28 de abril de 2018

Padriños e madriñas lectoras

Celebramos o Día do Libro no Amor Ruibal cunha actividade de lectura compartida que gusta por igual a todo o alumnado: "Apadriñamento lector".
Nenos e nenas de 2º a 6º curso de Primaria escolleron un libro para compartir lectura na "Hora de ler" cos seus "afillados ou afilladas de lecturas". Nas aulas de Infantil e 1º curso agardaban impacientes...
Recollemos neste vídeo esta experiencia igual de bonita que enriquecedora.



Felices lecturas!

Nas distintas aulas elaboráronse variados marcapáxinas empregando o logo do noso proxecto "Voces de mulleres" nunha das súas caras. Así o recolleron nos blogs de niveis:

27 de abril de 2018

Candidaturas X Premio MIMI ao Persoeiro do Ano

Reunímonos esta semana na Biblioteca do cole para escoitar aos compañeiros e compañeiras de 5º curso, responsables do proxecto, que presentaron ás seis candidaturas que recibiron de distintas entidades.
Moitas Grazas, un ano máis, a todas as persoas e entidades que cada curso colaboran con nós para que este proxecto siga avanzando.

26 de abril de 2018

Participamos no XIX Salón do Libro de Pontevedra

As aulas de 6º curso de Infantil, así como 3º e 4º de Primaria corresponden aos niveis que desenvolven este proxecto e representan ao noso centro presentando un traballo. Por esta razón desde a organización do Salón convídannos a participar duns obradoiros (ao alumnado de Primaria ) e un contacontos (ao alumnado de Infantil).
De como foron estas actividades o día da saída a Pontevedra, damos conta nos blogs dos respectivos niveis. Premede nos enlaces para ler máis:


O título deste ano do Salón do Libro é "Mulleres de conto" e pretende visibilizar o importante traballo da muller dentro do mundo dos libros nas diferentes ocupacións. 
Nós servímonos deste título e temática para nomear ao Proxecto Documental (PDI) do noso centro "Voces de mulleres" no que estamos investigando sobre o traballo da muller en distintos campos. En concreto, o traballo presentado representa, por unha banda, mulleres destacadas na literatura infantil e, por outra, ás "supermamás" que ademais de ter ocupación profesional son frecuentemente as narradoras deses contos cos que goza o noso alumnado.

As mestras e alumnado destes grupos traballaron arreo para poder entregalo no prazo solicitado e agora queremos amosarvos neste vídeo resumo o proceso e resultado de todo este traballo.

23 de abril de 2018

Finalistas do Concurso de Microtextos e Microcreación

Coñecemos xa cales son os traballos finalistas do concurso que, para conmemorar as Letras Galegas, convoca a Coordinadora Terras do Umia e quixemos reunir a todos e todas na Biblioteca do noso centro para facerlle entrega dun pequeno agasallo.
Dentro da modalidade de Microtextos,  o alumnado de Primaria elaborou Micropoemas e Microrrelatos. Na imaxe presentamos as finalistas e os finalistas.

O alumnado de 6º A de Infantil resultou tamén finalista coa súa Microcreación e posou así de contento co seu cartaz e o seu agasallo.


Parabéns artistas!!
Sigamos creando!!

Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achega un ano máis o Díptico para conmemorar este 23 de Abril.
O escritor vigués Fran Alonso é o autor do texto que plantexa dunha forma irónica as posibilidades e os efectos da lectura.

Todo un reto para poñer en alza este recurso literario tan pouco usado hoxe en día.

22 de abril de 2018

Do libro ás Letras

Baixo este lema englobamos no noso centro o conxunto de actividades que se celebran no noso centro entre estas dúas datas tan significativas: O Día do Libro e As Letras Galegas.

6 de abril de 2018

Debuxos Saudables no Día da Saúde

Esta semana, na que conmemoramos o Día Mundial da Saúde, recibimos a noticia da resolución do Concurso de Debuxos Saudables no que participou o alumnado de 2º curso de Primaria dos centros públicos da comarca e do que Antía Lago Corvacho resultou gañadora.

O Sr Alcalde e personal da OMIX e  de Servicios Sociais do Concello estiveron na Biblioteca do noso centro para agasallar ao alumnado participante cun libro para cadansúa Biblioteca de Aula: "Amar" da editorial Palabras Aladas así como para facer entega do díptico informativo para as familias que repartiron nas aulas de 2º e 3º nivel de Primaria.



Bravo artistas!
Parabéns Antía!

3 de abril de 2018

Concurso: "Os contos que contan"

O Concello de Barro vén de convocar a través da OMIX e a Biblioteca Pública o seu tradicional concurso de contos para a conmemoraión das Letras Galegas, "Os contos que contan".
Na seguinte imaxe podedes ler as bases que rexen este concurso:


Prestade moita atención ao formato da presentación dos vosos relatos e lembrade que o prazo remata o día 16 de abril, venres.

Animádevos a participar!

2 de abril de 2018

Día do Libro Infantil e Xuvenil

Como cada ano o día 2 de Abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, data do aniversario do escritor Hans Christian Andersen.
Para esta conmemoración a sección Letona do IBBY (International Board on Books for Young people _ Organización Internacional para o libro Infantil e Xuvenil) foi a encargada de elaborar o cartaz e o texto para este ano: "Os libros fan grande o máis pequeno".
A autora do texto é a escritora letona Inese Zandere e o cartaz é creación de Reinis Petersons. 
A tradución ao galego é de Ana Luna e Antía Marante.

Podedes acceder ao texto conmemorativo no seguinte enlace: