30 de novembro de 2021

AS FAMILIAS CONTAN...

Xa está en marcha, un curso máis, o noso proxecto "As familias contan...".

Animádevos a participar!!!


25 de novembro de 2021

25N 2021

Co motivo do DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES, no CEIP Amor Ruibal de Barro desenvolvemos diversas actividades para axudar ao alumnado a reflexionar, sensibilizar e concienciar sobre a violencia contra as mulleres, a igualdade, os estereotipos e os roles de xénero. Foron actividades de lectoescritura, contos, animacións, curtas, diálogos, debates, audicións musicais, aprendizaxe da canción  A porta violeta (a nosa versión en galego do afamado tema de Rozalén), obradoiros de pulseiras violetas coa palabra "NON", a creación dun mural colaborativo baixo o lema "RACHEMOS AS VIOLENCIAS CONTRA AS MULLERES!!!" e escenificacións nas que o alumnado rachou violencias de todo tipo que causan tanto dano, tristeza e dor.

Nenas e nenos, mozas e mozos chegaron á conclusión de que a coeducación, a educación en igualdade, é a solución para eliminar esta eiva social e gozar dun mundo mellor.

Moitísimas grazas, familias, pola vosa colaboración!!!


24 de novembro de 2021

PREVENCIÓN DO ABUSO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS DENDE A FAMILIA

No marco do Proxecto de Prevención das Condutas Adictivas no eido local dos Concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas no que colabora o noso alumnado todos os cursos, convidamos ás familias a participar no interesante obradoiro "PREVENCIÓN DO ABUSO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS DENDE A FAMILIA", que será impartido por Belén Montesa Lou e Juan Carlos Permuy Bermúdez, especialistas en psicoloxía e referentes no campo da prevención e intervención das condutas adictivas dende o ámbito familiar e escolar.



Por mor das circunstancias xeradas pola COVID19, e para facilitar a coordinación coas familias dos cinco Concellos, o obradoiro será virtual e realizarase o vindeiro martes, 30 de novembro, ás 18:00 h por videoconferencia na plataforma Zoom, Sala de Reunión 657 806 3555 (ID), á que poderedes acceder picando na seguinte ligazón:

https://zoom.us/j/6578063555

(IMPORTANTE: É preciso ter descargada a aplicación Zoom no dispositivo dende o que se acceda ao obradoiro: móbil, tablet, ordenador...).

Con este obradoiro preténdese complementar as actividades preventivas que nos últimos anos se veñen realizando no ámbito escolar co obxectivo de previr os riscos e o abuso das novas tecnoloxías na xuventude, seguindo así as directrices marcadas polo Plan Nacional sobre drogas e polo Plan Autonómico de drogodependencias e condutas adictivas de Galicia, nos que se lle dá cada vez máis protagonismo ás intervencións preventivas relacionadas coas novas tecnoloxías, destinadas fundamentalmente ao ámbito escolar e familiar.

Calquera dúbida podedes consultala contactando co Departamento de Prevención das Condutas Adictivas dos Concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas no teléfono 986 59 59 22 ou a través do mail prevenciondrogodependencias@concellodecuntis.es


20 de novembro de 2021

"O chineiro da tía María"

O alumnado de 2º curso de Educación Primaria gozou dunha contada de tradición oral a cargo de Chus de Xandobela.

A actividade, que leva por título  "O chineiro da tía María",  está recollida no Fondo de Proxectos Xacobeo 2021, e é promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

As nenas e nenos prestaron moitísima atención e pasárono xenial!

Moitísimas grazas, Chus de Xandobela!

19 de novembro de 2021

20N 2021

Precioso mural colaborativo do alumnado do CEIP Amor Ruibal para conmemorar o Día Universal dos Dereitos da Infancia. Nel aparecen os 12 dereitos fundamentais recollidos na Convención dos Dereitos da Infancia e que deberían gozar as nenas e nenos de todo o mundo, sin ningún tipo de discriminación.


A actividade artística complementouse con actividades de lectoescritura, debuxos individuais e a interpretación musical da canción "Os dereitos humanos, o teu mellor instrumento" de Mili Vizcaíno e Pedro Calero.

FELIZ DÍA DA INFANCIA!!!

6 de novembro de 2021

MAGOSTO 2021

Que ben o pasamos onte no noso Magosto con xogos, cancións, bailes e a tradicional degustación de castañas, que estaban boísimas!!!


Moitísimas grazas, familias, pola vosa colaboración!!!

Graciñas especiais ás familias que asaron as castañas nas súas locomotoras!!!