Amosando publicacións coa etiqueta Sondoumia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sondoumia. Amosar todas as publicacións

6 de maio de 2019

X Festa da Lingua

No marco da conmemoración das Letras Galegas 2019 participamos, o pasado venres 3 de maio, na X Festa da Lingua convocada pola Coordinadora Comarcal de EDLG Terras do Umia da que formamos parte. 

Como novidade, este ano a Festa celebrouse no Parque da Tafona grazas á colaboración do Concello de Caldas de Reis, o que propiciou unha grande participación tanto das comunidades educativas de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas coma de público en xeral.

Tivemos a grandísima sorte, ademais, de contar coa colaboración desinteresada, que agradecemos fondamente, de personalidades do mundo da cultura galega como a escritora María Lado (xurado dos Microtextos), a pintora, debuxante e deseñadora Iria Ribadomar (xurado das Microcreacións), o actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso (xurado do Contaumia), a cantante, guitarrista e compositora MJPérez (xurado do Sondoumia) e o cociñeiro Paco Feixó, a quen a Coordinadora entregou o Premio Lingumia 2019. Este premio é un recoñecemento ao seu labor de defensa e difusión da lingua galega no seu traballo cotián, no programa televisivo que desenvolveu na CRTVG, nos seus libros... na súa vida.
O acto abriu coa benvida do alcalde anfitrión, Juan Manuel Rey Rey, e seguiu cun programa tan intenso como variado: Proxeccións audiovisuais, entre as que cabe salientar un lip dub en homenaxe a Antonio Fraguas, actuacións musicais de alumnado de Primaria e Secundaria (concurso Sondoumia), monólogos (concurso CONTAUMIA) e entrega de premios dos concursos de Microcreacións e Microtextos, apartado no que subiu ao escenario a mestra e titora de 4º de Primaria do noso centro María José Barbosa López, gañadora na categoría E co seu microrrelato Ela.

Dúas horas ininterrompidas de emoción e diversión nas que foi marabilloso comprobar como persoas de diferentes idades gozamos dunha festa sensacional ao aire libre á que lle puxo o broche de ouro MJPérez coa súa fermosa canción Casandra, que o noso alumnado coreou a pleno pulmón e foi felicitado pola propia artista ao final da actuación.

Moitísimas grazas a todas as persoas participantes!!!

Moitísimos Parabéns ás persoas premiadas!!!

Parabéns especiais a MariaJo!!!


Podedes ver aquí un vídeo resumo da Festa:



2 de maio de 2019

Festa Da Lingua 2019

Mañá imos participar na X Festa da Lingua no Parque da Tafona en Caldas de Reis. 

O acto enmárcase na celebración das Letras Galegas 2019 e está organizado por Terras do Umia, Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas, coa colaboración do Concello de Caldas de Reis.

Haberá entregas de premios, recitais poéticos, contacontos e música, coa actuación da cantautora de Arzúa MJPérez.

O acto está aberto a todas as familias e público en xeral.


11 de maio de 2018

IX FESTA DA LINGUA

O pasado venres 4 de maio, alumnado de 6º de Infantil máis 2º B e 6º de Primaria asistiu á IX Festa da Lingua celebrada na Azucreira de Portas. Está organizada por Terras do Umia, Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

O programa foi moi variado: Actuacións musicais de Primaria e Secundaria (concurso Sondoumia), entrega de premios dos concursos de Microcreacións e Microtextos (nos que actuou como xurado Nacho Taibo), monólogos (concurso Contaumia), textos sobre María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018, entrega do premio Lingumia a Marián Bañobre e actuación do trío Tanxugueiras, que fixo tamén de xurado do Sondoumia.

O CEIP Amor Ruibal recolleu dous premios:

  • Microcreación: Alumnado da clase de 5 anos A, da man do xurado Fran Rodríguez Remiseiro
  • Micropoemas categoría B.1: Hugo Latas Lucio de 2º B. 

O alumnado de 6º defendeu no escenario a súa canción Tecendo Voces. Ademais, Héctor Núñez fixo o seu debut como monologuista diante do xurado Fran Rei.

Unha festa sensacional !

Moitísimas grazas a todas as persoas participantes !

Parabéns ás persoas que resultaron premiadas !


