31 de marzo de 2019

Visita ao Salón do Libro de Pontevedra

O pasado venres, alumnado de 6º nivel de Infantil e de 3º e 4º de Primaria, acompañado das súas mestras, acudiron a Pontevedra para gozar de contacontos, obradoiros e unha visita guiada á exposición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que nesta edición leva por título "A revolución".
A cultura convidada é a lusófona, e o autor homenaxeado,  Antonio García Teijeiro, sobre o que nós desenvolvemos o noso traballo.
Podedes saber máis desta visita mirando o seguinte vídeo:


Achegádevos ao Salón!!
Gozaredes dunha chea de actividades!!

Podedes descargar o programa accedendo á web do Salón do libro ou no seguinte enlace:

21 de marzo de 2019

Día da Poesía 2019

Hoxe celebramos o Día Mundial da Poesía na Biblioteca do centro cun animado recital poético, que contou coa participación de todo o alumnado de Infantil e Primaria.


A meirande parte dos poemas eran creacións propias do alumnado coas que participan no concurso convocado pola Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega `Terras do Umia´. Todas, do máis orixinal; algunhas, emotivas e outras, divertidas.


Bravísimo, poetas!!!

19 de marzo de 2019

Concerto Día do Pai

No CEIP Amor Ruibal celebramos onte o Día do Pai cun apoteótico concerto didáctico a cargo de Felipe Rea e Inés Tilve (pai e nai do noso alumno Fiz), Fran Prado e Natalia González (pai e nai da nosa alumna Vera) e Ángeles Carballal (nai da nosa alumna Letizia).


O repertorio musical foi tan variado como animado e contou cun público totalmente entregado dende o primeiro minuto; incluso, coa colaboración espontánea de Claudia Moreira, de 2º de Primaria.


No seguinte vídeo podedes apreciar o ambiente festivo do que gozamos:



Moitísimos Parabéns!!!


Moitísimas grazas, familias!!!

10 de marzo de 2019

8M: Día Internacional da Muller

A doutora Viviana T. Vitureira Fernández, especialista en Xinecoloxía e Obstetricia e nai de Luca (de 4º de Primaria) e Piero (de 1º de Primaria), estivo na Biblioteca do noso centro para impartir unhas charlas a todo o alumnado de Primaria.


A actividade, desenvolvida no marco da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller,  suscitou moita atención e curiosidade entre o alumnado e detállase nos blogs dos diferentes niveis:
  • 1º e 2º: `Charla 8 de Marzo´

  • 3º e 4º: `Encontro con Viviana Vitureira Fernández´

  • 5º e 6º: `Día Internacional da Muller´


Un pracer, Viviana!!!
Moitísimas grazas!!!


8 de marzo de 2019

CONTAUMIA 2019

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca a segunda edición do concurso CONTAUMIA co obxectivo de potenciar a oralidade (relatos, contacontos, monólogos, recitados...), sen axuda de texto escrito.

Poden participar todos os centros educativos integrantes na Coordinadora dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

Hai dúas categorías:
  • A. Primaria
  • B. Secundaria

Bases:
  • As historias poden ser de base popular, literaria ou de creación propia.
  • As historias contaranse en galego.
  • Valorarase a calidade lingüística e o seu carácter construtivo e pedagóxico (linguaxe inclusiva e non discriminatoria, linguaxe non sexista...).
  • As persoas participantes concursarán individualmente.
  • O tempo máximo da actuación non pode exceder os 3 minutos. A superación deste tempo pode supor a descualificación.
  • Cada centro pode presentar un participante por categoría que actuará na X Festa da Lingua.
Prazo de presentación:
  • Día 9 de abril.
  • Fase clasificatoria no CEIP Amor Ruibal de Barro: Venres 12 de abril.
Xurado:

A Coordinadora nomea ao director, actor e escritor Santiago Cortegoso.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!

5 de marzo de 2019

Entroido 2019

A celebración do Entroido no CEIP Amor Ruibal arrancou o pasado luns, como ven sendo habitual no noso centro, co primeiro dos mandados de MIMI, a mascota da Biblioteca, este curso relacionados co PDI `Revolución´.

Ademais, o alumnado de 4º a 6º de Primaria, gozou dunhas xornadas de demostración da tradicional `Corrida do galo´, organizadas polo Concello de Barro ao través da OMIX, coa colaboración do profesorado de Ed. Física do centro.

Bailes, merendolas, xogos e risas sucedéronse ao longo da semana que culminou o venres, día grande do noso Entroido, co tradicional desfile cheo de música, color, imaxinación e moita, moita diversión.

Podedes ver un resumo dos momentos máis destacados no seguinte vídeo:


28 de febreiro de 2019

AS FAMILIAS CONTAN...

