31 de marzo de 2018

Día Internacional dos Bosques cun Taller de Compostaxe.

Os días 22 e 23 de marzo recibimos na Biblioteca do noso centro a visita de Rocío, mestra do equipo didáctico do CEIDA, para impartir uns obradoiros sobre a Compostaxe ao alumnado de Educación Infantil. Estes obradoiros están contemplados dentro do Programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra e dan continuidade ao noso proxecto BARRRO.

No blog de Infantil recollen información sobre estes obradoiros:

Aquí amosamos un vídeo resumo da actividade destes dous días.



Moi divertido e instructivo ao mesmo tempo!
Grazas Rocío polo teu labor!!

29 de marzo de 2018

Día da Poesía

O pasado 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, o alumnado de Infantil e Primaria gozou dunha intensa xornada poética.

Os nenos e as nenas de Infantil debuxaron e recitaron uns versos de Ana Fernández do seu poemario Pola Rúa dos Versos tal e como se recolle no blog Pequecholandia:



O alumnado de Primaria gozou na nosa Biblioteca dun emotivo recital poético no que se presentaron os Micropoemas creados para participar no CONCURSO convocado pola Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia".

Podedes lelos nos seus respectivos blogs:

Amor Ruibal 1º e 2º: 


Amor Ruibal 3º e 4º:


Amor Ruibal 5º e 6º:


A participación foi espectacular !

Bravísimo, artistas !

27 de marzo de 2018

Marzo, mes da muller, "Do 8 ao 18"

O mes de marzo tivo especial significación este ano nas actividades do noso centro. Relacionada co noso PDI, na data da conmemoración do Día Internacional da Muller demos comezo á actividade "Do 8 ao 18" na que varias mulleres do noso concello falaron da súa traxectoria tanto persoal como profesional. Falaron das súas lembranzas do pasado, dos seus esforzos e das súas paixóns.
Dabamos conta desta actividade nunha entrada anterior e ofrecen máis información sobre o desenvolvemento da mesma, os restantes blogs do centro:
Aquí amosamos un vídeo resumo do acontecido ao longo desta intensa semana.



Reiteradas grazas a todas !!

23 de marzo de 2018

Semana da Prensa

Dentro do Programa "Prensa na escola" o alumnado dos cursos superiores de Primaria recibe cada mércores un xornal e traballa durante a semana coas noticias que nel atopa. Así se recolle no blog de 5º e 6º curso:
http://amorruibaltercerciclo.blogspot.com.es/2018/03/semana-da-prensa-na-escola.html

Esta semana queremos recoller dun xeito especial o traballo desenvolvido nas distintas áreas coa prensa. Así, nas clases de ALFIN de 4º curso elaboraron un cartaz despois de traballar coas distintas seccións dun xornal.











O profesorado de Educación Física, no marco do proxecto deste curso "Voces de mulleres", propuxo en 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria a recompilación de noticias relacionadas coas mulleres máis destacadas do deporte galego, que foron premiadas nas tres últimas edicións da "Gala do Deporte Galego" nos apartados de mellor deportista (3º), mellor adestradora (4º), mellor xuíza-árbitro (5º) e mellor equipo galego (6º).

A investigación intensificouse na Semana da Prensa, na que o alumnado, ademais, recolleu noticias de mulleres destacadas en diferentes modalidades deportivas, coas que se elaborou un gran mural no ximnasio que se utilizaba como recurso de lectura na "Hora de ler" por alumnado doutros cursos.


Un saúdo,
MIMI

15 de marzo de 2018

Curso de Atención a Urxencias Sanitarias

Desde o Centro de Formación e Recursos do profesorado de Pontevedra (CFR)  pídennos que fagamos chegar ás familias do noso alumnado información sobre un curso de formación que ofrece a Consellería sobre Atención a urxencias sanitarias e que será impartido por persoal do 061.
Esta formación desenvolverase no CFR de Pontevedra (Rúa Celso Emilio Ferreiro) os días  13 de abril de 17 a 20:00 hs e 14 de abril de 10 a 13 e de 16 a 19:00 hs
Para inscribirse é preciso chamar ao teléfono do CFR de Pontevedra (986 872 888) antes do día 23 de marzo.

9 de marzo de 2018

Do 8 ao 18 de marzo conmemoramos á Muller Traballadora

O día 8 de marzo, conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, lembramos a loita da muller polo recoñecemento na sociedade dos mesmos dereitos que os homes.
Nós, no noso centro, dedicámoslle  "Do 8 ao 18" de marzo unha intensa semana de actividades na que varias mulleres do noso concello fálannos da súa experiencia de vida personal e profesional, mostra de esforzo e superación para acadar os seus obxectivos.


Acudiremos tamén á Biblioteca Pública do Concello onde, organizada pola OMIX en colaboración coa Asociación Miraflores, tres mulleres nos relatarán nunhas charlas as súas lembranzas, vivencias e as diferenzas e desigualdade no trato entre os dous sexos que había no pasado facéndonos reflexionar para conseguir unha mellor convivencia a través do respecto aos demais.

Un saúdo.
MIMI

7 de marzo de 2018

Concurso CONTAUMIA

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca a primeira edición do concurso CONTAUMIA co obxectivo de potenciar a oralidade (relatos, contacontos, monólogos, recitados...), sen axuda de texto escrito.
Poden participar todos os centros educativos integrantes na Coordinadora dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.
Hai dúas categorías:
  • A. Primaria
  • B. Secundaria

Bases:
  • As historias poden ser de base popular, literaria ou de creación propia.
  • As historias contaranse en galego.
  • Valorarase a calidade lingüística e o seu carácter construtivo e pedagóxico (linguaxe inclusiva e non discriminatoria, linguaxe non sexista...).
  • As persoas participantes concursarán individualmente.
  • O tempo máximo da actuación non pode exceder os 3 minutos. A superación deste tempo pode supor a descualificación.
  • Cada centro pode presentar un participante por categoría que actuará na IX Festa da Lingua.
Prazo de presentación:
  • Día 16 de abril.
  • Fase clasificatoria no CEIP Amor Ruibal de Barro: Venres 13 de abril.
Xurado:

A Coordinadora nomea á actriz e humorista Isabel Risco.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!