14 de setembro de 2017

Concerto didáctico da BXB

Esta mañá gozamos dun interesante concerto didáctico, O país dos instrumentos, a cargo de compoñentes da Banda de música xuvenil de Barro, algúns deles mestres e mestras da Escola de música do noso Concello.
Por xentileza do Concello, membros de Protección Civil escoltaron a nosa subida á Nave da Música que foi cedida para a realización desta actividade. 

Manuel Fariña actuou de narrador ademais de amosarnos algúns instrumentos de percusión e a trompa; Iván amosou como sona a trompeta; Óscar, o trombón e o bombardino; Marcos, percusión, o óboe e o corno inglés; Anabel, o fagot; Alejandra, o clarinete; Martín, o saxo; Ana, a frauta travesa e Laura, o cello.
No seguinte vídeo podedes ver unha escolma fotográfica da súa actuación.



Que ben o pasamos!
Moitísimas grazas!

Un saúdo
MIMI

12 de setembro de 2017

Salón do libro, 2018

A XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xa está en marcha con importantes novidades.
A primeira delas chega da man dalgunhas librerías da cidade cunha iniciativa que se chama "A túa librería recomenda" e na que cada semana, a través das redes sociais, recomendarán unha obra literaria relacionada co tema da vindeira edición do Salón: "Mulleres de conto"

O pasado sábado a librería Seijas deu inicio a esta iniciativa coa recomendación de Anagnórise, obra de Mª Victoria Moreno (autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018)

Dende a nosa biblioteca agradecer á súa libreira, Nenuca, a súa sempre xenerosa colaboración cos equipos de Bibliotecas Escolares.

Un saúdo.
MIMI