27 de xaneiro de 2018

Calendarios Saudables 2018

O pasado mércores, día 24, o Salón de Plenos do Concello acolleu, en tres quendas sucesivas, a todo o alumnado do noso centro que acudiu á entrega dos Calendarios Saudables 2018.

A sesión extraordinaria estivo presidida polo alcalde, Xosé M. Fernández Abraldes, acompañado por Julia Búa (psicóloga), Amelia Cancela (concelleira de Servizos Sociais) e Isabel Álvarez (traballadora social), e se enmarca no proxecto colaborativo Valores en Saúde 2.0 centrado na acción e información de hábitos saudables para que o alumnado os introduza na súa vida e lles sirvan na prevención de condutas adictivas contrarias á calidade de vida desexable para todas as persoas.

Ao través do seguinte enlace podedes acceder ás actividades desenvolvidas no noso centro o curso pasado:

Os fermosos calendarios que recibimos como agasallo son froito do I Certame de Debuxos Saudables convocado nos centros de primaria dos concellos da comarca que participan no proxecto: Barro, Cuntis, Portas e Moraña. A portada amosa todos os debuxos presentados ao certame e, no interior, pódense ver os doce debuxos premiados que ilustran cadanseus meses do ano. 


O noso alumnado seguiu con grande interese e atención as palabras de Julia Búa, psicóloga responsable do proxecto, e do alcalde, Xosé M. Fernández Abraldes, que avanzou a súa continuidade no presente curso escolar. Iniciativa que agradecemos e aplaudimos xa que logo concorda cun dos obxectivos fundamentais da educación: Valorar a saúde física e emocional como medio para favorecer o desenvolvemento persoal e social.


Ningún comentario:

Publicar un comentario