23 de marzo de 2018

Semana da Prensa

Dentro do Programa "Prensa na escola" o alumnado dos cursos superiores de Primaria recibe cada mércores un xornal e traballa durante a semana coas noticias que nel atopa. Así se recolle no blog de 5º e 6º curso:
http://amorruibaltercerciclo.blogspot.com.es/2018/03/semana-da-prensa-na-escola.html

Esta semana queremos recoller dun xeito especial o traballo desenvolvido nas distintas áreas coa prensa. Así, nas clases de ALFIN de 4º curso elaboraron un cartaz despois de traballar coas distintas seccións dun xornal.











O profesorado de Educación Física, no marco do proxecto deste curso "Voces de mulleres", propuxo en 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria a recompilación de noticias relacionadas coas mulleres máis destacadas do deporte galego, que foron premiadas nas tres últimas edicións da "Gala do Deporte Galego" nos apartados de mellor deportista (3º), mellor adestradora (4º), mellor xuíza-árbitro (5º) e mellor equipo galego (6º).

A investigación intensificouse na Semana da Prensa, na que o alumnado, ademais, recolleu noticias de mulleres destacadas en diferentes modalidades deportivas, coas que se elaborou un gran mural no ximnasio que se utilizaba como recurso de lectura na "Hora de ler" por alumnado doutros cursos.


Un saúdo,
MIMI

15 de marzo de 2018

Curso de Atención a Urxencias Sanitarias

Desde o Centro de Formación e Recursos do profesorado de Pontevedra (CFR)  pídennos que fagamos chegar ás familias do noso alumnado información sobre un curso de formación que ofrece a Consellería sobre Atención a urxencias sanitarias e que será impartido por persoal do 061.
Esta formación desenvolverase no CFR de Pontevedra (Rúa Celso Emilio Ferreiro) os días  13 de abril de 17 a 20:00 hs e 14 de abril de 10 a 13 e de 16 a 19:00 hs
Para inscribirse é preciso chamar ao teléfono do CFR de Pontevedra (986 872 888) antes do día 23 de marzo.

9 de marzo de 2018

Do 8 ao 18 de marzo conmemoramos á Muller Traballadora

O día 8 de marzo, conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, lembramos a loita da muller polo recoñecemento na sociedade dos mesmos dereitos que os homes.
Nós, no noso centro, dedicámoslle  "Do 8 ao 18" de marzo unha intensa semana de actividades na que varias mulleres do noso concello fálannos da súa experiencia de vida personal e profesional, mostra de esforzo e superación para acadar os seus obxectivos.


Acudiremos tamén á Biblioteca Pública do Concello onde, organizada pola OMIX en colaboración coa Asociación Miraflores, tres mulleres nos relatarán nunhas charlas as súas lembranzas, vivencias e as diferenzas e desigualdade no trato entre os dous sexos que había no pasado facéndonos reflexionar para conseguir unha mellor convivencia a través do respecto aos demais.

Un saúdo.
MIMI

7 de marzo de 2018

Concurso CONTAUMIA

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca a primeira edición do concurso CONTAUMIA co obxectivo de potenciar a oralidade (relatos, contacontos, monólogos, recitados...), sen axuda de texto escrito.
Poden participar todos os centros educativos integrantes na Coordinadora dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.
Hai dúas categorías:
  • A. Primaria
  • B. Secundaria

Bases:
  • As historias poden ser de base popular, literaria ou de creación propia.
  • As historias contaranse en galego.
  • Valorarase a calidade lingüística e o seu carácter construtivo e pedagóxico (linguaxe inclusiva e non discriminatoria, linguaxe non sexista...).
  • As persoas participantes concursarán individualmente.
  • O tempo máximo da actuación non pode exceder os 3 minutos. A superación deste tempo pode supor a descualificación.
  • Cada centro pode presentar un participante por categoría que actuará na IX Festa da Lingua.
Prazo de presentación:
  • Día 16 de abril.
  • Fase clasificatoria no CEIP Amor Ruibal de Barro: Venres 13 de abril.
Xurado:

A Coordinadora nomea á actriz e humorista Isabel Risco.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!

26 de febreiro de 2018

Concurso SONDOUMIA

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca o VI concurso de cancións en galego SONDOUMIA.
Poden participar todos os centros educativos integrantes na Coordinadora dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

Categorías
A. Ed. Infantil e Primaria.
B. ESO e Bacharelato.

Bases:
Presentarase unha canción en galego orixinal ou versión de temas coñecidos.
Pódese presentar como solista ou grupos.
Nun mesmo grupo poden participar integrantes de distintos centros, mais teñen que pertencer aos centros educativos da Coordinadora Comarcal "Terras do Umia".
Poden participar integrantes de distintas etapas educativas nun mesmo grupo (neste caso entrarían na categoría B).

Fases de presentación e prazos:
Fase previa: Entregaranse as gravacións a integrantes dos EDLG de cada centro en formato WAV, MP3 ou nun formato audiovisual (compatible cos programas máis habituais como VLC ou WMP).
Cada centro presentará un máximo de 2 gravacións por categoría para a fase final.
O prazo de presentación remata o venres 13 de Abril de 2018.
Fase final: As persoas solistas ou grupos finalistas interpretarán as súas cancións na Festa da Lingua e alí coñecerase quen leva o premio.

Xurado:
Un xurado formado polas integrantes do grupo de música tradicional Tanxugueiras concederá un premio por cada categoría.
Valorarase a orixinalidade das composicións.


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR !

