Alumnado de Primaria visitou, no Salón de Actos da Biblioteca Pública, a magnífica exposición `Recordos botánicos na lingua nai´ organizada polo Concello de Barro coa colaboración de veciñanza, profesorado do IES de Barro, alumnado do IES de Barro (debuxantes), Carmen Salinero (da Estación Fitopatolóxica Areeiro) e José Manuel Mosquera Cordo (autor das fotografías).
A inauguración (o pasado mércores 13) correu a cargo do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes. O acto contou coa presenza do tenente de alcalde, José Sanmartín, a responsable da Biblioteca, Pili Álvarez, as veciñas Sofía Solla, Elena Solla e Amelia Cancela, o veciño Manuel Nieto e alumnado e profesorado de 6º de Primaria do CEIP Amor Ruibal.
No día de hoxe, tocoulle o turno a alumnado e profesorado de 4º e 5º de Primaria, que escoitou atentamente as intervencións do veciño Celso García e das veciñas Elena Landín, Adorinda García, Mª Carmen Rey e Maruja Outón.
Estas veciñas e veciños partillaron con nós recordos na lingua nai ligados ás súas vivencias con diversas plantas curativas de recoñecidas propiedades terapéuticas, incluso culinarias. Puidemos ver, ulir e tocar algunhas desas plantas, ler información sobre elas e contemplar os bonitos debuxos do alumnado de Secundaria.
A verdade é que foi unha experiencia que espertou moito interese, curiosidade e admiración pola sabedoría de tantas persoas maiores como as que nos acompañaron que, no seu tempo, tan ben practicaban o autoconsumo, a sostenibilidade e a ecoloxía, conceptos que agora están moi de moda pero que, como puidemos comprobar, non son nada novos.
Un exemplo a seguir!
Moitísimas grazas!!!
Moitísimos Parabéns!!!