Amosando publicacións coa etiqueta Día do libro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día do libro. Amosar todas as publicacións

6 de maio de 2025

ACOMPAÑAMENTO LECTOR

Nunha solleira mañá, e dentro da programación establecida na actividade "Do Libro, ás Letras", todo o alumnado do centro participou nunha xornada conxunta de lecturas compartidas.

Padriños lectores e madriñas lectoras do 2º e 3º Ciclo de Primaria, achegáronse á cativada de Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria para gozar dunha "Hora de Ler Compartida"


 





 Unha deliciosa e entrañable actividade!!

Moitísimos parabéns!! 

 

 

23 de abril de 2025

HISTORIAS DE CINE NO DÍA DO LIBRO

No marco da conmemoración do Día do Libro, gozamos hoxe de dúas magníficas funcións relacionadas co tema do noso PDI "O cine"que correron a cargo de Raquel Queizás.


 

O alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria acudíu á representación de "Cinema Maravillas. Ver para Ler" no que que descubriron catro contos clásicos da literatura a través de adaptacións de cine mudo. Grazas a diversas técnicas cinematográficas gozamos do inxeño de Queliña mergullada nestes contos.

 


Pola súa banda, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria coñeceu de primeira man a figura de Alice Guy como precursora cineasta e contadora de historias, na función que leva por título "Cinema de historias da man de Alice Guy"

 


Pasámolo de cine! 

Moitísimas grazas!

22 de abril de 2025

DO LIBRO ÁS LETRAS. 21 DÍAS EN GALEGO

Baixo este nome recollemos as actividades que se desenvolven no centro entre dúas datas de gran relevancia: O Día do Libro (23 de abril) e o Día das Letras Galegas (17 de maio).


 

No calendario podedes comprobar a gran variedade de propostas para estas semanas nas que o equipo de "axudantes de Biblioteca", especialmente o alumnado de 6º curso, ten unha importante participación como alumnado colaborador. 

Tríptico: DO LIBRO ÁS LETRAS de COLE DE BARRO

11 de abril de 2025

VISITAMOS A BIBLIOTECA PÚBLICA

Ao longo desta semana o alumnado de Infantil e Primaria visitou a Biblioteca Pública para desenvolver actividades variadas con motivo da conmemoración do Día do Libro.

Este ano e contando coa colaboración do Club de lectura "Un ollo de vidro" dispuxeron para nós dun "alcoubo" de palabras características e peculiares da nosa zona que quixeron rescatar e poñer en valor para dar a coñecer entre a cativada e evitar así a súa perda.

 Así mesmo e dado que este 2025 se celebra o Ano Castelao, tiveron a oportunidade de afondar na bibliografía deste polifacético autor.





 

 Moitísimas grazas por esta fermosa actividade!

Parabéns ao Clube de lectura pola iniciativa!

 

29 de maio de 2024

ACOMPAÑAMENTO LECTOR

 O pasado venres todo o alumnado do centro participou nunha xornada conxunta de lecturas compartidas. Padriños lectores e madriñas lectoras de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria achegáronse ao alumnado máis novo de Infantil e 1º Ciclo de Primaria para gozar dunha "Hora de ler compartida".

Fermosísima mañá para esta gozosa actividade!


 
Moitísimos parabéns!!


6 de maio de 2024

VISITAMOS A BIBLIOTECA PÚBLICA

 No marco da conmemoración do Día do libro, todo o alumnado de Infantil e Primaria participou nas actividades que para a ocasión organizaron na Biblioteca Pública de Barro.

Contacontos, xogos de pistas con manexo de información, ademais de entretidos xogos fixeron as delicias do noso alumnado ao longo desta semana.

Moitísimas grazas!

 




3 de maio de 2023

SEMANA DO LIBRO NA BIBLIOTECA PÚBLICA

Marabillosa participación de todo o alumnado de Infantil e Primaria na Semana do Libro desenvolvida na Biblioteca Pública de Barro no marco da conmemoración do Día do Libro 2023, con divertidas actividades para o manexo de fontes de información e obras de consulta, fascinantes sesións de contacontos, entretidos xogos de lectoescritura en pequenos grupos, xincanas literarias adaptadas ás idades do alumnado e, sobre todo, moita imaxinación, ilusión e ganas de provocar nas nenas e nenos o entusiasmo pola lectura.

Moitísimas grazas!!!



27 de abril de 2023

MADRIÑAS LECTORAS E PADRIÑOS LECTORES

Que paisaxes lectoras tan bonitas creou hoxe todo o noso alumnado! 

Aconteceu na `Hora de Ler´nas aulas, nos corredores e nos patios de lecer, onde madriñas lectoras e padriños lectores (alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) fascinaron coas súas marabillosas lecturas ás nenas e nenos de 3, 4, 5, 6, 7 e 8 anos.

Unha auténtica delicia!!!

Moitísimos Parabéns!!!


Mil primaveras máis para esta gozosa actividade 

que celebramos co motivo do Día Internacional do Libro!!!


25 de abril de 2023

MARATÓN DE LECTURA

No marco das actividades programadas no CEIP Amor Ruibal para celebrar o Día Internacional do Libro, desenvolvemos na nosa Biblioteca un intenso Maratón de Lectura en voz alta. Durante tres horas, textos galegos en prosa e verso, lidos consecutivamente por alumnado de 6º e 4º de Primaria, fixeron as delicias das nenas e nenos de 4, 5 e 6 anos, que escoitaron con moito respecto e atención.

Foi todo un acontecemento e unha oportunidade máis para espertar a creatividade e fomentar o hábito lector.

Moitísimas grazas a todo o alumnado 

pola súa marabillosa participación!!!

Moitísimos Parabéns!!!


2 de abril de 2023

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2023

Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre as persoas máis novas. 

A sección patrocinadora deste ano é Grecia que difunde a mensaxe de Vagelis Iliopoulos e o cartel de Photini Stephanidi co lema "Son un libro, leme".


Galix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.


Cada un de nós é único.
E merece ser respectado,
ser lido sen prexuízos,
ter o seu espazo, o seu andel.

Vagelis Iliopolus, autor.
Mercedes Pacheco, tradutora.