26 de abril de 2025

21 DÍAS EN GALEGO: CONTACONTOS INTERACTIVO

No marco das conmemoracións do Día do Libro e do Día das Letras Galegas estemos desenvolvendo diariamente a actividade "Do Libro ás Letras. 21 Días en Galego"

 

No día de hoxe ofrecemos este contacontos interactivo con propostas do equipo de Voluntariado da Biblioteca no que podedes acceder a 10 interesantes e variadas propostas de contadas.

 

23 de abril de 2025

HISTORIAS DE CINE NO DÍA DO LIBRO

No marco da conmemoración do Día do Libro, gozamos hoxe de dúas magníficas funcións relacionadas co tema do noso PDI "O cine"que correron a cargo de Raquel Queizás.


 

O alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria acudíu á representación de "Cinema Maravillas. Ver para Ler" no que que descubriron catro contos clásicos da literatura a través de adaptacións de cine mudo. Grazas a diversas técnicas cinematográficas gozamos do inxeño de Queliña mergullada nestes contos.

 


Pola súa banda, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria coñeceu de primeira man a figura de Alice Guy como precursora cineasta e contadora de historias, na función que leva por título "Cinema de historias da man de Alice Guy"

 


Pasámolo de cine! 

Moitísimas grazas!

22 de abril de 2025

DO LIBRO ÁS LETRAS. 21 DÍAS EN GALEGO

Baixo este nome recollemos as actividades que se desenvolven no centro entre dúas datas de gran relevancia: O Día do Libro (23 de abril) e o Día das Letras Galegas (17 de maio).


 

No calendario podedes comprobar a gran variedade de propostas para estas semanas nas que o equipo de "axudantes de Biblioteca", especialmente o alumnado de 6º curso, ten unha importante participación como alumnado colaborador. 

Tríptico: DO LIBRO ÁS LETRAS de COLE DE BARRO

11 de abril de 2025

VISITAMOS A BIBLIOTECA PÚBLICA

Ao longo desta semana o alumnado de Infantil e Primaria visitou a Biblioteca Pública para desenvolver actividades variadas con motivo da conmemoración do Día do Libro.

Este ano e contando coa colaboración do Club de lectura "Un ollo de vidro" dispuxeron para nós dun "alcoubo" de palabras características e peculiares da nosa zona que quixeron rescatar e poñer en valor para dar a coñecer entre a cativada e evitar así a súa perda.

 Así mesmo e dado que este 2025 se celebra o Ano Castelao, tiveron a oportunidade de afondar na bibliografía deste polifacético autor.





 

 Moitísimas grazas por esta fermosa actividade!

Parabéns ao Clube de lectura pola iniciativa!

 

8 de abril de 2025

AS VERBAS QUE CONTAN 2025


 

O Concello de Barro convoca un ano máis, a través da OMIX e da Biblioteca Pública o concurso de creación literaria "AS VERBAS QUE CONTAN" no marco da conmemoración das Letras Galegas 2025.

Modalidade: 

Prosa (conto ou microrrelato)

Verso (acróstico, caligrama, haiku ou poema de formato libre).

Todos os traballos deben ser orixinais, inéditos e en galego. Deben seguir as condicións específicas segundo idade e categoría.

Forma de entrega e identificación: 

Soportes dispoñibles na OMIX e nos centros educativos.

Identificación segundo o tipo de obra e iniciais da persoa autora ( ademais do curso e nº de orde)

Presentación de traballos:

Podedes participar presentando na Biblioteca do noso centro, un conto e/ou poema  con data límite o mércores 30 de abril.

Máis información e bases completas na sede electrónica do Concello de Barro (Apartado ANUNCIOS): https://barro.sedelectronica.gal/info.0 
 

Agardamos as vosas creacións!

Ánimo, artistas!!!

7 de abril de 2025

DÍA DA SAÚDE 2025

 Cada 7 de abril, conmemórase o Día Mundial da Saúde. Este ano 2025, a Organización Mundial da Saúde (OMS), centra as reivindicacións no lema "COMEZOS SAUDABLES, FUTUROS ESPERANZADORES"

Con dita campaña, preténdese defender os dereitos de todas as mulleres, familias e neonatos, en todas as partes do mundo, a ter acceso a servizos de saúde, educación e información de calidade.


 

Desde o noso centro sumámonos á OMS para reivindicar a importancia da saúde, dos estilos de vida saudable e da asistencia sanitaria universal. Para iso, a través do Proxecto de Prevención das Condutas Aditivas dos Concellos de Barro, Campolameiro, Cuntis, Moraña e Portas, convidamos ás familias á lectura do Manifesto que se achega a continuación, así como a seguir os 7 hábitos clave que desde a OMS se consideran determinantes para ter unha vida máis saudable.


 

5 de abril de 2025

MOCHILAS VIAXEIRAS SAUDABLES

Este proxecto, no que colaboran os Equipos de Biblioteca, EDLG e PVAD (Proxecto de Vida Activa e Deportiva), botou a andar a comezo deste trimestre. Cada semana as mochilas, cargadiñas de xogos e libros de distintas temáticas, buscan un novo fogar. O seu obxectivo é o de fomentar e aumentar o tempo de xogo, actividade física así como a experimentación da cativada e preferiblemente... en familia.

Trátanse de 10 Mochilas Viaxeiras Saudables nas Aulas de Primaria:

 
Así como as Mochilas Saudables para as Aulas de Infantil (6º de EI no 2º Trimestre)

 


 Grazas familias pola vosa colaboración!

 

FESTA DA LINGUA 2025


 O 16 de maio, venres, no marco da conmemoración das Letras Galegas terá lugar a Festa da Lingua 2025.

Data: 16 de maio, venres. A partir das 10:30 hs

Lugar: Aparcamento da Tafona

Este acto está organizado por Terras do Umia, a Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos Centros educativos da comarca (Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas) e coa colaboración do Concello de Caldas de Reis.

Haberá entregas de recoñecementos, contacontos, recitais poéticos e música. O acto estará aberto a familias e público en xeral.

Animádevos a participar!


 

PILABOT: RECOLLIDA DE PILAS E BATERÍAS

 Estamos xa no ecuador do Concurso de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores, "PILABOT", convocado pola Xunta de Galicia, xunto a Ecopilas, Ecolec. 

Temos xa un colector cheo, imos polo segundo. 

Animádevos a colaborar con nós no coidado do medioambiente e na xestión destes residuos altamente contaminantes. Seguiremos coa recollida ata final de curso.

 

Moitísimas grazas familias pola vosa implicación!

2 de abril de 2025

2A: DÍA DA CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

 


Cada 2 de Abril, ademais do Día do Libro Infantil e Xuvenil, conmemoramos o Día Mundial da Concienciación Sobre o Autismo para dar visibilidade e coñecer mellor ás persoas que o padecen.

No seguinte "canva" podedes atopar o cartel conmemorativo e dúas páxinas que conteñen enlaces a curtas de vídeo así como a varias recomendacións e propostas de lecturas sobre esta temática.


 

Día do Autismo 2025 de Cole de Barro

 

Na mañá de hoxe e buscando dar visibilidade a esta data, todo o alumnado e profesorado saimos ao corredor exterior de entrada ao centro para atar lazos de cor azul nas barandas que loceran estes días.