Amosando publicacións coa etiqueta Exposicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Exposicións. Amosar todas as publicacións

2 de xuño de 2023

O LEGADO MUSICAL DO MESTRE LANDÍN

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria visitou, ao longo desta semana, a magnífica exposición Arquivo Musical Francisco Landín Pazos, que acolle o Concello de Barro dende o pasado 17 de maio.

O mestre Landín Pazos foi quen inculcou ao músico Felipe Rea, pai do noso alumno Fiz, a paixón pola música e, no ano 2005, tivo a sorte de recibir gran parte do arquivo musical do compositor da man da súa filla pequena, Carolina. Felipe non dubidou en facerlle unha merecida homenaxe ao seu mestre, investigando e divulgando a súa vida e obra por salas e museos de diferentes cidades. 

A exposición conta con partituras orixinais, rexistros das súas composicións, instrumentos, unha proxección audiovisual e obxectos persoais do mestre Landín.

As nosas nenas e nenos tiveron a grandísima sorte de percorrer a mostra baixo a certeira guía do propio Felipe, e a verdade é que o fixeron con moita atención, curiosidade e admiración.

Moitísimos Parabéns!!!

Moitísimas grazas!!!

Unha exposición moi recomendable!!!


26 de maio de 2023

MUSEO ETNOGRÁFICO DE BARRO

No marco do Proxecto Documental Integrado deste curso escolar, Inventos, o alumnado de 6º de Primaria investigou a fondo sobre antigos obxectos de grande utilidade para a sociedade (radio, tocadiscos, ferros, lámpadas, candís, lanternas, muíños, utensilios agrícolas, tenaces, sopretes, teléfonos, máquinas de afeitar, cámaras de fotos, regras de cálculo, abanos, binoculares, máquinas de escribir, chaves...). 

Coa información recompilada, crearon e expuxeron liñas de tempo onde situaron os inventos cronoloxicamente e fixeron fichas coa autoría do invento, lugar, ano e utilidade.

Como colofón, e contando coa inestimable colaboración familiar, montaron na Biblioteca do centro o Museo Etnográfico de Barro para que todas e todos puidésemos ver estes inventos tan curiosos. Asemade, a partir de fotografías antigas do profesorado, o alumnado visitante xogou a Quen é quen? para tentar adiviñar que profe estaba en cada foto. 


EXCELENTE TRABALLO!!!

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

MOITÍSIMAS GRAZAS, FAMILIAS, POLA VOSA COLABORACIÓN!!!


26 de xaneiro de 2023

Emociónate coa radio, CEIP Amor Ruibal

Neste mes de xaneiro cumplíronse 90 anos da emisión do 1º programa de radio en Galicia. Para conmemorar esta data xurde o Proxecto Radioemociónate, idea de Si Radio de Galicia e a Asociación Ondiñas de Radio, apoiada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

No mes de novembro puidemos coñecer máis sobre este Proxecto coa magnífica exposición que estivo montada na Biblioteca do noso centro.

Nesas datas tamén se realizou a gravación do programa de radio na Biblioteca do noso centro e no que participou alumnado de 6º curso de Infantil e de 6º curso de Primaria.

Contamos ademais con varias colaboracións:

  1. Xosé Manuel F. Abraldes, alcalde de Barro.
  2. Pilar Álvarez, responsable da OMIX de Barro.
  3. Pedro Torres, director da Banda de Música Xuvenil de Barro.
  4. José Mª Tobío, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra e Morrazo.

A continuación, podedes escoitar o noso programa en Spotify:

Ou tamén podedes acceder ao noso programa e outros do mesmo Proxecto premendo no seguinte enlace:  Radioemociónate - CEIP Amor Ruibal


Moitísimas grazas por ofrecernos a participación 

nesta iniciativa tan interesante!!!

Moitísimas grazas a todas as persoas colaboradoras!!!


13 de novembro de 2022

FEIRA DA CIENCIA NA BIBLIOTECA

No marco da celebración do Mes da Ciencia en Galego, as alumnas e alumnos de 5º de Primaria organizaron unha magnífica Feira da Ciencia na nosa Biblioteca. Durante toda a semana deseñaron carteis, prepararon os materiais necesarios para a exposición e ensaiaron para que todo saíse perfecto.

O xoves, as nenas e nenos de 1º, 2º e 3º de Primaria visitaron a exposición, desfrutando en vivo e directo de ilusións ópticas e outras experiencias como: obxectos que se manteñen suspendidos na auga coa axuda de perlas xel (Orbeez) transparentes, candeas que fan subir a auga polo efecto baleiro, debuxos que desaparecen dependendo de como os mires e debuxos flotantes que se transforman en tatuaxes.

O venres foi a quenda do alumnado de 4º e 6º de Primaria, que experimentaron con reaccións químicas como a do vinagre co bicarbonato de sodio observando, en primeiro lugar, a escuma na erupción dun volcán e, en segundo lugar, os gases que se producen cun globo que se inchaba só. Tamén comprobaron as calidades do fluído non-newtoniano que, dependendo da forza que se lle aplique, resulta líquido ou sólido. Por último, aprenderon a mirar a través dun microscopio e a recoñecer os materiais que se utilizan.


Foron uns días moi intensos!!!

Moitísimos Parabéns!!!

