Amosando publicacións coa etiqueta Cancións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cancións. Amosar todas as publicacións

8 de novembro de 2025

SAMAÍN 2025

Rematamos o mes de outubro pasándoo de medo! Os talleres de expresión corporal, manualidades con morcegos, experimentos máxicos e robótica foron as actividades escollidas para que os/as maiores e pequenos/as do cole o pasásemos xenial nun día no que lucimos os nosos traxes máis terroríficos.

 

Queredes ver o ben que o pasamos? Facede clic no vídeo!  

 Moitísimas grazas a tod@s por participar! Fixéstedelo xenial! 

🎃 Happy Halloween! Feliz Samaín! 🎃
 

22 de maio de 2021

LETRAS GALEGAS 2021

No CEIP Amor Ruibal de Barro rendemos nestas Letras Galegas 2021 unha sentida homenaxe a Xela Arias, escritora, editora e tradutora, con contacontos ilustrados, poemas musicados, cancións e actividades variadas de investigación, de expresión artística e de fomento da lectoescritura e oralidade, como as que desenvolveron, por exemplo, o alumnado de Infantil ou as mozas e mozos de 5º de Primaria.


30 de outubro de 2020

Aniversario de Ricardo Carvalho Calero

Tal día como hoxe naceu hai 110 anos Ricardo Carvallho Calero, Letras Galegas 2020.

No mes de maio rendémoslle homenaxe cunha serie de actividades como este panel de recursos interactivos, que hoxe rescatamos para percorrer a vida e obra do escritor, filólogo, profesor e académico, dun xeito ameno e divertido.


11 de maio de 2020

SEMANA DAS LETRAS 2020

Este domingo, día 17, celebramos o Día das Letras Galegas. Con tal motivo, propoñemos este panel de recursos interactivos para investigar, cantar, contar e xogar en torno á figura de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado neste ano 2020.


FELIZ SEMANA DAS LETRAS!!!
#euquedonacasa

26 de marzo de 2020

COELLIÑO BRANCO

Podedes escoitar esta versión do conto e tamén facer as actividades que propón sobre a historia a mestra Belén Junquera neste Libro LIM.
(Se vos da erro igual necesitades descargar Adobe flash no teu ordenador,  Preme aqui para descarga.)

https://www.chiscos.net/xestor/chs/belenjunquera/coellinho2/coellinho.html

Tamén podedes escoitar e cantar a canción deste popular conto.




Como escoitastes, este é un conto que ten partes rimadas e que dá xeito para botar unhas risas polo tipo de linguaxe que usa.  Algunhas propostas poden ser:
  • Xogamos a inventarlles nomes aos personaxes, seguindo o modelo da “Cabra Cabre-sa”. Podemos buscar nomes graciosos  simplemente, ou nomes que rimen, como o do exemplo.
  • Reinventamos o conto. P ex: “O coelliño fíxose forte e...”,  ”O coelliño púxose de cor... E...”
  • Bailamos imitando o movemento dos animais que saen no conto ou doutros que nos apeteza.
  • Escribimos ou debuxamos os ingredientes do caldo de coles que comeron o coelliño e a formiga. (Tamén podemos  axudar a pápá e a mamá a anotar as cousas que imos usar hoxe para facer a comida)
  • Podemos facer un comic: escoller as escenas que máis nos gustan e anotar algunhas palabras significativas (Mamá, papá, os irmáns... tamén poden axudar)
  • Falamos sobre sentimentos: “Como te sentirías se un día chegases á casa e non pui-deses entrar?”
Un saúdo

#euquedonacasa 


30 de xaneiro de 2020

DÍA DA PAZ 2020

Hoxe gozamos dun marabilloso Día Escolar da Non Violencia e Da Paz no CEIP Amor Ruibal coa participación de autoridades municipais, alumnado, profesorado e familias, que agradecemos de corazón. Por cuestións de espazo, primeiro tivo lugar o acto de Infantil e, logo do tempo de lecer, o de Primaria.

