31 de maio de 2021

DÍA MUNDIAL SEN TABACO

Hoxe, 31 de maio, conmemórase o Día Mundial Sen Tabaco. Con tal motivo, e no marco do proxecto de Prevención de Condutas Adictivas, compartimos o cartaz e o manifesto dos concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas, co fin de sensibilizar sobre os riscos do tabaco e promover medidas eficaces de prevención e abandono do seu consumo.


22 de maio de 2021

LETRAS GALEGAS 2021

No CEIP Amor Ruibal de Barro rendemos nestas Letras Galegas 2021 unha sentida homenaxe a Xela Arias, escritora, editora e tradutora, con contacontos ilustrados, poemas musicados, cancións e actividades variadas de investigación, de expresión artística e de fomento da lectoescritura e oralidade, como as que desenvolveron, por exemplo, o alumnado de Infantil ou as mozas e mozos de 5º de Primaria.


21 de maio de 2021

CONTACONTOS ILUSTRADOS: "XELA ARIAS, LOITANDO POLA IGUALDADE"

Esta semana recibimos a visita de Kike Mauricio e Carlos Taboada, do colectivo Polo Correo do Vento, para realizar co alumnado de Primaria contacontos ilustrados centrados na figura de Xela Arias, poeta e docente referente na loita pola igualdade, pertencente ao colectivo da "Festa da Palabra Silenciada" e homenaxeada este ano 2021 co Día das Letras Galegas.


A actividade está promovida polo departamento de Asuntos Sociais do Concello de Barro e enmárcase no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co obxecto de pór en valor o papel da muller na sociedade e a necesidade imperiosa de fomentar unha educación en igualdade plena e real.

MOITÍSIMAS GRAZAS!!!



15 de maio de 2021

A FAMILIA, MÁIS QUE UN TEITO!

Hoxe, 15 de maio, celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Familia para crear conciencia sobre o papel fundamental que ten na educación das crianzas dende a primeira infancia, xerando aprendizaxes prosociais e saudables permanentes. Como conmemoración de dito día, compartimos unha interesante GUÍA PARA FAMILIAS creada por Julia Búa Núñez (Técnica de Prevención das Condutas Adictivas no eido local de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas), na que atoparedes información básica sobre a prevención de condutas adictivas dende o ámbito familiar, principal axente de socialización.

Guía Familias Prevención Condutas Adictivas by Amor_Ruibal on Scribd

 
Moitas grazas por este interesantísimo recurso!
 

14 de maio de 2021

O XII PREMIO MIMI É PARA...

E o XII Premio MIMI, que alumnado e profesorado do CEIP Amor Ruibal de Barro concede a persoas que usan e defenden o uso do idioma galego, é para... 

ANA PELETEIRO!!!

 proposta pola Concellería de Xuventude de Barro.

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

     Recibidas vía virtual as propostas, e logo dunha semana de estudo e consideración das candidaturas presentadas, hoxe desenvolveuse a xornada electoral cumplindo estrictamente cos protocolos da Covid-19, de xeito que os grupos burbulla emitiron escalonadamente o seu voto nas urnas instaladas en cada corredor e o profesorado especialista, na Biblioteca. 

     A última hora, o alumnado de 6º de Primaria, responsable do proxecto, fixo o reconto de votos e levantou acta do resultado, que publicou nos taboleiros dos corredores. 

     Ana Peleteiro impúxose por maioría absoluta ás outras candidaturas, que eran o grupo musical De Vacas, proposto pola Biblioteca Pública/OMIX de Barro, María Fumaça, pola Real Academia Galega, Luís Davila `O Bichero´, proposto pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Raquel Queizás, polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Barro e Adolfo Caamaño, pola Concellería de Cultura de Barro.

Moitísimas grazas polas vosas valiosas aportacións!!!


RESOLUCIÓN DO CONCURSO "AS VERBAS QUE CONTAN"

O Concello de Barro, ao través da OMIX, vén de publicar a resolución do concurso "AS VERBAS QUE CONTAN" convocado no marco da conmemoración do Día das Letras Galegas 2021 e que contou cunha altísima participación, con obras de grande calidade.

As persoas gañadoras do noso centro son as seguintes:

CONTOS:

  • Categoría Infantil: Alumnado de 4º e 5º de Infantil.
  • Categoría 1º e 2º de Primaria: Hugo Martínez Dios con  A carpa e a troita.
  • Categoría 3º e 4º de Primaria: Sabela García Rey con Os recordos que me trae a viaxe do peregrino.
  • Categoría 5º e 6º de Primaria: Iria García Paz con Amizades distanciadas.


HAIKUS:
  • Categoría 1º e 2º de Primaria: Fiz Rea Tilve.
  • Categoría 5º e 6º de Primaria: Aldara Ocampo González.


Moitísimas grazas a todas as persoas participantes!!!

Moitísimos Parabéns ás persoas gañadoras!!!

A organización anunciará nos vindeiros días como e cando será o acto de entrega de premios que, dada a situación que estamos a vivir e por prudencia, será virtual e non presencial.

11 de maio de 2021

XII PREMIO MIMI

    O alumnado de 6º de Primaria presenta un vídeo resumo coas candidaturas que optan ao XII Premio MIMI ao persoeiro do ano. O proxecto iniciouse o curso anterior pero non puido completarse por mor do confinamento e, dada a situación actual, o vídeo substitúe á exposición presencial na nosa Biblioteca. 

 

   Na seguinte presentación aparecen as persoas galardonadas en anteriores edicións así como unha imaxe das candidaturas presentadas no certame deste ano, co seu correspondente díxito.  

    Animádevos a mirala antes de decidir o voso voto!

Presentación candidaturas, XII Premio MIMI by Amor_Ruibal on Scribd


 Moitísimas grazas a todas as entidades colaboradoras 

polas súas marabillosas aportacións!

2 de maio de 2021

DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Con motivo do Día Internacional contra o Acoso Escolar, o Departamento de Orientación, en colaboración cos equipos de Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega do CEIP Amor Ruibal, elaborou unha guía con interesantes propostas didácticas para reflexionar e concienciar sobre esta eiva social, e promover valores que favorezan a convivencia como o respeto, a tolerancia, a inclusión, a igualdade, a empatía e o afecto.

Por unha sociedade mellor!

DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR de Mestra de AL Ceip Amor Ruibal