O pasado luns, 19 de xuño, celebramos no CEIP Amor Ruibal os actos de Graduación do alumnado que rematou as etapas de Educación Infantil e Educación Primaria neste curso 2022-23. Nos dous actos, o alumnado estivo moi ben acompañado de familiares e demais compañeiras e compañeiros de etapa.
Ás 10:30 h tivo lugar a Graduación do alumnado de 6º de Infantil; ás 12:30 h celebrouse a de 6º de Primaria.
Velaquí amosamos os vídeos resumo destes emocionadísimos actos:
Para celebrar o 23 de febreiro o aniversario de Rosalía de Castro, no CEIP Amor Ruibal desenvolvemos diversas actividades de investigación, lectoescritura, oralidade e musicais para coñecer e divulgar a vida e obra da nosa autora máis universal.
Posto que a conmemoración coincidiu este ano xusto á volta das vacacións do Entroido, o alumnado elaborou as súas propias máscaras rosalianas así como chapas e puntos de lectura emblemáticos.
E, coas máscaras postas, todo o alumnado de Infantil e Primaria recitou con grande entusiasmo o harmonioso e sonoro poema `Parece unha rosa´ (primeira parte de `Vente rapasa´ de Rosalía de Castro, incluído en "Cantares Gallegos"), que podemos ver e escoitar no vídeo seguinte, coas estrofas ilustradas fermosamente polo alumnado de 6º B de Primaria.
Fantástico vídeo de alumnado de 6º de Primaria para conmemorar o Día Universal da Infancia 2022, divulgando os dereitos das nenas e dos nenos, recollidos na Declaración dos Dereitos da Infancia de 1959 e na convención sobre os Dereitos da Infancia de 1989, o tratado internacional máis ratificado da historia.
Ademais, como aínda estamos a celebrar o Xacobeo 2022, as mozas e mozos de 6º agasallaron a todo o alumnado e persoal docente e non docente do centro con cunchas rotuladas con corazóns vermellos e a lenda "20-N", como recordo deste día e símbolo do necesario que é o correcto cumprimento destes dereitos para que todas as nenas e todos os nenos teñan unha gozosa peregrinaxe pola vida.
Que así sexa!!!
Podemos ver tamén o vídeo no web do Portal da Lingua Galega premendo aquí.
Fermosas lembranzas do noso camiñar por terras de Perdecanaiata chegarmos á lexendaria Pedra do Home, con paradas obrigadas na explanada da igrexa de Santa María de Perdecanai, na fonte de Mourís, de auga doce e fresca, e no curioso cruceiro de Triabá, coa serpe enrolada, do que dá conta Castelao en Cousas, a súa creación literaria máis orixinal.
O 20 de novembro de 1989, na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, aprobouse a Convención dos Dereitosda Infancia. Para celebrar este día, o alumnado de Valores de 6º curso de Primaria, que contou coa colaboración de todas as súas compañeiras e compañeiros na elaboración de carteis, crearon un vídeo con imaxes dos diferentes
dereitos.
O profe Miguel fainos a proposta, neste vídeo explicativo, para a elaboración dun xogo de letras tipo "scrabble" co que podemos pasar momentos moi entretidos ao tempo que practicamos vocabulario e matemáticas.
Se o facedes para xogar en compañía, moitísimo mellor!
O xoves 20 de xuño celebramos no CEIP Amor Ruibal o Acto de Graduación e Entrega de Orlas ao alumnado que rematou neste curso as etapas de Infantil e Primaria.
O emotivo acto, que contou coa presenza de familiares, tivo lugar no ximnasio do centro ás 10:00 h para 6º de Infantil e ás 12:00 h para 6º de Primaria. Este último estivo amenizado pola Banda da Escola de Música de Barro, integrada na súa meirande parte por alumnado e ex alumnado do noso centro, e dirixida por Santi Mella, colaboración que agradecemos de corazón.
Podedes ver a continuación os vídeos que resumen en imaxes o acontecido.
A celebración do Entroido no CEIP Amor Ruibal arrancou o pasado luns, como ven sendo habitual no noso centro, co primeiro dos mandados de MIMI, a mascota da Biblioteca, este curso relacionados co PDI `Revolución´.
Ademais, o alumnado de 4º a 6º de Primaria, gozou dunhas xornadas de demostración da tradicional `Corrida do galo´, organizadas polo Concello de Barro ao través da OMIX, coa colaboración do profesorado de Ed. Física do centro.
Bailes, merendolas, xogos e risas sucedéronse ao longo da semana que culminou o venres, día grande do noso Entroido, co tradicional desfile cheo de música, color, imaxinación e moita, moita diversión.
Podedes ver un resumo dos momentos máis destacados no seguinte vídeo:
A canción elexida para a conmemoración do Día escolar pola Paz este curso foi "Imagine" de John Lennon e Yoko Ono. A partir da letra da mesma fixemos unha tradución ao galego e cada aula elaborou uns coloridos cartaces e recitou os versos asignados.