Este ano interpretamos a canción De ellos aprendí de David Rees, creada con frases de películas moi coñecidas e que conteñen valores fundamentais para unha convivencia pacífica. Unha desas frases, "cada día de chuvia ten o seu arcoíris" serveu de punto de partida para relacionar as 7 cores do arco da vella con 7 palabras que consideramos imprescindibles nunha cultura de paz, e que foron aportadas polo alumnado de Infantil e de cada nivel de Primaria coa consigna de que comezasen pola mesma letra que a cor correspondente. O resultado foi o seguinte:

Infantil: Violeta - Valentía.
1º: Añil - Amor.
2º: Azul - Amizade.
3º: Verde - Veracidade.
4º: Amarelo - Amabilidade.
5º: Laranxa - Liberdade.
6º: Vermello - Verdade.


7 Palabras máxicas para facer a PAZ os 7 días de todas as semanas do ano.

Moitísimas grazas pola participación!!!

21 de maio de 2019

O casamento da pulga

No marco de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao escritor, etnógrafo, historiador e antropólogo Antón Fraguas, o alumnado de 4º quixo homenaxear a este persoeiro representando un dos textos recollidos polo el.

O escrito elixido foi O Casamento da pulga, un conto escrito en verso que os/as rapaces/as prepararon a modo de obra de teatro con moito agarimo para representar na Biblioteca ante o alumnado máis novo.

Como colofón, cantamos e bailamos a versión de Migallas titulada O piollo e a pulga.



Moitísimas grazas pola vosa colaboración!
Fixéstelo moi ben!!

Actuación do Grupo de Danzas Amor Ruibal

Hoxe, a nosa comunidade educativa tivo o privilexio de gozar, no Salón de Actos da Biblioteca Pública, dunha emotiva actuación do Grupo de Danzas Amor Ruibal, protagonizada por alumnado de Infantil e Primaria do noso centro que está no histórico grupo, acompañado por integrantes de máis longa traxectoria.


Pandeiretas, bombo, tamboril, gaita e voces resoaron con forza no Salón que vibrou coas cancións e bailes do noso repertorio de música tradicional que alumnado, profesorado e familias seguiu entusiasmado.




Unha auténtica gozada!

Parabéns e Moitísimas Grazas!!!




26 de febreiro de 2019

Concurso SONDOUMIA 2019

Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca o VII concurso de cancións en galego SONDOUMIA.
Poden participar todos os centros educativos integrantes na Coordinadora dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

Categorías
A. Ed. Infantil e Primaria.
B. ESO e Bacharelato.

Bases:
Presentarase unha canción en galego orixinal ou versión de temas coñecidos.
Pódese presentar como solista ou grupos.
Nun mesmo grupo poden participar integrantes de distintos centros, mais teñen que pertencer aos centros educativos da Coordinadora Comarcal "Terras do Umia".
Poden participar integrantes de distintas etapas educativas nun mesmo grupo (neste caso entrarían na categoría B).

Fases de presentación e prazos:
Fase previa: Entregaranse as gravacións a integrantes dos EDLG de cada centro en formato WAV, MP3 ou nun formato audiovisual (compatible cos programas máis habituais como VLC ou WMP).
Cada centro presentará un máximo de 2 gravacións por categoría para a fase final.
prazo de presentación remata o venres 5 de Abril de 2019.
Fase final: As persoas solistas ou grupos finalistas interpretarán as súas cancións na Festa da Lingua e alí coñecerase quen leva o premio.

Xurado:
Actuará de xurado a cantautora MJPérez que concederá un premio por cada categoría.
Valorarase a orixinalidade e a calidade das interpretacións.



ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR !

30 de xaneiro de 2019

"IMAXINA"

A canción elexida para a conmemoración do Día escolar pola Paz este curso foi "Imagine" de John Lennon e Yoko Ono. A partir da letra da mesma fixemos unha tradución ao galego e cada aula elaborou uns coloridos cartaces e recitou os versos asignados.
Recollemos este traballo no vídeo que amosamos a continuación, coa melodía da canción orixinal como fondo.



Magnífico traballo, artistas!!!

IMAXINA PAZ!!!

6 de xuño de 2018

Grupo de Danzas Amor Ruibal

Onte tivemos a sorte de desfrutar, no Salón de Actos da Biblioteca Pública, dunha actuación moi especial do Grupo de Danzas Amor Ruibal. E foi especial porque participou o alumnado de Infantil e Primaria do noso centro que está no histórico Grupo, acompañado por integrantes de máis longa traxectoria como son Adrián Sabarís, Anita Seijo, Inma Búa, Belén Búa e Brais Sabarís.

