28 de maio de 2018

Contacontos Interciclos

Esta actividade de lectura compartida desenvolveuse un ano máis no noso centro nas dúas últimas semanas, no marco das actividades das Letras Galegas. As diferentes aulas prepararon contos para ler, contar ou dramatizar ante compañeiros e compañeiras doutro nivel.
O alumnado do IES de Barro, acompañado dos seus profes, Miro e Paco, participaron cun breve recital poético - musical.
Damos conta de todo no seguinte vídeo resumo:



O alumnado de 6º curso de Educación Infantil participou desta actividade visitando a EEI A galiña azul de Barro, onde as crianzas contaron os contos que previamente prepararan nas aulas:"Imos cazar un oso" a clase de 5 anos A, e "Tres lobos e un pirata" a de 5 anos B.
Podedes miralos neste vídeo:



Máis información no blog de Infantil:

As familias contan ...

Excelente!  
Así é como calificamos a acollida que tivo este ano esta actividade na que convidamos as familias do noso alumnado a compartir coas aulas dos seus fillos e fillas un feixe de contos, pero tamén cantos, música, receitas de cociña, ocupación laboral, ... 

Deste xeito quedou recollida toda a actividade no blog de Infantil:
http://pequecholandia.blogspot.com.es/search/label/AS%20FAMILIAS%20CONTAN


 Moitísimas grazas a todos e todas polo voso tempo!
Grazas a todos e todas polo esforzo!

Grazas, porque para nós ... As familias contan!

25 de maio de 2018

Concurso de Portadas


Un ano máis MIMI, a nosa mascota, convoca o Concurso de Portadas para a revista escolar "Cousas nosas".  


Data límite de entrega de traballos: martes, 5 de xuño.
Lugar: Biblioteca do CEIP Amor Ruibal.


Animádevos a participar!!

20 de maio de 2018

Celebramos as Letras Galegas

O pasado mércores, véspera do Día das Letras Galegas, reunímonos no ximnasio do centro durante a "Hora de Ler" para rendir a nosa pequena homenaxe a María Victoria Moreno, interpretando todas e todos xuntos a canción creada para o concurso Sondoumia: "Tecendo voces".  Resultou un acto sinxelo pero moi emotivo.


Posteriormente, o venres día 18, o alumnado de 6º curso foi convidado á celebración das Letras que fixeron no IES de Barro para interpretar alí a súa canción. Fixérono moi ben!


"As persoas estamos feitas para levarmos adiante
 os proxectos máis fermosos, dixo María Victoria Moreno"
(Retrouso da canción "Tecendo voces", cita do seu libro "Anagnórise")
Os corredores locen tamén cartaces alusivos a esta Galega de corazón que foi María Victoria Moreno.

Ademais, estanse a realizar nas aulas, ao longo deste mes, variadas actividades como podemos apreciar nos blogs dos distintos niveis:







17 de maio de 2018

Recomendación lecturas ...

Co gallo da celebración das Letras Galegas publicamos no centro este boletín de lecturas con títulos de Maria Victoria Moreno por unha banda, e outras obras que nos falan dela pola outra.



Felices lecturas!

15 de maio de 2018

VII Certame de Relatos Breves Feiraco

Feiraco Lácteos SL, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o VII Certame de Relatos Breves Feiraco, co fin de promover o coñecemento, o uso e a divulgación da lingua galega.
Podedes participar ata o 20 de maio cun microrrelato en galego que comece coa frase: "Subiu ata o faiado da casa e alí...", en homenaxe a María Victoria Moreno.

Consultade as bases na seguinte ligazón:

ANIMÁDEVOS!

11 de maio de 2018

IX FESTA DA LINGUA

O pasado venres 4 de maio, alumnado de 6º de Infantil máis 2º B e 6º de Primaria asistiu á IX Festa da Lingua celebrada na Azucreira de Portas. Está organizada por Terras do Umia, Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

O programa foi moi variado: Actuacións musicais de Primaria e Secundaria (concurso Sondoumia), entrega de premios dos concursos de Microcreacións e Microtextos (nos que actuou como xurado Nacho Taibo), monólogos (concurso Contaumia), textos sobre María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018, entrega do premio Lingumia a Marián Bañobre e actuación do trío Tanxugueiras, que fixo tamén de xurado do Sondoumia.

O CEIP Amor Ruibal recolleu dous premios:

  • Microcreación: Alumnado da clase de 5 anos A, da man do xurado Fran Rodríguez Remiseiro
  • Micropoemas categoría B.1: Hugo Latas Lucio de 2º B. 

O alumnado de 6º defendeu no escenario a súa canción Tecendo Voces. Ademais, Héctor Núñez fixo o seu debut como monologuista diante do xurado Fran Rei.

Unha festa sensacional !

Moitísimas grazas a todas as persoas participantes !

Parabéns ás persoas que resultaron premiadas !


Velaquí un pequeno vídeo resumo:



Tamén podedes botar unha ollada a este vídeo resumo do IES Aquis Celenis:

8 de maio de 2018

Os contos que contan. Resolución do concurso

O Concello de Barro publicou xa a relación de gañadores do concurso de contos deste ano: "Os contos que contan"

A entrega de premios e lectura dos contos premiados terá lugar na Biblioteca Pública do Concello o vindeiro Mércores 16 de Maio ás 17:00 horas.

Queremos felicitarvos a todos e todas por ser esta unha edición cunha grande participación!

Parabéns a todas as persoas premiadas!!
 

6 de maio de 2018

Contacontos "As verbas do monte" e exposición "As nosas senlleiras"

Na segunda metade do mes de abril o alumnado do noso centro tivo a oportunidade de realizar visitas guiadas á exposición "As nosas senlleiras" sita no terceiro andar do edificio do Concello e promovida pola Deputación de Pontevedra.
Esta exposición pretende amosar a riqueza e tesouro natural de árbores consideradas "reliquias botánicas" situadas en distintos lugares da xeografía galega, a gran maioría na provincia de Pontevedra.
Testimonio destas visitas quedaron recollidos nos distintos blogs:



Como broche de ouro desta actividade, o pasado 27 de Abril acudimos á Nave da Música. Alí puidemos gozar co contacontos "Verbas do monte" no que Anxo Moure coa súa "Tenda das palabras" e acompañado por Servando Barreiro (coa súa concertina), falou da importancia de protexer os nosos bosques, poñendo máximo coidado nas  árbores autóctonas.



Moitas Grazas por axudarnos a coñecer a importancia de conservar este patrimonio tan importante !!
Grazas pola vosa labor!! 

3 de maio de 2018

María Victoria Moreno: Tecendo Voces

Para conmemorar o Día das Letras Galegas e, no marco do PDI deste curso "Voces de mulleres", o alumnado de 6º de Primaria gravou a canción "Tecendo Voces". A música é unha adaptación da melodía instrumental para zanfona número 500, recollida no Cancionero Gallego de Bal y Gay. A letra está inspirada no libro Anagnórise de María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018.

O vídeo inclúe a letra da canción para facilitar a súa interpretación.



Animádevos a cantala!

1 de maio de 2018

Na X edición o gañador é ...

A pasada semana desenvolveuse na biblioteca do centro unha intensa actividade. O alumnado de 5º curso presentou as seis candidaturas que investigou para levar adiante este proxecto.
Tras escoitar atentamente todas as presentacións, alumnado e profesorado acudimos á biblioteca para emitir o noso voto na mañá do venres. Posteriormente, as persoas responsables do proxecto fixeron reconto de votos e levantaron acta do resultado.

Podedes acceder ao proceso deste traballo e coñecer a candidatura gañadora desta edición mirando o seguinte vídeo: