Amosando publicacións coa etiqueta Solidariedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Solidariedade. Amosar todas as publicacións

1 de febreiro de 2024

DÍA DA PAZ 2024

Este ano participamos de forma activa e deportiva no Día da Paz. Por unha banda, todas as aulas do centro e baixo o lema bilingüe "We Practise Fair Play on Peace Day" - "Xogamos Limpo no Día da Paz", elaboramos un gran cartaz cos aros olímpicos, no que cadaquén contribuíu cunha medalla, na que rexistrou sentimentos, actitudes, condutas pacíficas para promover o "xogo limpo" e a "convivencia pacífica".


Por outra banda, fomos convidados a participar nunha carreira solidaria a beneficio da ONG "Save the children", organizada polo IES de Barro, que tivo lugar nas inmediacións do Pazo da Crega.


 
Moitísimas grazas familias,

polas vosas aportacións e xenerosidade!!!

 

24 de novembro de 2023

25N 2023

Hoxe, 24 de Novembro, autoridades municipais e comunidades educativas do IES de Barro e do CEIP Amor Ruibal reunímonos diante do edificio do Concello para comemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e reivindicar o fin desta eiva social.

Fixémolo cantando a canción "Olvídame" de Xosé Lois Romero e Aliboria, coa participación especial de alumnas de ambos centros, integrantes do Grupo de danzas Amor Ruibal, que acompañaron con bombo e pandeiretas.




Ao longo das últimas semanas, desenvolvéronse nas aulas actividades diversas de concienciación e reflexión sobre a  violencia contra as mulleres, a igualdade e os roles de xénero.

Ademais, participamos no Concurso, convocado este ano polo Concello, do deseño de logo e lema para a conmemoración do 25N.


 

O deseño gañador é resultado da fusión do logo da alumna Lía Maquieira de 5º de Primaria e do lema presentado polo equipo de 6º de Primaria integrado  por Lara Aboy, Daniel Bugallo, Xiana Freire e Mateo González.

Merecidísimos Parabéns!!!


 
Como agasallo pola boísima participación, todo o alumnado recibiu unha pulseira e unha pegatina co logo e lema conmemorativo. Asemade, no acto fíxose entrega de cartaces co deseño gañador a cada un dos centros educativos do Concello.
 
 

 

Moitísimas grazas a todas as persoas e

 entidades colaboradoras!!!

Graciñas especiais ás alumnas que acompañaron instrumentalmente o noso cantar!!!

 

9 de maio de 2023

DÍA DE EUROPA 2023

Magníficos concertos ofrecidos hoxe por alumnado de 6º de Primaria para celebrar o Día de Europa.

Como non podía ser doutro xeito, interpretaron (dúas veces por necesidades de espazo) o Himno de Europa (Himno á Alegría), que é o final da 9ª Sinfonía de Beethoven, composta hai douscentos anos.

Os concertos arrancaron cálidos, longos e entusiastas aplausos de toda a audiencia que seguiu con grandísima atención as brillantes interpretacións.

Ademais, as mozas e mozos de 6º crearon tamén un vistoso mural que serviu de telón de fondo, así como unhas simpáticas gafas que puxeron a disposición de todo o alumnado do centro para facer unhas bonitas fotos de recordo deste día no que pedimos liberdade, paz e solidariedade para todos os países europeos.


MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

FELIZ DÍA DE EUROPA!!!


18 de decembro de 2022

CARTAS SOLIDARIAS

Emotivas e agarimosas cartas e felicitacións de Nadal de alumnado de 1º, 4º, 5º e 6º de Primaria dirixidas ás persoas maiores da Residencia de Campolongo de Pontevedra, como solidaria resposta á petición do seu director para paliar a soidade destas persoas que, en moitos casos, non reciben visitas e pasarán o Nadal no centro.



25 de novembro de 2022

25N 2022

Ao longo desta semana desenvolvéronse nas aulas diversas actividades de concienciación, sensibilidade e reflexión no marco da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

E hoxe, 25 de novembro, autoridades municipais e a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro reunímonos diante do edificio do concello para lembrar ás nenas, mozas e mulleres que "xa non están" e reivindicar a fin desta eiva social que tanta dor provoca. Fixémolo cantando Por elas de Adhara & Ritman arredor dun 25-N xigantesco, formado por zapatos vellos pintados de vermello, unha idea orixinal da artista mexicana Elena Chauvet, utilizada en países de todo o mundo para visibilizar ás vítimas da violencia machista.

"Polas que veñen

e polas que virán.

Polas que estamos,

polas que xa non están."


Moitísimas grazas, Concello de Barro e familias, pola 

vosa inestimable colaboración!!!