Concursos de Microcreacións e Microtextos Terras do Umia

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega "Terras do Umia" convoca novas edicións dos Concursos de Microcreacións e Microtextos para este curso 2017-18.
Poden participar todos os centros educativos, integrantes na Coordinadora, dos Concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

CONCURSO DE MICROCREACIÓNS:

Categoría: Ed. Infantil.
Bases: Creación plástica con texto en galego no que apareza a palabra EIVA.
Pode ser individual ou colectiva.
Cada centro pode presentar ata 3 traballos.
O formato é libre: Murais, cadros, fotografías, cartaces... de diferentes tamaños.
Presentación: O resultado final presentarase en formato JPEG ou PDF. Poden ser varias fotos no caso de despregables.
Prazo máximo no CEIP Amor Ruibal de Barro: mércores 21 de marzo de 2018.
Xurado: Estará formado polas persoas coordinadoras dos EDLG dos centros participantes e polo escultor de Barro Fran Rodríguez Remiseiro, que elexirán un gañador comarcal.
Os finalistas de cada centro poderán ser expostos na Festa da Lingua.
Valorarase a orixinalidade, creatividade e calidade artística.

CONCURSO DE MICROTEXTOS:

Consta de dúas seccións:
Microrrelatos e Micropoemas.
Categorías
B.1: 1º e 2º de Ed. Primaria.
B.2: 3º e 4º de Ed. Primaria.
B.3: 5º e 6º de Ed. Primaria.
C: ESO  /  D: Bacharelato. 
E: Profesorado, Persoal de Servizos e Familias.
Bases: Pódese participar nunha sección ou nas dúas.
Cada persoa só poderá enviar un texto para cada sección.
A temática é libre, mais debe aparecer necesariamente a palabra EIVA.
Presentación: Os Microtextos deben ser en galego. Os Micropoemas constarán dun mínimo de 2 versos e un máximo de 8 e os Microrrelatos non terán máis de 100 palabras.
Prazo máximo no CEIP Amor Ruibal de Barro: venres 9 de marzo de 2018.
Xurado: Nunha primeira fase, o xurado, formado polas persoas coordinadoras dos EDLG dos centros participantes, seleccionará dous finalistas por cada sección e categoría. 
Nunha segunda fase, un xurado, presidido polo escritor Xabier Docampo, concederá un premio comarcal por cada sección e categoría.
Valorarase a orixinalidade e creatividade, así como a calidade lingüística e literaria.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR !


24 de febreiro de 2018

Día de Rosalía

Celebramos hoxe en Galicia o Día de Rosalía.
Desde o ano 2010, á proposta da AELG, recordamos a esta pioneira das letras que foi Rosalía de Castro.
Este ano quixemos sumarnos á súa iniciativa #AbrideAFiestra abrindo as fiestras do noso centro en xeral e da Biblioteca en particular para escoitar o recitado e canto dos seus versos.
Recollemos no seguinte vídeo o resumo do acontecido nesta semana.



FELIZ DÍA DE ROSALÍA !
Prestade atención aos blogs dos distintos niveis nos vindeiros días para ver as actividades realizadas nas aulas.
Un saúdo,
MIMI

22 de febreiro de 2018

Celebramos o Entroido.

Presentamos o vídeo resumo do acontecido durante a Semana de Entroido celebrada no noso centro. De luns a venres fomos seguindo os "mandados" de Mimi, a nosa mascota, para finalmente gozar da festa de disfraces do venres. Agardamos que vos guste.



Un saúdo,
MIMI

20 de febreiro de 2018

Voces de mulleres científicas

Hoxe, no marco dos actos de conmemoración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, desenvólvese un Wikimaratón para editar e mellorar na Galipedia artigos sobre mulleres científicas galegas. A actividade está promovida pola USC e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (Amit-Gal).

Aproveitamos a ocasión para divulgar algunhas das científicas galegas ou con traxectoria profesional en Galicia que protagonizan o noso PDI deste curso "Voces de mulleres" (que inclúe, amais, outros ámbitos como o artístico e literario).


Os seus nomes e respectivas especialidades, de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, son:
  • Alicia Estévez Toranzo: Microbioloxía e parasitoloxía.
  • Susana Martínez Conde: Neuroloxía.
  • Olga Moreiras Tuni: Farmacia e bromatoloxía.
  • Susana Oubiña Falcón: Tecnoloxía-Robótica.
  • Mª Isabel Fernández García: Química inorgánica.
  • Begoña Vila Costas: Astrofísica.
  • Ángela Ruiz Robles: Pedagoga. Inventora (pioneira do libro electrónico).
  • María Martiñón Torres: Medicina e paleontropoloxía.
  • Ángeles Alvariño González: Oceanografía e bioloxía mariña.
  • Antonia Ferrín Moreiras: Astronomía e matemáticas.
  • Carolina Sobrido Sampedro: Radioloxía.
  • Inmaculada Paz Andrade: Física.

As investigacións recollerán os principais datos das traxectorias destas grandes mulleres, salientando as súas aportacións máis valiosas e significativas.

18 de febreiro de 2018

Repensando os patios

O pasado curso escolar iniciamos este proxecto coa recollida de propostas entre o alumnado do noso centro para "Repensar" a funcionalidade dos patios exteriores e o seu acondicionamento.
A primeira fase do mesmo está desenvolvéndose no patio de Educación Infantil. O alumnado e profesorado desta etapa educativa participou nos últimos días de xaneiro nunha plantación e preparación de algúns dos seus recantos.

Este proxecto conta co patrocinio das CMVMC de Agudelo, Barro, Curro, Perdecanai e Valiñas; así como de Voz Natura e a colaboración do Concello de Barro a quen trasmitimos o noso máis sinceiro agradecemento.

Ofrecemos un vídeo resumo desta xornada:


Un saúdo,
MIMI