31 de xaneiro de 2017

Concurso Microtextos Terras do Umia.

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega convoca o Concurso de Microtextos no curso 2016/17.
Poderán participar todos os centros educativos que integren a Coordinadora "Terras do Umia" dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

Bases do concurso :
  • Sección de Microcreación (só para Educación Infantil): Presentarase unha creación que poida combinar imaxe (debuxo) e palabra ou texto en galego. Poderase crear unha historia para toda a clase ou pezas soltas (liberdade de enfoque) en formato A4.
  • Sección de Microrrelatos: O texto presentado debe de ser en galego e non conter máis de 100 palabras.
  • Sección de Micropoemas: O texto presentado debe constar dun mínimo de dous versos e un máximo de oito, escritos en galego.
1. Cada persoa só poderá enviar un texto para cada sección.
2. A temática será libre, mais debe aparecer necesariamente a palabra "billa".
3. No texto presentado debe constar o nome e apelidos do/a participante, o curso, o centro, así como a categoría á que pertence.
4. O prazo límite para entregar os textos no CEIP Amor Ruibal será o 10 de marzo de 2017.
5. Os traballos deberán ser entregados na biblioteca do centro ou á coordinadora do EDLG.
6. Cada centro escollerá dous finalistas por categoría nunha 1ª fase.

 Categorías:
A:   Infantil (microcreación)
B. 1:     1º ciclo de primaria.
B. 2:     2º ciclo de primaria.
B. 3:     3º ciclo de primaria.
C:      Secundaria.
D:    Bacharelato.
E:      Profesorado, persoal non docente e familias.


Premios: 
Cada centro outorgará os premios que considere oportunos aos seus finalistas. 
Un xurado designado pola coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos distintos centros concederá un premio comarcal por categoría (en E. Infantil "Diploma" participativo a cada grupo). 
 Valorarase a orixinalidade e creatividade, así como a calidade lingüística e literaria. 

Animádevos a participar!!
Un saúdo.
MIMI.

30 de xaneiro de 2017

Obradoiro de ilustración na Biblioteca Pública


Este xoves día 2, en horario de tarde, podedes participar nun obradoiro de ilustración no que se elaborará "a personaxe da biblioteca" para este ano 2017. 

Na ficha que se repartíu no cole tedes algunha pista para ir pensando e aportar as vosas ideas.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!! 

Un saúdo.
MIMI.

23 de xaneiro de 2017

VESPA VELUTINA

     No marco da investigación sobre insectos desenvolvida pol@s alumn@s de 5º e 6º, o pasado martes, 17 de xaneiro, tiveron a magnífica oportunidade de asistir na Biblioteca do noso centro a unha charla informativa sobre a vespa velutina a cargo de Francisco Costa (Kiko), concelleiro de Medio Ambiente de Vilaboa, e Sara Ferreiro, técnico de Medio Ambiente no mesmo Concello.


     A identificación do insecto, a evolución da praga, actuacións para o seu control, métodos de eliminación, preparación de trampas e líquido atraínte, mostras de vespas e niños e estrutura dos mesmos foron os contidos tratados ao longo de hora e media, na que o alumnado tomou boa nota de todo e amosou moito interese e atención.

     MOITÍSIMAS GRAZAS, Kiko e Sara ! ! ! 

     E, por suposto, o noso agradecemento a Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde do noso Concello, José Sanmartín, tenente de alcalde, e Manolo Cancela, pai de Eva e Ana (dúas ex alumnas), polas súas acertadas aportacións para que este acto tivera lugar nas condicións idóneas.

     Atoparedes máis fotos e información no blog de 5º e 6º:


     E tamén podedes acceder á presentación íntegra que utilizaron Kiko e Sara que nola deixaron como agasallo.

18 de xaneiro de 2017

Marilar Aleixandre, académica da RAG

Marilar Aleixandre. Galiza. GaliciaO pasado sábado día 14 tomou posesión como nova académica da RAG a escritora, bióloga, e investigadora Mª Pilar Jiménez Aleixandre, coñecida como Marilar Aleixandre.
Nacida en Madrid pero residente en Galicia desde 1973, data na que comeza a dar clases nun instituto de Vigo. Na actualidade vive e traballa en Santiago onde é catedrática da Facultade de Ciencias da Educación da USC.
No seu discurso, titulado Voces termando da paisaxe Galega   conciliou ciencias e letras para falar da ameaza tanto física como inmaterial da paisaxe. Tivo palabras para lembrar a  Xosé Neira Vilas, predecesor da súa cadeira, a Carlos Casares, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, e a ilustres escritoras galegas que ben poderían merecer tal conmemoración.
Reivindicativa, decidida, comprometida, exemplo de constancia e competencia e con abundantes obras non só de tipo literario senón tamén de investigación dentro da súa ampla bibliografía. Así a describe Fina Casalderrey na resposta ao seu discurso.

Si premes no enlace podes acceder á selección feita no catálogo da nosa Biblioteca das obras que temos de Marilar.


Un saúdo,
MIMI

12 de xaneiro de 2017

Club de lectura

As reunións do Club de lectura están sendo todo un éxito!
Sentados na alfombra da biblio charlamos animadamente sobre o libro que estamos a ler.
E ás veces saen cousas moi interesantes, como a doutro día, que case todos coincidimos en que o que mais gustou dos capítulos lidos foi o duelo de maxia que teñen entre Ratón e o feiticeiro Maldeokus.

9 de xaneiro de 2017

A nosa biblioteca na revista EDUGA

A biblioteca do noso centro, en especial a experiencia do "Voluntariado de biblioteca", aparece no número 72 da Revista Galega do Ensino: EDUGA. Premendo no seguinte enlace podedes acceder á páxina na que están recollidas as distintas experiencias relacionadas coas bibliotecas escolares no número publicado este semestre.


 Se premedes na seguinte imaxe leredes o artigo que recolle a experiencia no noso centro.

http://www.edu.xunta.es/eduga/1230/hora-ler/voluntariado-na-biblioteca-escolar


Un saúdo.
MIMI.