Esta semana o alumnado de 5º curso de Primaria, responsable deste proxecto ano tras ano, expuxo o seu traballo de investigación presentando as candidaturas recibidas.
A continuación todo o alumnado e profesorado do centro votou e tralo escrutinio puidemos coñecer ao vencedor desta edición que recaeu no pallaso "Peter Punk" como anunciabamos na entrada anrerior.
No seguinte vídeo podedes mirar como se desenvolveu esta actividade:
O alumnado de 5º curso de Primaria fixo estes días a exposición e presentación de candidaturas correspondentes ao proxecto Premio MIMI ao Persoeiro do Ano do que é o principal responsable.
Os candidatos e candidatas propostos este ano son:
Logo da votación e posterior escrutinio, resultou gañadora a candidatura presentada pola Coordinadora Comarcal "Terras do Umia" que recaeu no pallaso Isaac Rodríguez de nome artístico
"Peter Punk".
Moitísimas grazas ás persoas e entidades que ano tras ano colaboran con nós para conseguir que este proxecto siga avanzando e ... como non podía ser menos ...
Para conmemorar as Letras Galegas, este ano dedicado a Antón Fraguas, elaboramos no centro, a petición do equipo de Educación Infantil, un pequeno poxecto sobre "Os hórreos e a labranza na contorna".
Convidamos ás familias a participar con nós na recollida de ditos, refráns, cantigas, adiviñas, ... da zona con esta temática e o resultado estámolo recollendo nun libriño que publicaremos en breve.
Tamén se achegaron á Biblioteca do centro durante esta semana tres avoas que narraron as súas vivencias e o seu saber neste campo ás aulas das súas netas e netos nunha pequena charla.
Así, Elena, avoa de Iker Martín de 6º de Infantil-A, contounos o que era "facer a ceifa" ( o proceso de plantación do millo) do que nos explicou tres pasos: arar, sementar e recolectar.
Rosa, avoa de Borja e Pablo de 2º B e 6º A, respectivamente, trouxo unha grade e un arado de pau e explicou na súa charla o proceso de plantación de cereais, especialmente o millo e o centeo, cando ela era máis nova e todo se facía manualmente.
Elena, avoa de Elba de 4º de Infantil-B e Candela de 2º B, falou dos usos do hórreo e as súas partes así como da plantación do millo, o proceso de moenda e a elaboración do pan feito con este cereal. Amosounos unhas espigas e unha bola de pan de millo que probamos con moito gusto; estaba boísimo!!
Queda todo resumido no seguinte vídeo:
Moitísimas grazas a todas as persoas que participastes coas vosas achegas!!
Moitísimas grazas especialmente a Elena, Rosa e Elena
No marco de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao escritor, etnógrafo, historiador e antropólogo Antón Fraguas, o alumnado de 4º quixo homenaxear a este persoeiro representando un dos textos recollidos polo el.
O escrito elixido foi O Casamento da pulga, un conto escrito en verso que os/as rapaces/as prepararon a modo de obra de teatro con moito agarimo para representar na Biblioteca ante o alumnado máis novo.
Como colofón, cantamos e bailamos a versión de Migallas titulada O piollo e a pulga.
Hoxe, a nosa comunidade educativa tivo o privilexio de gozar, no Salón de Actos da Biblioteca Pública, dunha emotiva actuación do Grupo de Danzas Amor Ruibal, protagonizada por alumnado de Infantil e Primaria do noso centro que está no histórico grupo, acompañado por integrantes de máis longa traxectoria.
Pandeiretas, bombo, tamboril, gaita e voces resoaron con forza no Salón que vibrou coas cancións e bailes do noso repertorio de música tradicional que alumnado, profesorado e familias seguiu entusiasmado.
O pasado martes, día 14, o alumnado dos cursos superiores da Primaria (de 3º a 6º) recibiu na Biblioteca do centro ao escritor e músico californiano, residente en Santiago de Compostela, Mark Wiersma.
