29 de decembro de 2017

Voces de mulleres

O PDI (Proxecto Documental Integrado) deste curso escolar leva por título: "Voces de mulleres". O noso obxectivo é o de investigar e afondar inicialmente na vida de mulleres significativamente importantes nos seus campos e traballo.
Nas aulas de 3º e 4º de Primaria comezarán a súa investigación coa tarefa proposta neste "site", punto de partida do seu traballo para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. 

Un saúdo,
MIMI.

23 de decembro de 2017

Visita de Papá Noel

 O pasado mércores, día 20, Papá Noel visitou o noso centro para entregar uns agasallos a toda a rapazada pola súa participación no XVII Concurso de Postais do Concello. Traían puzzles para o alumnado de Infantil e unhas lambetadas para o alumnado de Primaria. 
Unha visita entrañable coa que gozamos pequemos e maiores. Podedes seguila neste vídeo resumo.



Desexámosvos Bo Nadal e Felices Festas!!
Un saúdo,
MIMI.

22 de decembro de 2017

Postais de Nadal

O pasado luns día 18 reuníuse o xurado para elexir as Postais gañadoras da XVII edición do Concurso convocado polo Concello de Barro a través da OMIX e no que colaboramos. 
Con este vídeo queremos presentar as postais gañadoras e finalistas do mesmo e desexarvos que pasedes un Bo Nadal e unhas merecidas vacacións.

Un saúdo,
MIMI

21 de decembro de 2017

Recomendación de lecturas

Xa chega o tempo de Nadal, e con el as nosas recomendacións para que sumedes algunha destas propostas nas vosas cartas e o pasedes ben lendo.
Fixemos unha escolma especial de libros sobre "mulleres" por ser esta a temática do proxecto deste curso no cole. Agardamos que vos guste.


Un saúdo.
MIMI

17 de decembro de 2017

Nova xuntanza do Club de Lectura.

Pareceunos moi interesante e sorprendente este relato de Fina Casalderrey. 
Ao principio costounos entender a relación do acontecido no hospital nos primeiros capítulos co resto da historia, pero comentando todas xuntas ... descubrimos unha historia moi doce, moi tenra e engaiolounos.




O noso próximo libro vai ser un relato que mestura maxia e aventuras a partes iguais (según dixo a profe)
Ao comezar cun libro en galego, imos ler o seguinte en castelán, "Mago por casualidad" de Laura Gallego.
Xa estamos impacientes...
Un saúdo
MIMI

MARIE CURIE. 150 Aniversario no Mes da Ciencia.

Para iniciar as actividades do Mes da Ciencia do noso centro escollemos a Marie Curie como científica a investigar dado que se cumple este mes de novembro o 150 aniversario desta tenaz e incríble muller.
Comezamos propoñendo un xogo de pistas. Partimos dunha fotografía e cada día incorporamos unha pista para afondar na investigación polo miúdo cada quen na súa aula.
Podedes ver algúns exemplos do alumnado de infantil de 5 anos nesta presentación:

O alumnado de infantil fixo o seu aporte desenvolvendo uns experimentos na biblioteca e nas aulas que nos amosan no seu blog,PEQUECHOLANDIA

Aquí recollemos nun vídeo un resumo destas actividades do Mes da Ciencia.


Un saúdo.
MIMI.

12 de decembro de 2017

Concurso de postais de Nadal

Queremos recordar que o plazo de entrega do concurso de postais convocado polo Concello remata esta semana. 
Podedes entregar un máximo de dúas tarxetas por persoa na BP e tamén na Biblioteca do noso centro antes do venres 15
Lembrade ler as bases para completar correctamente os vosos datos na parte traseira da postal.
Un saúdo. 
MIMI.


8 de decembro de 2017

Exposición de robots no Mes da Ciencia.

O alumnado de 4º curso de Primaria foi o responsable de dar inicio ao Proxecto de Robótica Educativa dentro das actividades do Mes da Ciencia nas Bibliotecas Escolares.
O seu primeiro reto foi o de pensar e describir como imaxinaban un robot para, a continuación, construir un con materiais de refugallo. 
Como traballaron "a noticia" nas clases de lingua, redactaron tamén como reporteiros e reporteiras a súa visión do proxecto.

Os alumnos/as de 4ºB e 4ºA do CEIP Amor Ruibal van facer un robot con materiais de refugallo.  Serán todos distintos porque cada neno/a utiliza a súa imaxinación. 
Nicolás López, 4º B

Os alumnos/as de 4º do colexio Amor Ruibal tiveron como tarefa facer un robot. Traballaron con materiais caseiros, como por exemplo: papel aluminio, caixas, cordeis, tapóns, etc.
Todos e todas colaboraron levando o seu. Estiveron expostos na Biblioteca do colexio durante o mes de novembro. 
Saray Viqueira, 4º B

Durante o mes de novembro estiveron expostos na Biblioteca.
Gustou tanto a exposición e os traballos realizados que fixemos unha votación entre o alumnado. Na imaxe de esquerda a dereita: Saray, Brais, Irene e Pablo cos seus robots.
 Parabéns a todos e todas polo voso traballo!

Así o recollemos tamén no blog de 3º e 4º curso:
http://amorruibalsegundociclo.blogspot.com.es/2017/12/construimos-robots.html
Un saúdo.
MIMI.


4 de decembro de 2017

Plantación de castiñeiros

     O alumnado de 5º de Primaria participou o pasado mércores, 29 de novembro, nunha actividade coa CMVMC de Perdecanai: A plantación de castiñeiros nos terreos que esta Comunidade de Montes dispón ao pé do campo de fútbol de Outeiro. 


     Esta actividade está enmarcada nun proxecto de colaboración coa CMVMC de Perdecanai e que queremos estender ás outras CMVMC do Concello cun obxectivo dobre: Por unha banda implicar a nenos e nenas no coidado do seu entorno e, por outra, achegar ao alumnado a importante labor das CMVMCs como un elemento esencial da nosa cultura e tecido comunitario. 

     O acontecemento contou cunha testemuña de excepción: A TVG, en concreto o programa Aquí Galicia que, co gallo da II Raxofesta, fará presenza en Barro o sábado 9 de decembro no campo de fútbol de Outeiro. Haberá unha pantalla para seguir o programa en directo.






     Na plantación dos castiñeiros utilizouse compost do composteiro comunitario de Barro e o alumnado tivo uns padriños de excepción: José Sanmartín (tenente de alcalde do Concello), José Güimil, José Mera, Gerino Calvo, Quique Pintos (mestre composteiro de Barro) e empregados de Escavacións Outeda e Otero Forestal. 

 Foi unha experiencia tan gozosa como enriquecedora e exemplar.


Moitísimas grazas!!

1 de decembro de 2017

25N en Barro

O pasado venres día 24 participamos nun acto colectivo para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero organizado polo noso centro coa colaboración do IES de Barro, ANPA San Antoniño, ANPA Amor Ruibal e Concello de Barro.
Tiñamos previsto realizalo na Praza do Concello pero debido ao mal tempo trasladámolo ao Salón de Actos da Biblioteca Pública onde nos reunimos alumnado e profesorado de Primaria, Secundaria, Corporación municipal e demais familiares e veciñanza.
Simultaneamente o alumnado e profesorado de Infantil desenvolveu o acto no Ximnasio do colexio polas circunstancias meteorolóxicas.



Moitísimas grazas pola participación!!
Un saúdo,
MIMI