2 de decembro de 2018

Concerto en Familia 25N

O domingo 25 de Novembro, co motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, tivo lugar na Nave da Música de Outeiro un Concerto en Familia organizado pola Banda de Música Xuvenil de Barro coa colaboración do Concello e o CEIP Amor Ruibal de Barro.

O director da Banda, Santi Mella, e a mestra de música do CEIP Amor Ruibal, Claudia Favorecido,  en consonancia co sentir do Concello de Barro e de todas as persoas presentes, compartiron a súa repulsa pola violencia contra as mulleres e a firme crenza na coeducación como potente ferramenta de prevención desta eiva social, pois educar na igualdade e no respeto é, precisamente, educar contra a violencia.

O magnífico repertorio musical ofrecido pola Banda contou coa animada participación coral de alumnado do CEIP Amor Ruibal nas pezas Heijamano de Bert Appermont e Depende de los 2 de Javier Cortés (letra) e Jaime Arilla (música).

O concerto foi seguido con grande entusiasmo por un público entregado que soubo valorar o esforzo colaborativo e ben coordinado de 150 persoas, facéndonos vivir unha experiencia marabillosa.

Ao final, o alumnado participante recibiu, como agasallo por parte da Banda, cadanseu exemplar do libro `Froito dunha ilusión´ do veciño Celso García Alonso, que recolle as diferentes etapas e momentos máis destacados polos que pasou a Banda e que foi editado o ano pasado co motivo do seu 25 aniversario.

Moitísimos Parabéns!

Moitísimas Grazas á Banda de Música Xuvenil de Barro por brindármonos a oportunidade de participar neste proxecto tan fermoso!

Moitísimas Grazas a todas as persoas que fixestes posíbel este concerto memorábel, en especial ás familias polo voso apoio!

Por unha igualdade real necesaria no mundo!

A continuación, ofrecémosvos un vídeo resumo do acontecemento. Agardamos que vos guste.


Ningún comentario:

Publicar un comentario