 de Abril conmemórase o Día Internacional do Libro e no noso centro quixemos celebralo cunha actividade coa que goza todo o alumnado "O Acompañamento lector". Padriños e madriñas lectoras escolleron contos para lerlle aos seus afillados e afilladas na hora de ler e gozar desta modalidade de lectura a catro mans.
Resumimos o acontecido nesta actividade no seguinte vídeo:



 Felices lecturas!!

13 de abril de 2019

Contacontos "Mulleres galegas"

Durante esta semana tivemos o privilexio de contar no noso centro coa presenza de Enrique Mauricio e Carlos Taboada (Polo Correo do Vento).
Estiveron realizando, con todo o alumnado do CEIP Amor Ruibal, unha serie de contacontos ilustrados coas biografías da colección "Mulleres galegas" publicadas por Lela Edicións: María Victoria Moreno, Ángeles Alvariño, Ángela Ruiz Robles, Ernestina Otero e Maruja Mallo.


Esta actividade, promovida polo Goberno de España e o Concello de Barro, enmárcase nun Proxecto de sensibilización contra a violencia de xénero dentro do Pacto de Estado. O seu obxectivo é o de poñer en valor o papel da muller fomentando o interese e curiosidade polas vocacións científicas, así como a importancia da educación e o traballo en igualdade.

No seguinte vídeo fotográfico amosamos o desenvolvemento desta actividade.



Moitísimas grazas pola achega de actividades como esta
tan instrutivas como motivadoras!!!

6 de abril de 2019

Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

O noso traballo para presentar ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra este ano xa está rematado. O tema elexido pola organización é o de "Revolución" e o autor homenaxeado, o poeta Antonio Garcia Teijeiro.

Entre as obras de Antonio, nós eleximos o poemario Bolboretas no papel e, en concreto, o poema "No país das bolboretas", pois pareceunos que caía ben coa idea da revolución para a elaboración do traballo.

Despois de investigar sobre o autor, ler poemas e de crealos nós tamen, xuntámolo todo nun sitio web ao que podedes acceder premendo na imaxe:

https://sites.google.com/view/as-nosas-bolboretas/p%C3%A1gina-principal

As aulas responsables da elaboración deste proxecto cada curso escolar pasaron pola Biblioteca para facerse unhas fotografías diante do traballo.

Máis información nos seus blogs:

6º de Infantil : 

Grandísimo traballo, artistas!


5 de abril de 2019

III Certame Debuxos Saudables

Esta mañá recibimos na Biblioteca do centro a visita do alcalde de Barro, Xosé Manuel F. Abraldes, que viña acompañado das responsables de Servizos Sociais do Concello, Isabel Álvarez e Natalia García, así como de Julia Búa, Psicóloga e responsable do Proxecto de prevención de drogodependencias e outras condutas adictivas nos Concellos de Barro, Cuntis, Moraña e Portas.


Fixeron entrega duns agasallos ao alumnado de 2º curso de Primaria pola súa participación no III Certame de debuxos saudables, que consistían nuns portalápices e o díptico informativo que, con motivo do Día da Saúde, o domingo 7 de abril, se difunde nos concellos que participan no proxecto.



O díptico informativo amosa o debuxo gañador do Certame que estará exposto, cos demais debuxos elaborados,  durante o mes de Abril na Biblioteca Pública de Barro.


Parabéns artistas!!!

4 de abril de 2019

Contacontos "Cantamos?"

Na mañá de onte, recibimos na Biblioteca do centro á titiriteira Celtia Figueiras que veu presentarnos o libro-disco Cantamos? do que é autora, xunto con Luís Vallecillo e Blanca Millán. Veu acompañada de Rosi, a protagonista do libro, coa que rimos moito e gozamos cantando e bailando.





Realizou dúas sesións de contacontos: unha, co alumnado de Infantil, e outra, co alumnado de 1º e 2º de Primaria.

En ambas as dúas sesións contounos as súas versións de tres contos: "Os Tres porquiños", "O parrulo feo" e "O gato con botas".










Para rematar, puidemos escoitar e bailar co conto de "Xan sen medo".

Que ben o pasamos!!!

Moitísimas grazas, Celtia, 
por achegarte á nosa Biblio e facernos pasar 
unha mañá tan agradable cos teus contos!

3 de abril de 2019

Concurso "Os contos que contan" 2019

O Concello de Barro vén de convocar a través da OMIX e da Biblioteca Pública o seu tradicional concurso "Os contos que contan" no marco da conmemoración das Letras Galegas.

Nas seguintes imaxes podedes ler as bases do concurso deste ano 2019:

Animádevos a participar!

1 de abril de 2019

Día do Libro Infantil e Xuvenil.

O Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril,  data  de nacemento  de Hans Christian Andersen.
A responsabilidade de elaborar o cartel e o díptico deste ano 2019 correspondeulle a Lituania.
A autoría do texto e a ilustración son de Kestius Kasparavicius, quen titula a súa mensaxe: "Os libros fannos acougar".
 
Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, achéganos a tradución da mensaxe realizada por Antía Marante.


Podedes descargar o díptico co cartel e o texto en galego premendo no seguinte enlace:

Felices lecturas!!

31 de marzo de 2019

Visita ao Salón do Libro de Pontevedra

O pasado venres, alumnado de 6º nivel de Infantil e de 3º e 4º de Primaria, acompañado das súas mestras, acudiron a Pontevedra para gozar de contacontos, obradoiros e unha visita guiada á exposición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que nesta edición leva por título "A revolución".
A cultura convidada é a lusófona, e o autor homenaxeado,  Antonio García Teijeiro, sobre o que nós desenvolvemos o noso traballo.
Podedes saber máis desta visita mirando o seguinte vídeo:


Achegádevos ao Salón!!
Gozaredes dunha chea de actividades!!

Podedes descargar o programa accedendo á web do Salón do libro ou no seguinte enlace:

21 de marzo de 2019

Día da Poesía 2019

Hoxe celebramos o Día Mundial da Poesía na Biblioteca do centro cun animado recital poético, que contou coa participación de todo o alumnado de Infantil e Primaria.


A meirande parte dos poemas eran creacións propias do alumnado coas que participan no concurso convocado pola Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega `Terras do Umia´. Todas, do máis orixinal; algunhas, emotivas e outras, divertidas.


Bravísimo, poetas!!!

19 de marzo de 2019

Concerto Día do Pai

No CEIP Amor Ruibal celebramos onte o Día do Pai cun apoteótico concerto didáctico a cargo de Felipe Rea e Inés Tilve (pai e nai do noso alumno Fiz), Fran Prado e Natalia González (pai e nai da nosa alumna Vera) e Ángeles Carballal (nai da nosa alumna Letizia).


O repertorio musical foi tan variado como animado e contou cun público totalmente entregado dende o primeiro minuto; incluso, coa colaboración espontánea de Claudia Moreira, de 2º de Primaria.


No seguinte vídeo podedes apreciar o ambiente festivo do que gozamos:



Moitísimos Parabéns!!!


Moitísimas grazas, familias!!!