Recollemos este traballo no vídeo que amosamos a continuación, coa melodía da canción orixinal como fondo.
O mércores 28 de Novembro, no marco dos actos programados en Barro para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, as autoridades municipais, as comunidades educativas do CEIP Amor Ruibal e do IES máis veciñanza uniron as súas voces para reivindicar a eliminación de todas as violencias machistas e a igualdade real necesaria para vivir e deixar vivir en paz.
Deixámosvos un vídeo resumo das concentracións desenvolvidas no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal e no ximnasio do CEIP Amor Ruibal.
O domingo 25 de Novembro, co motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, tivo lugar na Nave da Música de Outeiro un Concerto en Familia organizado pola Banda de Música Xuvenil de Barro coa colaboración do Concello e o CEIP Amor Ruibal de Barro.
O director da Banda, Santi Mella, e a mestra de música do CEIP Amor Ruibal, Claudia Favorecido, en consonancia co sentir do Concello de Barro e de todas as persoas presentes, compartiron a súa repulsa pola violencia contra as mulleres e a firme crenza na coeducación como potente ferramenta de prevención desta eiva social, pois educar na igualdade e no respeto é, precisamente, educar contra a violencia.
O magnífico repertorio musical ofrecido pola Banda contou coa animada participación coral de alumnado do CEIP Amor Ruibal nas pezas Heijamano de Bert Appermont e Depende de los 2 de Javier Cortés (letra) e Jaime Arilla (música).
O concerto foi seguido con grande entusiasmo por un público entregado que soubo valorar o esforzo colaborativo e ben coordinado de 150 persoas, facéndonos vivir unha experiencia marabillosa.
Ao final, o alumnado participante recibiu, como agasallo por parte da Banda, cadanseu exemplar do libro `Froito dunha ilusión´ do veciño Celso García Alonso, que recolle as diferentes etapas e momentos máis destacados polos que pasou a Banda e que foi editado o ano pasado co motivo do seu 25 aniversario.
Moitísimos Parabéns! Moitísimas Grazas á Banda de Música Xuvenil de Barro por brindármonos a oportunidade de participar neste proxecto tan fermoso!
Moitísimas Grazas a todas as persoas que fixestes posíbel este concerto memorábel, en especial ás familias polo voso apoio!
Por unha igualdade real necesaria no mundo!
A continuación, ofrecémosvos un vídeo resumo do acontecemento. Agardamos que vos guste.
A pasada semana celebramos no noso centro o Acto de Graduación e Entrega de Orlas ao alumnado de 6º de Primaria e Educación Infantil. Quixemos facer partícipes ás familias polo que convidamos aos familiares do alumnado homenaxeado en cada acto.
A entrega de 6º de Primaria estivo amenizada pola Banda da Escola de Música de Barro, integrada por alumnos e alumnas, a maioría, do centro e dirixida por Alberto Busto Castaño.
Velaí o vídeo resumo:
Despois do tempo de lecer tivo lugar o acto de entrega para a rapazada de 6º de Infantil, que tamén contou coa presenza das súas familias. Podémolo ver no seguinte vídeo:
Compartimos hoxe tres vídeos sobre a Festa do Viño de Barro 2018 na que tivo a honra e o pracer de participar como pregoeira a mestra de música Claudia Favorecido, que contou coa activa colaboración da comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro no emotivo acto inaugural que tivo lugar o venres 15 de xuño no Pazo da Crega.
Reiteramos a nosa máis profunda gratitude e, asemade, agradecemos enormemente a xenerosa colaboración de Gloria e Harry, integrantes do grupo musical Mamá Cabra, por acompañármonos á hora de interpretar o seu Baile da Paz, que tan ben recolle o espírito alegre, solidario e pacífico característico desta emblemática Festa.
Vídeo resumo no facebook Novas de Barro (editado o 28 de xuño):
No programa Orixe e Calidade (emitido o xoves 21 de xuño) do CANAL RÍAS BAIXAS (a partir do minuto 9, aproximadamente):
No programa De festa en festa (emitido o 26 de xuño) do CANAL RÍAS BAIXAS:
Despedimos o curso cunha nova xuntanza do Club de Lectura agora que rematamos "Palabras de Caramelo" de Gonzalo Moure.
Nunha xuntanza anterior (no mes de abril) e para comprender mellor a situación de Kori e coñecer a problemática do pobo Saharahui, miramos con moita atención un vídeo que ademais sitúa feitos e localizacións do relato. Daquela quedou sen publicar no blog e por iso o compartimos agora.
Das reflexións comentadas destacaríamos as seguintes:
É unha historia moi triste, pois Kori perde o seu mellor amigo, o seu camelo.
Kori aprendeu a escribir con moita dificultade, pois é xordo e grazas ás "conversas" con Caramelo, Kori escribe ... unha morea de cousas.
Vivir nun campamento de refuxiados é moi duro. É unha mágoa a situación na que vive Kori.
Con esta xuntanza despedímonos ata o vindeiro curso, pensando xa en novas propostas de lectura.