O Concello de Barro vén de convocar a través da OMIX o tradicional Concurso de Postais de Nadal no que participamos todos os anos.
ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!
O Concello de Barro vén de convocar a través da OMIX o tradicional Concurso de Postais de Nadal no que participamos todos os anos.
ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!
Ao longo desta semana desenvolvéronse nas aulas diversas actividades de concienciación, sensibilidade e reflexión no marco da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
E hoxe, 25 de novembro, autoridades municipais e a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro reunímonos diante do edificio do concello para lembrar ás nenas, mozas e mulleres que "xa non están" e reivindicar a fin desta eiva social que tanta dor provoca. Fixémolo cantando Por elas de Adhara & Ritman arredor dun 25-N xigantesco, formado por zapatos vellos pintados de vermello, unha idea orixinal da artista mexicana Elena Chauvet, utilizada en países de todo o mundo para visibilizar ás vítimas da violencia machista.
"Polas que veñen
e polas que virán.
Polas que estamos,
polas que xa non están."
Moitísimas grazas, Concello de Barro e familias, pola
vosa inestimable colaboración!!!
Fantástico vídeo de alumnado de 6º de Primaria para conmemorar o Día Universal da Infancia 2022, divulgando os dereitos das nenas e dos nenos, recollidos na Declaración dos Dereitos da Infancia de 1959 e na convención sobre os Dereitos da Infancia de 1989, o tratado internacional máis ratificado da historia.
Ademais, como aínda estamos a celebrar o Xacobeo 2022, as mozas e mozos de 6º agasallaron a todo o alumnado e persoal docente e non docente do centro con cunchas rotuladas con corazóns vermellos e a lenda "20-N", como recordo deste día e símbolo do necesario que é o correcto cumprimento destes dereitos para que todas as nenas e todos os nenos teñan unha gozosa peregrinaxe pola vida.
Que así sexa!!!
No marco da celebración do Mes da Ciencia en Galego, as alumnas e alumnos de 5º de Primaria organizaron unha magnífica Feira da Ciencia na nosa Biblioteca. Durante toda a semana deseñaron carteis, prepararon os materiais necesarios para a exposición e ensaiaron para que todo saíse perfecto.
O xoves, as nenas e nenos de 1º, 2º e 3º de Primaria visitaron a exposición, desfrutando en vivo e directo de ilusións ópticas e outras experiencias como: obxectos que se manteñen suspendidos na auga coa axuda de perlas xel (Orbeez) transparentes, candeas que fan subir a auga polo efecto baleiro, debuxos que desaparecen dependendo de como os mires e debuxos flotantes que se transforman en tatuaxes.
O venres foi a quenda do alumnado de 4º e 6º de Primaria, que experimentaron con reaccións químicas como a do vinagre co bicarbonato de sodio observando, en primeiro lugar, a escuma na erupción dun volcán e, en segundo lugar, os gases que se producen cun globo que se inchaba só. Tamén comprobaron as calidades do fluído non-newtoniano que, dependendo da forza que se lle aplique, resulta líquido ou sólido. Por último, aprenderon a mirar a través dun microscopio e a recoñecer os materiais que se utilizan.
Foron uns días moi intensos!!!
Moitísimos Parabéns!!!
Hoxe inauguramos na Biblioteca a xenial exposición Maquetas de células, creadas polo alumnado de 5º e 6º de Primaria con materiais funxibles e de refugallo.
É unha das múltiples actividades que desenvolvemos en novembro, o #MesDaCienciaEnGalego nas Bibliotecas Escolares de Galicia.
O mes de novembro é o MES DA CIENCIA EN GALEGO nas Bibliotecas Escolares de Galicia, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O manifesto elixido para este ano 2022 leva por título O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica e está escrito por José Tubío, profesor, investigador e divulgador na USC, que gañou no mes de maio un Premio Internacional pola súa contribución en varios dos descubrimentos máis importantes sobre o cancro.
Podedes ler o texto aquí e berrar ben forte "Terra á vista!"
Alumnado de 6º voluntario da nosa Biblioteca desenvolveu polo Samaín fantásticas sesións de contacontos co alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria.
`Corre corre, cabaciña´ de Eva Mejuto e `A miña amiga a escuridade´ de Ella Burfoot foron os títulos escollidos para as crianzas de Infantil, que seguiron a escoita con moito interese e atención. Pola súa banda, as nenas e nenos de Primaria gozaron a tope coas historias de medo súper orixinais creadas para a ocasión polo propio alumnado de 6º.
Hoxe foi un día moi especial para a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro, que asistiu co corazón quentiño á entrega do XIII Premio MIMI a TANXUGUEIRAS polo uso, defensa e difusión da lingua e cultura galega.
Unha emocionadísima Aida Tarrío, en representación do grupo, subiu ao escenario para recoller o Premio da man do alumnado de 6º de Primaria, que non cabía de gozo por compartir escenario coa artista.
O acto tivo lugar na Nave da Música de Barro, que vibrou a todo vibrar cos bailes e cancións coreadas por todas as nenas e nenos, que deron o do de peito co afamado Terra, que tan ben achegou os ritmos e a enerxía de noso polo mundo adiante grazas a Sabela, Olaia e Aida.
Antes da despedida con sonoros aplausos, bicos e apertas mil, Aida asinou no Libro de Honra da nosa Biblioteca e posou con todas as nenas e nenos.
Moitísimos Parabéns!!! Moitísimas Grazas!!!
Querémosvos!!!
Graciñas de corazón ao Concello de Barro
pola súa inestimable colaboración!!!