Mark presentou o seu libro "Sira e o robot. Crazy times on planet Earth", segundo da serie e publicado grazas a unha iniciativa de crowdfunding, e adiantou que o terceiro sairá cara o vindeiro curso.
Estes libro-discos, escritos en galego e inglés, son froito da colaboración entre Mark Wiersma e Miguel Mosqueira. Pretenden iniciar á cativada na lectura bilingüe dun xeito ameno e atractivo co aporte das cancións na lingua nai do californiano.
No curso 2018-19, o noso alumnado de 5º de Educación Primaria e 6º de Educación Infantil desenvolveron un interesante traballo de tradución ao galego de `Cuentos para reír... Cuentos para pensar...´. Esta obra é unha recompilación de contos de temática variada creados por alumnado de 8º de E.X.B. do CEIP Torre-Illa da Illa de Arousa, publicada pola División das Artes Gráficas de La Voz de Galicia, S.A. na Coruña no ano 1986.
O noso alumnado de Infantil traduciu o conto De como se formou a neve e o alumnado de 5º de Primaria traduciu os 34 contos restantes.
Na mañá de onte estivo na biblioteca do colexio Julia Búa, Psicóloga e responsable do Programa de Prevención das Drogodependencias e outras Condutas Aditivas no Concello de Barro, para falarlle ao alumnado de 1º curso de Primaria da importacia que ten a realización dun bo almorzo, que debe ser a comida máis completa do día.
A continuación fixo entrega dunhas bolsas cun "almorzo saudable" para degustar antes de baixar ao recreo. Contiñan un pequeno bocadillo de xamón, unha mazá e un iogur.
No marco da conmemoración das Letras Galegas 2019 participamos, o pasado venres 3 de maio, na X Festa da Lingua convocada pola Coordinadora Comarcal de EDLG Terras do Umia da que formamos parte.
Como novidade, este ano a Festa celebrouse no Parque da Tafona grazas á colaboración do Concello de Caldas de Reis, o que propiciou unha grande participación tanto das comunidades educativas de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas coma de público en xeral.
Tivemos a grandísima sorte, ademais, de contar coa colaboración desinteresada, que agradecemos fondamente, de personalidades do mundo da cultura galega como a escritora María Lado (xurado dos Microtextos), a pintora, debuxante e deseñadora Iria Ribadomar (xurado das Microcreacións), o actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso (xurado do Contaumia), a cantante, guitarrista e compositora MJPérez (xurado do Sondoumia) e o cociñeiro Paco Feixó, a quen a Coordinadora entregou o Premio Lingumia 2019. Este premio é un recoñecemento ao seu labor de defensa e difusión da lingua galega no seu traballo cotián, no programa televisivo que desenvolveu na CRTVG, nos seus libros... na súa vida.
O acto abriu coa benvida do alcalde anfitrión, Juan Manuel Rey Rey, e seguiu cun programa tan intenso como variado: Proxeccións audiovisuais, entre as que cabe salientar un lip dub en homenaxe a Antonio Fraguas, actuacións musicais de alumnado de Primaria e Secundaria (concurso Sondoumia), monólogos (concurso CONTAUMIA) e entrega de premios dos concursos de Microcreacións e Microtextos, apartado no que subiu ao escenario a mestra e titora de 4º de Primaria do noso centro María José Barbosa López, gañadora na categoría E co seu microrrelatoEla.
Dúas horas ininterrompidas de emoción e diversión nas que foi marabilloso comprobar como persoas de diferentes idades gozamos dunha festa sensacional ao aire libre á que lle puxo o broche de ouro MJPérez coa súa fermosa canción Casandra, que o noso alumnado coreou a pleno pulmón e foi felicitado pola propia artista ao final da actuación.
Mañá imos participar na X Festa da Lingua no Parque da Tafona en Caldas de Reis.
O acto enmárcase na celebración das Letras Galegas 2019 e está organizado por Terras do Umia, Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas, coa colaboración do Concello de Caldas de Reis.
Haberá entregas de premios, recitais poéticos, contacontos e música, coa actuación da cantautora de Arzúa MJPérez.
O acto está aberto a todas as familias e público en xeral.