Velaquí un pequeno vídeo resumo:



Tamén podedes botar unha ollada a este vídeo resumo do IES Aquis Celenis:

10 de maio de 2017

Festa da Lingua no Canal Rias Baixas

Estamos de Noraboa en Barro!!
Relatamos na entrada anterior como alumnado do CEIP Amor Ruibal e do IES de Barro asistiron á Festa da Lingua para recoller sendos premios acadados no "Concurso de Microtextos Terras do Umia"
Ademais, no "Concurso da Canción en Galego  SONDOUMIA" resultaron vencedores na categoría de Secundaria coa canción "Reciclar é Xenial"

Durante a festa entregouse tamén o Premio pola Difusión da Lingua Galega "LINGUMIA 2017" que recaeu no "Canal Rías Baixas TV"

No seguinte enlace ofrecemos o video que recolle esta noticia no canal e no que ten especial protagonismo o alumnado dos dous centros do noso concello.


Un saúdo.
MIMI

Festa da Língua, 2017

O pasado venres, día 5 de maio, celebrouse na Azucreira de Portas a tradicional "Festa da Lingua" na que se deron cita grupos de alumnos e alumnas dos distintos centros escolares integrantes na Coordinadora Comarcal "Terras do Umia". 
No apartado de Microcreación, o micropoema da alumna de 1º curso de Primaria, Iria García Paz, resultou gañador na categoría B1. Iria acudiu acompañada dun grupiño de compañeir@s do seu curso e recibiu o seu diploma de mans da poeta Miriam Ferradás.

No apartado de Microrrelatos e na categoría C2 a nosa ex-alumna Loaira Santamaría Fernández, estudante de 4º de ESO no IES de Barro, resultou vencedora e acudiu a ler o seu microrrelato e recoller un agasallo.

O alumnado de 6º curso de Primaria xunto cun grupo de alumnos e alumnas de Secundaria do IES de Barro acudiron á gala para interpretar, dentro do Certame de Canción en Galego SON DO UMIA, a canción "Reciclar é xenial" de creación propia. Escolleron para a súa participación o nome de "A Gallofa do IES e CEIP de Barro"
O alumnado do IES de Barro encargouse da parte instrumental da canción e o alumnado de 5º e 6º curso de Primaria, da letra e da coreografía, relacionadas co noso Proxecto Documental BARRRO.
Primeiro ensaiaron por separado e, posteriormente, fixeron ensaios conxuntos no IES nas sobremesas dos luns, coordinad@s por Claudia e Miro, profesores de música do CEIP e do IES, respectivamente.

Tal e como recollen as bases do concurso, cando un grupo musical conta con alumnado de Primaria e de Secundaria participa dentro da "Categoría de Secundaria" e ... nesta categoría resultaron vencedores. Recolleron alí mesmo o seu Diploma acreditativo, que lles foi entregado por Guadi Galego, quen formou parte do xurado.

Un esforzo que pagou a pena.
Parabéns a todos e todas!!
 Un saúdo.
MIMI

9 de maio de 2016

Concurso de micropoemas e Festa da Lingua.

O pasado venres día 6 de Maio tivo lugar na Azucreira de Portas a VII edición da Festa da Lingua. Esta celebración está organizada pola Coordinadora Comarcal "Terras do Umia" e reúne nesta data a tódolos centros integrantes para facer entrega dos premios aos gañadores dos concursos convocados por esta Coordinadora: "Concurso de microtextos" e "Son do Umia"

O alumnado de 4º curso foi o seleccionado este ano para acudir a este acto e acompañar á súa compañeira de nivel, Sara Casalderrey Magdalena por ser a vencedora na categoría B2 (3º e 4º curso de Primaria) no apartado de micropoemas. 







O seu micropoema:


As babosas andan despacio
non apuran nin un pouquiño,
andan a devagar 
e máis non poden apurar. 

 



Nesta convocatoria tamén foi merecedor de premio no noso centro, o micropoema da categoría E (profesorado, persoal non docente e familias) presentado por Rafael Ruibal, o noso director.

O seu micropoema:
Como as pingas de choiva cando escampa
como o silencio ao pe dos beizos
como se fai un diamante
devagar.  







Este ano ademais o noso centro aportou unha actuación musical á Festa.
O alumnado de 4º curso interpretou e coreografiou un poema de Manuel  María musicado por Uxía Senlle e Maxín Blanco " A vaca". A fotografía amosa un momento da actución. 



Foi unha xornada moi intensa, e o fixeron moi, pero que moi ben. 

A NOSA NORABOA PARA TOD@S VÓS !! 

Un saúdo,
MIMI.