Xa sabedes como gustamos no CEIP Amor Ruibal da colaboración das familias. Animádevos a participar, un curso máis, no proxecto `As familias contan...´, partillando os vosos saberes para ben das crianzas.
Agardámosvos cos brazos abertos!

26 de febreiro de 2019

Concurso SONDOUMIA 2019

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca o VII concurso de cancións en galego SONDOUMIA.
Poden participar todos os centros educativos integrantes na Coordinadora dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

Categorías: 
A. Ed. Infantil e Primaria.
B. ESO e Bacharelato.

Bases:
Presentarase unha canción en galego orixinal ou versión de temas coñecidos.
Pódese presentar como solista ou grupos.
Nun mesmo grupo poden participar integrantes de distintos centros, mais teñen que pertencer aos centros educativos da Coordinadora Comarcal "Terras do Umia".
Poden participar integrantes de distintas etapas educativas nun mesmo grupo (neste caso entrarían na categoría B).

Fases de presentación e prazos:
Fase previa: Entregaranse as gravacións a integrantes dos EDLG de cada centro en formato WAV, MP3 ou nun formato audiovisual (compatible cos programas máis habituais como VLC ou WMP).
Cada centro presentará un máximo de 2 gravacións por categoría para a fase final.
O prazo de presentación remata o venres 5 de Abril de 2019.
Fase final: As persoas solistas ou grupos finalistas interpretarán as súas cancións na Festa da Lingua e alí coñecerase quen leva o premio.

Xurado:
Actuará de xurado a cantautora MJPérez que concederá un premio por cada categoría.
Valorarase a orixinalidade e a calidade das interpretacións.



ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR !

25 de febreiro de 2019

Concursos de Microcreacións e Microtextos "Terras do Umia"

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca novas edicións dos Concursos de Microcreacións e Microtextos para este curso 2018-19.
Poden participar todos os centros educativos, integrantes na Coordinadora, dos Concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

CONCURSO DE MICROTEXTOS:

Consta de dúas seccións: Microrrelatos e Micropoemas.

Categorías: 
B.1: 1º e 2º de Ed. Primaria.
B.2: 3º e 4º de Ed. Primaria.
B.3: 5º e 6º de Ed. Primaria.
C: ESO  /  D: Bacharelato. 
E: Profesorado, Persoal de Servizos e Familias.

Bases: Pódese participar nunha sección ou nas dúas.
Cada persoa só poderá enviar un texto para cada sección.
A temática é libre, mais debe aparecer necesariamente a palabra NOBELO.

Presentación: Os Microtextos deben ser en galego. Os Micropoemas constarán dun mínimo de 2 versos e un máximo de 8 e os Microrrelatos non terán máis de 100 palabras.
Prazo máximo no CEIP Amor Ruibal de Barro: venres 8 de marzo de 2019.

Xurado: Nunha primeira fase, o xurado, formado polas persoas coordinadoras dos EDLG dos centros participantes, seleccionará dous finalistas por cada sección e categoría. 
Nunha segunda fase, un xurado, presidido pola escritora e actriz María Lado, concederá un premio comarcal por cada sección e categoría.
Valorarase a orixinalidade e creatividade, así como a calidade lingüística e literaria.


CONCURSO DE MICROCREACIÓNS:

Categoría: Ed. Infantil.

Bases: Creación plástica con texto en galego no que apareza a palabra NOBELO.
Pode ser individual ou colectiva.
Cada centro pode presentar ata 3 traballos.
O formato é libre: Murais, cadros, fotografías, cartaces... de diferentes tamaños.

Presentación: O resultado final presentarase en formato JPEG ou PDF. Poden ser varias fotos no caso de despregables.
Prazo máximo no CEIP Amor Ruibal de Barro: mércores 20 de marzo de 2019.

Xurado: Estará formado polas persoas coordinadoras dos EDLG dos centros participantes e pola artista plástica Iria Ribadomar do selo Deica!, que elexirán un gañador comarcal.

Os finalistas de cada centro poderán ser expostos na Festa da Lingua.
Valorarase a orixinalidade, creatividade e calidade artística.


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR !



24 de febreiro de 2019

Día de Rosalía 2019

A celebración do Día de Rosalía ten cousas marabillosas... como que Felipe Rea e Inés Tilve, pai e nai do noso alumno Fiz, se acheguen ata o centro para partillar con nós a `Alborada´ para Rosalía. Sumámonos así ao chamamento conxunto da Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Gaiteiros Galegos para homenaxear á xenial autora no día do seu aniversario.



Moitísimas grazas, Felipe!!!

Moitísimas grazas, Inés!!!

O acto serveu de magnífico colofón ás actividades de lectoescritura, oralidade e musicais desenvolvidas en todas as aulas sobre a vida e obra de Rosalía e, máis en concreto, sobre a súa `Alborada´ que todo o alumnado tan ben recitou, como podedes ver no vídeo recollido na entrada anterior: