28 de outubro de 2022

SAMAÍN 2022

O xénero de terror causou estes días auténtico furor entre o alumnado do CEIP Amor Ruibal, mergullado a tope nas actividades programadas para conmemorar o Samaín: investigacións sobre esta ancestral tradición, actividades interactivas, sesións de contacontos, creacións e recreacións de textos de tipoloxía variada (conxuros, historias terroríficas, poemas, apócemas, receitas...), bailes e cancións, animacións musicais, obradoiros de cabazas, debuxos e manualidades, todas de grandísima  creatividade e orixinalidade como ben podedes ver nas imaxes que vos ofrecemos.


E hoxe aconteceu a apoteose final, desfilando polos corredores do terror bruxas, morcegos, esqueletos, momias, zombis, vampiresas, vampiros e outros monstros monstrosos que compartiron saborosísimas merendas e gozaron da mellor compañía do mundo mundial. 



Graciñas mil, familias, pola vosa valiosa colaboración!!!

FELIZ SAMAÍN!!!


21 de outubro de 2022

AS AVOAS E OS AVÓS CONTAN

Avoas e avós de Barro engaiolaron ás nenas e nenos de Infantil e 1º e 2º curso de Primaria con fantásticas sesións de contacontos desenvolvidas esta semana na Biblioteca Pública no marco do proxecto #MesDaBibliotecaBarro promovido polo Concello de Barro ao través da Omix.

Contos divertidísimos e súper emocionantes como `Un, dous, tres, dime que ves´ de Nadia Budde, `A estrana sorpresa´ de Gracia Iglesias e Vicente Cruz, `Queda sitio na vasoira?´ de Julia Donalds, `Violín: do berce á lúa´ de Antonio Rubio e Óscar Villán e `A ovelliña que veu cear´ de Steve Smallman e Joëlle Dreidemy atraparon a atención da cativada, que non perdeu detalle e pasouno en grande.


MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

MOITÍSIMAS GRAZAS!!!


11 de outubro de 2022

VIOLENCIA ZERO coa danza de Myriam González

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria acudiu hoxe á Nave da Música do Concello de Barro para gozar do espectáculo Hoje venho falar de mim, unha fermosa peza de danza contemporánea de Myriam González, no marco do programa MULLERES EN ACCIÓN: VIOLENCIA ZERO da Deputación de Pontevedra.


A obra trata, cunha sensibilidade exquisita, o tema da identidade e a reivindicación do valor individual a través dunha protagonista que se encontra con todas as eu do seu pasado. No espazo sonoro puidemos escoitar as máxicas voces do alumnado de 6ºB, gravadas hai unha semana no interesante obradoiro que a artista impartiu no noso colexio.

O alumnado seguiu con moito interese e atención a representación e, unha vez rematada, tivo a oportunidade de compartir abertamente as súas impresións e reflexións, entablando un diálogo moi enriquecedor coa propia artista, no que quedou patente que a súa mensaxe chegou con absoluta claridade.



Bravissimo!!!

Moitísimos Parabéns!!!

Moitísimas Grazas!!!

5 de outubro de 2022

CONTOS PARA PASALO DE MEDO

As nenas e nenos de 3º de Primaria pasaron unha mañá de meeeeeedooooooooo na Biblioteca Pública de Barro, con Carmen Domech e os seus contos cheíños de meigas, pantasmas, bandidos, morcegos . . . presentados con moito agarimo e humor.

Ademais, as nenas e nenos puideron coñecer como funciona a biblioteca e como hai que facer para ter o carné de socia. Antes da despedida, botáronlle un ollo á exposición de libros D-Medo.

Unha xornada moi produtiva!

Moitísimas grazas!!!

4 de outubro de 2022

MULLERES EN ACCIÓN: VIOLENCIA ZERO

O programa MULLERES EN ACCIÓN: VIOLENCIA ZERO da Deputación de Pontevedra chegou este luns ao colexio de Barro da man da bailarina e coreógrafa Myriam González, quen impartiu ao alumnado de 6º B un interesante obradoiro que forma parte do proxecto Hoje venho falar de min.

Dun xeito guiado e improvisado, as mozas e mozos iniciáronse na danza urbana Waacking como paso previo para reflexionar sobre un tema de vital importancia como é o da identidade.

O alumnado participou con moita atención e curiosidade e respondeu á pregunta "quen son?" dun xeito ben creativo e imaxinativo. As conclusións finais recolléronse nun audio que formará parte do espazo sonoro do espectáculo de danza que a artista ofrecerá o vindeiro martes 11 de outubro na Nave da Música. 

A actividade está promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Barro.

Moitísimas grazas!!!