12 de xuño de 2018

Despedimos este curso no Club de Lectura

Despedimos o curso cunha nova xuntanza do Club de Lectura agora que rematamos "Palabras de Caramelo"  de Gonzalo Moure.
 
Nunha xuntanza anterior (no mes de abril) e para comprender mellor a situación de Kori e coñecer a problemática do pobo Saharahui, miramos con moita atención un vídeo que ademais sitúa feitos e localizacións do relato. Daquela quedou sen publicar no blog e por iso o compartimos agora.



Das reflexións comentadas destacaríamos as seguintes:
É unha historia moi triste, pois Kori perde o seu mellor amigo, o seu camelo. 
Kori aprendeu a escribir con moita dificultade, pois é xordo e grazas ás "conversas" con Caramelo, Kori escribe ... unha morea de cousas
Vivir nun campamento de refuxiados é moi duro. É unha mágoa a situación na que vive Kori.


Con esta xuntanza despedímonos ata o vindeiro curso, pensando xa en novas propostas de lectura.


6 de xuño de 2018

Grupo de Danzas Amor Ruibal

Onte tivemos a sorte de desfrutar, no Salón de Actos da Biblioteca Pública, dunha actuación moi especial do Grupo de Danzas Amor Ruibal. E foi especial porque participou o alumnado de Infantil e Primaria do noso centro que está no histórico Grupo, acompañado por integrantes de máis longa traxectoria como son Adrián Sabarís, Anita Seijo, Inma Búa, Belén Búa e Brais Sabarís.

As pandeiretas, o bombo, o tamboril e a gaita resoaron con forza no Salón que vibrou coas cancións e bailes do noso repertorio de música tradicional, que o público seguiu entusiasmado. As  cantareiras e pandereiteiras interpretaron marabillosamente Toutón e Pardalongas
No apartado de baile, o alumnado demostrou a súa valía coa Ribeirana de Pigarzos e a Muiñeira de Buxos Verdes



Unha auténtica gozada!

Parabéns e Moitísimas Grazas!

28 de maio de 2018

Contacontos Interciclos

Esta actividade de lectura compartida desenvolveuse un ano máis no noso centro nas dúas últimas semanas, no marco das actividades das Letras Galegas. As diferentes aulas prepararon contos para ler, contar ou dramatizar ante compañeiros e compañeiras doutro nivel.
O alumnado do IES de Barro, acompañado dos seus profes, Miro e Paco, participaron cun breve recital poético - musical.
Damos conta de todo no seguinte vídeo resumo:



O alumnado de 6º curso de Educación Infantil participou desta actividade visitando a EEI A galiña azul de Barro, onde as crianzas contaron os contos que previamente prepararan nas aulas:"Imos cazar un oso" a clase de 5 anos A, e "Tres lobos e un pirata" a de 5 anos B.
Podedes miralos neste vídeo:



Máis información no blog de Infantil:

As familias contan ...

Excelente!  
Así é como calificamos a acollida que tivo este ano esta actividade na que convidamos as familias do noso alumnado a compartir coas aulas dos seus fillos e fillas un feixe de contos, pero tamén cantos, música, receitas de cociña, ocupación laboral, ... 

Deste xeito quedou recollida toda a actividade no blog de Infantil:
http://pequecholandia.blogspot.com.es/search/label/AS%20FAMILIAS%20CONTAN


 Moitísimas grazas a todos e todas polo voso tempo!
Grazas a todos e todas polo esforzo!

Grazas, porque para nós ... As familias contan!

25 de maio de 2018

Concurso de Portadas


Un ano máis MIMI, a nosa mascota, convoca o Concurso de Portadas para a revista escolar "Cousas nosas".  


Data límite de entrega de traballos: martes, 5 de xuño.
Lugar: Biblioteca do CEIP Amor Ruibal.


Animádevos a participar!!

20 de maio de 2018

Celebramos as Letras Galegas

O pasado mércores, véspera do Día das Letras Galegas, reunímonos no ximnasio do centro durante a "Hora de Ler" para rendir a nosa pequena homenaxe a María Victoria Moreno, interpretando todas e todos xuntos a canción creada para o concurso Sondoumia: "Tecendo voces".  Resultou un acto sinxelo pero moi emotivo.


Posteriormente, o venres día 18, o alumnado de 6º curso foi convidado á celebración das Letras que fixeron no IES de Barro para interpretar alí a súa canción. Fixérono moi ben!


"As persoas estamos feitas para levarmos adiante
 os proxectos máis fermosos, dixo María Victoria Moreno"
(Retrouso da canción "Tecendo voces", cita do seu libro "Anagnórise")
Os corredores locen tamén cartaces alusivos a esta Galega de corazón que foi María Victoria Moreno.

Ademais, estanse a realizar nas aulas, ao longo deste mes, variadas actividades como podemos apreciar nos blogs dos distintos niveis:







17 de maio de 2018

Recomendación lecturas ...

Co gallo da celebración das Letras Galegas publicamos no centro este boletín de lecturas con títulos de Maria Victoria Moreno por unha banda, e outras obras que nos falan dela pola outra.



Felices lecturas!

15 de maio de 2018

VII Certame de Relatos Breves Feiraco

Feiraco Lácteos SL, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o VII Certame de Relatos Breves Feiraco, co fin de promover o coñecemento, o uso e a divulgación da lingua galega.
Podedes participar ata o 20 de maio cun microrrelato en galego que comece coa frase: "Subiu ata o faiado da casa e alí...", en homenaxe a María Victoria Moreno.

Consultade as bases na seguinte ligazón:

ANIMÁDEVOS!

11 de maio de 2018

IX FESTA DA LINGUA

O pasado venres 4 de maio, alumnado de 6º de Infantil máis 2º B e 6º de Primaria asistiu á IX Festa da Lingua celebrada na Azucreira de Portas. Está organizada por Terras do Umia, Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

O programa foi moi variado: Actuacións musicais de Primaria e Secundaria (concurso Sondoumia), entrega de premios dos concursos de Microcreacións e Microtextos (nos que actuou como xurado Nacho Taibo), monólogos (concurso Contaumia), textos sobre María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018, entrega do premio Lingumia a Marián Bañobre e actuación do trío Tanxugueiras, que fixo tamén de xurado do Sondoumia.

O CEIP Amor Ruibal recolleu dous premios:

  • Microcreación: Alumnado da clase de 5 anos A, da man do xurado Fran Rodríguez Remiseiro
  • Micropoemas categoría B.1: Hugo Latas Lucio de 2º B. 

O alumnado de 6º defendeu no escenario a súa canción Tecendo Voces. Ademais, Héctor Núñez fixo o seu debut como monologuista diante do xurado Fran Rei.

Unha festa sensacional !

Moitísimas grazas a todas as persoas participantes !

Parabéns ás persoas que resultaron premiadas !


Velaquí un pequeno vídeo resumo:



Tamén podedes botar unha ollada a este vídeo resumo do IES Aquis Celenis:

8 de maio de 2018

Os contos que contan. Resolución do concurso

O Concello de Barro publicou xa a relación de gañadores do concurso de contos deste ano: "Os contos que contan"

A entrega de premios e lectura dos contos premiados terá lugar na Biblioteca Pública do Concello o vindeiro Mércores 16 de Maio ás 17:00 horas.

Queremos felicitarvos a todos e todas por ser esta unha edición cunha grande participación!

Parabéns a todas as persoas premiadas!!