As pandeiretas, o bombo, o tamboril e a gaita resoaron con forza no Salón que vibrou coas cancións e bailes do noso repertorio de música tradicional, que o público seguiu entusiasmado. As  cantareiras e pandereiteiras interpretaron marabillosamente Toutón e Pardalongas
No apartado de baile, o alumnado demostrou a súa valía coa Ribeirana de Pigarzos e a Muiñeira de Buxos Verdes



Unha auténtica gozada!

Parabéns e Moitísimas Grazas!

28 de maio de 2018

As familias contan ...

Excelente!  
Así é como calificamos a acollida que tivo este ano esta actividade na que convidamos as familias do noso alumnado a compartir coas aulas dos seus fillos e fillas un feixe de contos, pero tamén cantos, música, receitas de cociña, ocupación laboral, ... 

Deste xeito quedou recollida toda a actividade no blog de Infantil:
http://pequecholandia.blogspot.com.es/search/label/AS%20FAMILIAS%20CONTAN


 Moitísimas grazas a todos e todas polo voso tempo!
Grazas a todos e todas polo esforzo!

Grazas, porque para nós ... As familias contan!

20 de maio de 2018

Celebramos as Letras Galegas

O pasado mércores, véspera do Día das Letras Galegas, reunímonos no ximnasio do centro durante a "Hora de Ler" para rendir a nosa pequena homenaxe a María Victoria Moreno, interpretando todas e todos xuntos a canción creada para o concurso Sondoumia: "Tecendo voces".  Resultou un acto sinxelo pero moi emotivo.


Posteriormente, o venres día 18, o alumnado de 6º curso foi convidado á celebración das Letras que fixeron no IES de Barro para interpretar alí a súa canción. Fixérono moi ben!


"As persoas estamos feitas para levarmos adiante
 os proxectos máis fermosos, dixo María Victoria Moreno"
(Retrouso da canción "Tecendo voces", cita do seu libro "Anagnórise")
Os corredores locen tamén cartaces alusivos a esta Galega de corazón que foi María Victoria Moreno.

Ademais, estanse a realizar nas aulas, ao longo deste mes, variadas actividades como podemos apreciar nos blogs dos distintos niveis:







3 de maio de 2018

María Victoria Moreno: Tecendo Voces

Para conmemorar o Día das Letras Galegas e, no marco do PDI deste curso "Voces de mulleres", o alumnado de 6º de Primaria gravou a canción "Tecendo Voces". A música é unha adaptación da melodía instrumental para zanfona número 500, recollida no Cancionero Gallego de Bal y Gay. A letra está inspirada no libro Anagnórise de María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018.

O vídeo inclúe a letra da canción para facilitar a súa interpretación.



Animádevos a cantala!

26 de febreiro de 2018

Concurso SONDOUMIA

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca o VI concurso de cancións en galego SONDOUMIA.
Poden participar todos os centros educativos integrantes na Coordinadora dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

Categorías
A. Ed. Infantil e Primaria.
B. ESO e Bacharelato.

Bases:
Presentarase unha canción en galego orixinal ou versión de temas coñecidos.
Pódese presentar como solista ou grupos.
Nun mesmo grupo poden participar integrantes de distintos centros, mais teñen que pertencer aos centros educativos da Coordinadora Comarcal "Terras do Umia".
Poden participar integrantes de distintas etapas educativas nun mesmo grupo (neste caso entrarían na categoría B).

Fases de presentación e prazos:
Fase previa: Entregaranse as gravacións a integrantes dos EDLG de cada centro en formato WAV, MP3 ou nun formato audiovisual (compatible cos programas máis habituais como VLC ou WMP).
Cada centro presentará un máximo de 2 gravacións por categoría para a fase final.
O prazo de presentación remata o venres 13 de Abril de 2018.
Fase final: As persoas solistas ou grupos finalistas interpretarán as súas cancións na Festa da Lingua e alí coñecerase quen leva o premio.

Xurado:
Un xurado formado polas integrantes do grupo de música tradicional Tanxugueiras concederá un premio por cada categoría.
Valorarase a orixinalidade das composicións.


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR !