21 de febreiro de 2025

DÍA DE ROSALÍA

 Para celebrar o Día de Rosalía que terá lugar o 23 de febreiro, día do seu nacemento, desenvolvemos ao longo desta semana unha morea de actividades de investigación, lectoescritura, oralidade, plásticas e musicais.

Este ano creamos dous grandes murais colaborativos coas aportacións de todo o alumnado do centro, tomando como referencia á polifacética artista xaponesa Yayoi Kusama e imitando a súa característica obra chea de lunares.

 

Quedaron moi lucidos!

Moitísimas grazas pola vosa colaboración! 

 


15 de febreiro de 2025

DELICIOSAS PERAS

O noso alumnado degustou na mañá do venres unhas peras que estaban a mar de deliciosas, cortesía, unha vez máis, da ANPA Amor Ruibal.


 

Moitísimas grazas!!!

Moitísimos Parabéns pola iniciativa!!!


14 de febreiro de 2025

14-F Día do amor e a amizade

 Nos últimos anos ás nenas e aos nenos gústanos celebrar, cada vez máis, esta data. No cole decidimos conmemorala decorando unhas fermosas palabras que teñen que ver co amor dende todos os eidos: familia, amizade, compañeirismo...contorna en xeral.  (Queremos agradecer o uso deste material á profe Inma da páxina de Instagram a Profe Inne.)

 

 
 
 

 
          Así de fermoso loce un dos corredores do cole!!!

4 de febreiro de 2025

INVENTORAS CON MENTES CURIOSAS

 No marco da conmemoración do Día da Muller e a Nena na Ciencia que ten lugar cada ano o 11 de febreiro, hoxe visitou a Biblioteca do noso centro Celtia Figueiras para impartir unhas intensas e interesantísimas sesións de contacontos a todo o alumnado de Infantil e Primaria baixo o título: "Inventoras, mentes curiosas". Esta actividade está promovida polos Servizos Sociais do Concello de Barro e forma parte do Programa do Pacto de Estado pola Igualdade.

Nesta actividade a rapazada coñeceu moitos inventos de grande utilidade para a vida diaria así como ás súas inventoras, moitas veces descoñecidas ou esquecidas. Tamén tiveron a oportunidade de pensar en inventos que crearían ou mellorarían, e abofé que apareceron ideas moi interesantes.

Defende o teu dereito a pensar, 

porque pensar de xeito erróneo é mellor que non pensar!  

(Hipatia de Alejandría)




Unha gozosa e moi instructiva mañá!

Moitísimas grazas!