10 de novembro de 2022

EXPOSICIÓN `MAQUETAS DE CÉLULAS´

Hoxe inauguramos na Biblioteca a xenial exposición Maquetas de células, creadas polo alumnado de 5º e 6º de Primaria con materiais funxibles e de refugallo.

É unha das múltiples actividades que desenvolvemos en novembro, o #MesDaCienciaEnGalego nas Bibliotecas Escolares de Galicia.


Moitísimos Parabéns!!!

5 de outubro de 2022

CONTOS PARA PASALO DE MEDO

As nenas e nenos de 3º de Primaria pasaron unha mañá de meeeeeedooooooooo na Biblioteca Pública de Barro, con Carmen Domech e os seus contos cheíños de meigas, pantasmas, bandidos, morcegos . . . presentados con moito agarimo e humor.

Ademais, as nenas e nenos puideron coñecer como funciona a biblioteca e como hai que facer para ter o carné de socia. Antes da despedida, botáronlle un ollo á exposición de libros D-Medo.

Unha xornada moi produtiva!

Moitísimas grazas!!!

31 de maio de 2019

XI Premio MIMI ao Persoeiro do Ano

Esta semana o alumnado de 5º curso de Primaria, responsable deste proxecto ano tras ano, expuxo o seu traballo de investigación presentando as candidaturas recibidas.


A continuación todo o alumnado e profesorado do centro votou e tralo escrutinio puidemos coñecer ao vencedor desta edición que recaeu no pallaso "Peter Punk" como anunciabamos na entrada anrerior.

No seguinte vídeo podedes mirar como se desenvolveu esta actividade:


31 de marzo de 2019

Visita ao Salón do Libro de Pontevedra

O pasado venres, alumnado de 6º nivel de Infantil e de 3º e 4º de Primaria, acompañado das súas mestras, acudiron a Pontevedra para gozar de contacontos, obradoiros e unha visita guiada á exposición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que nesta edición leva por título "A revolución".
A cultura convidada é a lusófona, e o autor homenaxeado,  Antonio García Teijeiro, sobre o que nós desenvolvemos o noso traballo.
Podedes saber máis desta visita mirando o seguinte vídeo:


Achegádevos ao Salón!!
Gozaredes dunha chea de actividades!!

Podedes descargar o programa accedendo á web do Salón do libro ou no seguinte enlace:

15 de febreiro de 2019

Recordos botánicos na lingua nai












Alumnado de Primaria visitou, no Salón de Actos da Biblioteca Pública, a magnífica exposición `Recordos botánicos na lingua nai´ organizada polo Concello de Barro coa colaboración de veciñanza, profesorado do IES de Barro, alumnado do IES de Barro (debuxantes), Carmen Salinero (da Estación Fitopatolóxica Areeiro) e José Manuel Mosquera Cordo (autor das fotografías).


A inauguración (o pasado mércores 13) correu a cargo do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes. O acto contou coa presenza do tenente de alcalde, José Sanmartín, a responsable da Biblioteca, Pili Álvarez, as veciñas Sofía Solla, Elena Solla e Amelia Cancela, o veciño Manuel Nieto e alumnado e profesorado de 6º de Primaria do CEIP Amor Ruibal.

No día de hoxe, tocoulle o turno a alumnado e profesorado de 4º e 5º de Primaria, que escoitou atentamente as intervencións do veciño Celso García e das veciñas Elena Landín, Adorinda García, Mª Carmen Rey e Maruja Outón.












Estas veciñas e veciños partillaron con nós recordos na lingua nai ligados ás súas vivencias con diversas plantas curativas de recoñecidas propiedades terapéuticas, incluso culinarias. Puidemos ver, ulir e tocar algunhas desas plantas, ler información sobre elas e contemplar os bonitos debuxos do alumnado de Secundaria.

A verdade é que foi unha experiencia que espertou moito interese, curiosidade e admiración pola sabedoría de tantas persoas maiores como as que nos acompañaron que, no seu tempo, tan ben practicaban o autoconsumo, a sostenibilidade e a ecoloxía, conceptos que agora están moi de moda pero que, como puidemos comprobar, non son nada novos.

Un exemplo a seguir!

Moitísimas grazas!!!

Moitísimos Parabéns!!!

6 de novembro de 2018

Celebramos o Samaín

Ao longo do mes de outubro o alumnado de todos os niveis de Infantil e Primaria participou na elaboración de diferentes elementos para a decoración de corredores, aulas e Biblioteca do centro. 













Tamén crearon textos de diversa tipoloxía coa temática do medo: Receitas, apócemas, conxuros, poemas e contos que lemos e compartimos no día da celebración durante a " Hora de ler".



Boísimo traballo, artistas!!

27 de outubro de 2018

PISCIS. As augas da vida

Ao longo deste mes de outubro, o alumnado de Infantil e Primaria do noso centro visitou no Concello a exposición fotográfica `PISCIS. As augas da vida´ da artista María José Sánchez (Mj.Bolboreta). O grupo de 1º de Primaria tivo a sorte, ademais, de se atopar na propia sala coa artista, coa que falaron moi animadamente.

O alumnado aproveitou a oportunidade para desenvolver, con moito interese, respeto e atención, actividades variadas de valores sociais e cívicos, educación artística e lectoescritura, que remataron de volta ás aulas.


















Amor á Arte e creatividade constante, si!!!

Moitísimas Grazas!!!