13 de novembro de 2022

FEIRA DA CIENCIA NA BIBLIOTECA

No marco da celebración do Mes da Ciencia en Galego, as alumnas e alumnos de 5º de Primaria organizaron unha magnífica Feira da Ciencia na nosa Biblioteca. Durante toda a semana deseñaron carteis, prepararon os materiais necesarios para a exposición e ensaiaron para que todo saíse perfecto.

O xoves, as nenas e nenos de 1º, 2º e 3º de Primaria visitaron a exposición, desfrutando en vivo e directo de ilusións ópticas e outras experiencias como: obxectos que se manteñen suspendidos na auga coa axuda de perlas xel (Orbeez) transparentes, candeas que fan subir a auga polo efecto baleiro, debuxos que desaparecen dependendo de como os mires e debuxos flotantes que se transforman en tatuaxes.

O venres foi a quenda do alumnado de 4º e 6º de Primaria, que experimentaron con reaccións químicas como a do vinagre co bicarbonato de sodio observando, en primeiro lugar, a escuma na erupción dun volcán e, en segundo lugar, os gases que se producen cun globo que se inchaba só. Tamén comprobaron as calidades do fluído non-newtoniano que, dependendo da forza que se lle aplique, resulta líquido ou sólido. Por último, aprenderon a mirar a través dun microscopio e a recoñecer os materiais que se utilizan.


Foron uns días moi intensos!!!

Moitísimos Parabéns!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario