Amosando publicacións coa etiqueta Contaumia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contaumia. Amosar todas as publicacións

6 de maio de 2019

X Festa da Lingua

No marco da conmemoración das Letras Galegas 2019 participamos, o pasado venres 3 de maio, na X Festa da Lingua convocada pola Coordinadora Comarcal de EDLG Terras do Umia da que formamos parte. 

Como novidade, este ano a Festa celebrouse no Parque da Tafona grazas á colaboración do Concello de Caldas de Reis, o que propiciou unha grande participación tanto das comunidades educativas de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas coma de público en xeral.

Tivemos a grandísima sorte, ademais, de contar coa colaboración desinteresada, que agradecemos fondamente, de personalidades do mundo da cultura galega como a escritora María Lado (xurado dos Microtextos), a pintora, debuxante e deseñadora Iria Ribadomar (xurado das Microcreacións), o actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso (xurado do Contaumia), a cantante, guitarrista e compositora MJPérez (xurado do Sondoumia) e o cociñeiro Paco Feixó, a quen a Coordinadora entregou o Premio Lingumia 2019. Este premio é un recoñecemento ao seu labor de defensa e difusión da lingua galega no seu traballo cotián, no programa televisivo que desenvolveu na CRTVG, nos seus libros... na súa vida.
O acto abriu coa benvida do alcalde anfitrión, Juan Manuel Rey Rey, e seguiu cun programa tan intenso como variado: Proxeccións audiovisuais, entre as que cabe salientar un lip dub en homenaxe a Antonio Fraguas, actuacións musicais de alumnado de Primaria e Secundaria (concurso Sondoumia), monólogos (concurso CONTAUMIA) e entrega de premios dos concursos de Microcreacións e Microtextos, apartado no que subiu ao escenario a mestra e titora de 4º de Primaria do noso centro María José Barbosa López, gañadora na categoría E co seu microrrelato Ela.

Dúas horas ininterrompidas de emoción e diversión nas que foi marabilloso comprobar como persoas de diferentes idades gozamos dunha festa sensacional ao aire libre á que lle puxo o broche de ouro MJPérez coa súa fermosa canción Casandra, que o noso alumnado coreou a pleno pulmón e foi felicitado pola propia artista ao final da actuación.

Moitísimas grazas a todas as persoas participantes!!!

Moitísimos Parabéns ás persoas premiadas!!!

Parabéns especiais a MariaJo!!!


Podedes ver aquí un vídeo resumo da Festa:



2 de maio de 2019

Festa Da Lingua 2019

Mañá imos participar na X Festa da Lingua no Parque da Tafona en Caldas de Reis. 

O acto enmárcase na celebración das Letras Galegas 2019 e está organizado por Terras do Umia, Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas, coa colaboración do Concello de Caldas de Reis.

Haberá entregas de premios, recitais poéticos, contacontos e música, coa actuación da cantautora de Arzúa MJPérez.

O acto está aberto a todas as familias e público en xeral.


11 de maio de 2018

IX FESTA DA LINGUA

O pasado venres 4 de maio, alumnado de 6º de Infantil máis 2º B e 6º de Primaria asistiu á IX Festa da Lingua celebrada na Azucreira de Portas. Está organizada por Terras do Umia, Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

O programa foi moi variado: Actuacións musicais de Primaria e Secundaria (concurso Sondoumia), entrega de premios dos concursos de Microcreacións e Microtextos (nos que actuou como xurado Nacho Taibo), monólogos (concurso Contaumia), textos sobre María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018, entrega do premio Lingumia a Marián Bañobre e actuación do trío Tanxugueiras, que fixo tamén de xurado do Sondoumia.

O CEIP Amor Ruibal recolleu dous premios:

  • Microcreación: Alumnado da clase de 5 anos A, da man do xurado Fran Rodríguez Remiseiro. 
  • Micropoemas categoría B.1: Hugo Latas Lucio de 2º B. 

O alumnado de 6º defendeu no escenario a súa canción Tecendo Voces. Ademais, Héctor Núñez fixo o seu debut como monologuista diante do xurado Fran Rei.

Unha festa sensacional !

Moitísimas grazas a todas as persoas participantes !

Parabéns ás persoas que resultaron premiadas !


Velaquí un pequeno vídeo resumo:



Tamén podedes botar unha ollada a este vídeo resumo do IES Aquis Celenis: