30 de xaneiro de 2019

"IMAXINA"

A canción elexida para a conmemoración do Día escolar pola Paz este curso foi "Imagine" de John Lennon e Yoko Ono. A partir da letra da mesma fixemos unha tradución ao galego e cada aula elaborou uns coloridos cartaces e recitou os versos asignados.
Recollemos este traballo no vídeo que amosamos a continuación, coa melodía da canción orixinal como fondo.



Magnífico traballo, artistas!!!

IMAXINA PAZ!!!

28 de xaneiro de 2019

IMAXINA PAZ !


O clan de Martiño

Todo o alumnado de Primaria gozou hoxe, na Biblioteca do centro, da presentación do libro `O clan de Martiño´ editado pola Deputación de Pontevedra e promovido polo Concello de Barro, no que se conta a historia de Barro dende o Paleolítico ata a actualidade dun xeito moi ameno e didáctico.

Participaron no acto o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Roberto Rivas, concelleiro de Cultura de Barro e autor do guión, Iván Bello, ex alumno do centro e autor do texto e Ana Seoane, autora das ilustracións.












O alumnado, que amosou moito interese e curiosidade, foi agasallado con cadanseu exemplar para utilizalo como unha ferramenta básica e fundamental no estudo da Historia.












Ao finalizar o acto, Ana, Roberto e Iván deixaron as súas pegadas no `Libro de Honra´ da nosa Biblioteca e brindaron con MIMI, a mascota, por unhas felices e fructíferas lecturas.

             


Moitísimas grazas ! ! !

19 de xaneiro de 2019

VII Certame de Relato Curto da FANPA


FANPA (Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra) e a Editorial Kalandraka, coa colaboración do Concello e Deputación de Pontevedra, o ilustrador Ramón Trigo e outras entidades, convocan o VII Certame de Relato Curto dirixido a toda a comunidade educativa (alumnado, docentes e familias).
O concurso estabelece 4 categorías: 
Alumnado de Primaria
Alumnado de Secundaria
Alumnado de Bacharelato/Formación Profesional
Adultos




O prazo de entrega dos traballos estará aberto ata o día 28 de febreiro de 2019.

PARA PARTICIPAR:
Envía a túa participación a:  certame.relatocurto@nontedurmas.org

Este correo electrónico conterá dous arquivos/ficheiros:

1. Denominado DATOS (este arquivo é para a organización) no que figurará o relato completo e os seguintes datos do/a participante:
• o pseudónimo utilizado
• o nome e apelidos do autor/a
• o curso do alumno/a
• o centro escolar onde estuda o alumno/a
• o correo electrónico persoal
• o teléfono persoal
• o relato
2. Denominado RELATO (este arquivo é para o xurado) no que figurará:
• o título do relato
• o relato
• o pseudónimo utilizado
• a categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional ou adultos).

Consulta, premendo a continuación, as BASES DO CERTAME.

ANÍMATE  E . . .  PARTICIPA !