31 de xaneiro de 2018

Día da Paz 2018

A corporación municipal e a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro uniron onte as súas voces para conmemorar o Día Internacional da Paz. 


O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, transmitiu a necesidade de traballar todos os días do ano a prol dunha convivencia pacífica. Na mesma liña, o alumnado compartiu con todas as persoas presentes un vocabulario pacífico imprescindíbel na nosa vida cotián, co obxecto de desenvolver hábitos, valores e actitudes positivas.


Logo, maiores e pequen@s gozamos cantando e danzando o "Baile da Paz" de Mamá Cabra.


O acto finalizou coa solta simbólica dunha pomba branca a cargo da alumna Alejandra Remiseiro Castro.


"Non hai camiño para a paz; a paz é o camiño" (Mahatma Gandhi) 

30 de xaneiro de 2018

Abecedario Pacífico

Presentamos este Abecedario elaborado polo alumnado e profesorado do CEIP Amor Ruibal para a Conmemoración do Día da Paz, 2018.



Un saúdo,
MIMI

27 de xaneiro de 2018

Calendarios Saudables 2018

O pasado mércores, día 24, o Salón de Plenos do Concello acolleu, en tres quendas sucesivas, a todo o alumnado do noso centro que acudiu á entrega dos Calendarios Saudables 2018.

A sesión extraordinaria estivo presidida polo alcalde, Xosé M. Fernández Abraldes, acompañado por Julia Búa (psicóloga), Amelia Cancela (concelleira de Servizos Sociais) e Isabel Álvarez (traballadora social), e se enmarca no proxecto colaborativo Valores en Saúde 2.0 centrado na acción e información de hábitos saudables para que o alumnado os introduza na súa vida e lles sirvan na prevención de condutas adictivas contrarias á calidade de vida desexable para todas as persoas.

Ao través do seguinte enlace podedes acceder ás actividades desenvolvidas no noso centro o curso pasado:

Os fermosos calendarios que recibimos como agasallo son froito do I Certame de Debuxos Saudables convocado nos centros de primaria dos concellos da comarca que participan no proxecto: Barro, Cuntis, Portas e Moraña. A portada amosa todos os debuxos presentados ao certame e, no interior, pódense ver os doce debuxos premiados que ilustran cadanseus meses do ano. 


O noso alumnado seguiu con grande interese e atención as palabras de Julia Búa, psicóloga responsable do proxecto, e do alcalde, Xosé M. Fernández Abraldes, que avanzou a súa continuidade no presente curso escolar. Iniciativa que agradecemos e aplaudimos xa que logo concorda cun dos obxectivos fundamentais da educación: Valorar a saúde física e emocional como medio para favorecer o desenvolvemento persoal e social.


22 de xaneiro de 2018

VI Certame de Relato Curto da FANPA


A FANPA convoca o VI Certame de Relato Curto que conta como padriño nesta nova edición a Antonio García Teijeiro, premio nacional de literatura. 

O ilustrador Óscar Villán é o autor do cartel promocional desta edición.

As bases do certame están dispoñibles no seguinte web:


Recordade que o prazo remata o 28 de febreiro.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR !


21 de xaneiro de 2018

O Problema Viaxeiro.

Con este nome damos inicio a unha actividade que promove a resolución de problemas, o pensamento crítico, o cálculo matemático e o espíritu colaborativo para crear entre o alumnado dunha clase ou nivel uns cadernos que recollan variedade de problemas matemáticos.

Un compañeiro ou unha compañeira terá que resolver o problema que lle aparece plantexado e ademais pensar nun novo para ser resolto pola persoa seguinte.


 Da aula de 3º nivel de Primaria saíron       esta semana os dous primeiros
            "cadernos".

Un saúdo
MIMI

Reunión do Club de Lectura!!

Reunímonos esta semana para comentar as nosas impresións do libro "Mago por casualidad" de Laura Gallego que limos dunha tirada durante o descanso de Nadal.  
Aquí as recollemos:
  • Gustounos moito, é un libro de aventuras con anécdotas moi divertidas. Os personaxes cambian moito ao longo da historia.
  • O mago Maldeokus non resultou tan malo como parecía.
  • Pola contra, Calderaus parecía bo, pero ....
  • Ratón repetía unha e outra vez o mesmo feitizo pero sempre "salía" algo diferente.
Xa estamos pensando na temática da seguinte lectura... 
Ao termos preto o Día da Paz, a profesora preguntou se queremos saber e coñecer máis da problemática do pobo Saharahui e propuxo: "Palabras de caramelo" de Gonzalo Moure. Pareceunos interesante polo que seguiremos contando.
Un saúdo 
MIMI

17 de xaneiro de 2018

Que contan as ovellas para durmir?

Aquí vos deixamos unha mostra do rabaño que presentamos ao concurso convocado pola editorial Galaxia polo 15 aniversario da publicación da obra Que contan as ovellas para durmir? de Kiko da Silva.



Resultou un rabaño moi xeitoso!


Moitísimas grazas pola vosa colaboración!!

Parabéns, artistas!!

Un saúdo,
MIMI

9 de xaneiro de 2018

Editorial Galaxia convoca Concurso de ovellas

O libro Que contan as ovellas para durmir? de Kiko da Silva cumple 15 anos. Con tal motivo, a Editorial Galaxia promove un "Concurso de ovellas" entre a rapazada. Desde a Biblioteca do cole animámosvos a todos e todas que queiran participar a traer a súa ovella elaborada cos materiais que indica na imaxe: 
  • Mistos para as patas
  • Un estropallo de arame
  • Papel ou cartolina pintada para a cabeza. 

O luns, 15 (pola mañá) será o último día para poder entregala.

Animádevos a participar!

Un saúdo,
MIMI