30 de xaneiro de 2020

DÍA DA PAZ 2020

Hoxe gozamos dun marabilloso Día Escolar da Non Violencia e Da Paz no CEIP Amor Ruibal coa participación de autoridades municipais, alumnado, profesorado e familias, que agradecemos de corazón. Por cuestións de espazo, primeiro tivo lugar o acto de Infantil e, logo do tempo de lecer, o de Primaria.

Este ano interpretamos a canción De ellos aprendí de David Rees, creada con frases de películas moi coñecidas e que conteñen valores fundamentais para unha convivencia pacífica. Unha desas frases, "cada día de chuvia ten o seu arcoíris" serveu de punto de partida para relacionar as 7 cores do arco da vella con 7 palabras que consideramos imprescindibles nunha cultura de paz, e que foron aportadas polo alumnado de Infantil e de cada nivel de Primaria coa consigna de que comezasen pola mesma letra que a cor correspondente. O resultado foi o seguinte:

Infantil: Violeta - Valentía.
1º: Añil - Amor.
2º: Azul - Amizade.
3º: Verde - Veracidade.
4º: Amarelo - Amabilidade.
5º: Laranxa - Liberdade.
6º: Vermello - Verdade.


7 Palabras máxicas para facer a PAZ os 7 días de todas as semanas do ano.

Moitísimas grazas pola participación!!!

20 de decembro de 2019

Recomendacións lectoras para este Nadal.

O trimestre chega ao seu fin e, co descanso do Nadal, chegan tamén as nosas recomendacións na guía de lecturas que elaboramos na biblioteca.

Visita do Apalpador e da Apalpadora

Hoxe recibimos con ilusión a visita do Apalpador e da Apalpadora, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra na que participa o Concello de Barro.


Estas figuras míticas do Nadal galego, acompañadas dun acordeonista, dun guitarrista e dun burro fariñeiro fixeron as ledicias do noso alumnado con cancións, bailes, anécdotas e moita, moitísima diversión, transmitindo valores tan importantes como a igualdade, o respecto pola natureza, o coidado do medio ambiente e hábitos de alimentación saudable.


Moitísimas grazas!!!

Bo Nadal!!!

19 de decembro de 2019

Sesións de contacontos con Cris De Caldas

No marco do Programa para o Fomento da Igualdade que estamos a desenvolver no centro ao longo deste curso escolar, o equipo da Biblioteca organizou tres sesións de contacontos para o alumnado de Primaria con Cris De Caldas.

De 1º a 4º de Primaria, o alumnado gozou da sesión `Rosa non é unha cor...´ na que Cris desenvolveu con moito humor tres contos sobre a igualdade:
  • `Ferdinando, o touro´ de Munro Leaf.
  • `As cores´. Adaptación de Cris de Caldas, inspirada no conto homónimo incluído no libro `Contos para antes de espertar´ de Nunila López Samanero.
  • `A historia dos bonobos con lentes´ de Adela Turín.
Pola súa banda, o alumnado de 5º e 6º de Primaria tivo o pracer de participar na sesión `Contos en lila´ sobre os rols de xénero e como desmontar algúns deles, ao través de catro historias:

  • `A princesa vestida cunha bolsa de papel´ de Robert Munsch.
  • `Unha Carapuchiña Vermella´ de Marjolaine Leray.
  • `Simón, o chorón´ de Cris de Caldas.
  • `As lavandeiras rebeldes´ de John Yeoman e Quentin Blake.
As sesións desenvolvéronse nun ambiente tan dinámico como divertido e contaron coa colaboración de todo o alumnado. Ao final, Cris escribiu unha fermosa dedicatoria no libro de sinaturas da Biblioteca. 


Grandísimo pracer, Cris!!!

Moitísimas grazas!!!

18 de decembro de 2019

Tradicional visita de Papá Noel

Esta mañá recibimos a tradicional visita de Papá Noel, que veu cargadiño de regalos para repartir entre todas as crianzas de Infantil pola súa fantástica participación no XIX Concurso de Postais de Nadal, convocado polo Concello de Barro ao través da OMIX.

Mantivo, ademais, uns entrañables encontros co alumnado de Primaria, a quen entregou lamberetadas que foron moi ben recibidas.

A actividade estivo organizada polo Concello de Barro e a OMIX.

Moitísimas grazas!!! 

Resolución do XIX Concurso de Postais de Nadal

O Concello de Barro ao través da OMIX vén de publicar o cartaz coa resolución do XIX Concurso de Postais de Nadal.

Parabéns ás persoas gañadoras!!!

Moitísimas grazas a todas as persoas participantes!!!


As postais premiadas do noso centro son:




2ª Categoría : UXÍA OCAMPO GONZÁLEZ (1º B)







3ª Categoría: IRIA GARCÍA PAZ (4º A)








4ª Categoría: CANDELA VÁZQUEZ GONZÁLEZ (6º B)









7ª Categoría (Equipo):  FRANCISCO XOSÉ GÓMEZ FOLGAR (pai) e SARA GÓMEZ CASTRO (filla)





12 de decembro de 2019

Somos iguais

O alumnado de Infantil participou hoxe na sesión de contacontos `Somos iguais´ protagonizada por Raquel Queizás. A actividade, organizada polo equipo da nosa Biblioteca, enmárcase no Programa para o Fomento da Igualdade, que estamos a desenvolver no centro neste curso escolar.

As nosas crianzas seguiron con moitísima atención e diversión os tres contos que Raquel interpretou con moita arte e sabedoría:
  • `Arturo e Clementina´ de Adela Turín.
  • `A metade de Xan´ de Gemma Lineas.
  • `¡Mesa, trágame!´ de Gabriela Keselman.
Antes da despedida, Raquel Queizás deixou a súa pegada no libro de honra da nosa Biblioteca.

Grande, Raquel!!!

Moitísimas grazas!!!

11 de decembro de 2019

Concerto Didáctico de Música Tradicional

Todo o alumnado do centro gozou antes de onte dunha fantástica viaxe pola tradición musical de Galicia da man de Felipe Rea e Inés Tilve, pai e nai do noso alumno Fiz. Gaitas, clarinete, pandeireta, pandeira, mais tamén cunchas, culleres, cuncas, unha tixola, un prato, unha cabaza, un sacho, unha peneira, unha mesa... soaron e resoaron en perfecta combinación musical, demostrando que aparellos, obxectos ou apeiros de labranza, ademais de cumprir a súa función, teñen un son natural ideal para o acompañamento musical. 

O entusiasmo animou a nenos e nenas a probalos con gran divertimento, non faltando tampouco unha parella voluntaria que soubo puntear moi ben unha muiñeira.


Un concerto marabilloso!!!


Moitísimas grazas!!!

9 de decembro de 2019

150 Aniversario do Nacemento de Amor Ruibal

No marco das actividades programadas polo Concello para conmemorar o 150 aniversario do nacemento de Ángel Amor Ruibal, o alumnado de 5º e 6º de Primaria asistiu na nosa Biblioteca a unha charla impartida por D. Ángel Alfonso Piñeiro, veciño, mestre xubilado (moitos anos destinado no noso centro) e avó dunha alumna.

D. Ángel contou anécdotas e datos importantes da vida e obra de Amor Ruibal, persoeiro ilustre que dá nome ao noso centro e tamén ao grupo de danzas tradicionais de Barro. Falou da súa grande preparación e da importancia que tivo na súa época como pensador, filólogo, teólogo e escritor. Acompañou a charla cuns dípticos informativos que repartiu entre o alumnado e escribiu unha bonita dedicatoria no libro de sinaturas da Biblioteca.



Encantounos!!!

Moitísimas grazas!!!