18 de marzo de 2021

"DO 8 AO 18: BD-MULLERES GALEGAS"

Moito xogo deu o mural que temos no patio BD DAS MULLERES GALEGAS

Co motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a caseta onde está pintado o fermoso mural converteuse, do 8 ao 18 de marzo, nun lugar de gozosa peregrinaxe e punto de partida dunha apaixonante viaxe de investigación para todo o alumnado do colexio. Alí ían cada día na procura de respostas a cuestións, diferenciadas por idades, plantexadas polos equipos da Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega sobre as 7 mulleres galegas retratadas: Ángeles Alvariño, María Victoria Moreno, Isabel Zendal, Maruja Mallo, Ángela Ruiz Robles, Ernestina Otero e Antonia Ferrín.  Mulleres moi significativas e auténticos referentes para todas e todos nós, sobre as que logo pescudaron nas respectivas aulas.

Soamente queda agradecer a todo o alumnado e profesorado de Infantil e Primaria a súa magnífica participación, ao Concello de Barro, por promover a iniciativa do mural no noso centro, e a Quique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, por seren os artistas que deseñaron e debuxaron a fermosa obra con propostas didácticas incluídas.

Grandísimo pracer é aprender gozando e gozar aprendendo!

MOITÍSIMAS GRAZAS!!!


8 de marzo de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER: "DO 8 AO 18"

Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, presentamos a todo o alumnado de Infantil e Primaria o xogo de pistas "Do 8 ao 18" co obxecto de investigar, ata o dezaoito de marzo, sobre a vida e obra de 7 importantes mulleres galegas. Todas elas están moi ben debuxadas no fermoso mural "BD-MULLERES GALEGAS" que temos no patio, deseñado e realizado por Carlos Taboada e Quique Mauricio, integrantes de Polo Correo do Vento, que tamén fixeron unhas propostas didácticas moi interesantes que podedes ver a continuación.

BD Mulleres galegas Propostas de actividades by Amor_Ruibal on Scribd

 
Por mor da COVID, non podemos realizar a actividade conxuntamente pero cada día aparecerán pistas nos taboleiros dos corredores para que, en cada aula, se poida descubrir, coñecer e recoñecer unha a unha a estas grandes mulleres traballadoras galegas.
 
 

14 de febreiro de 2021

ENTROIDO 2021

Aquí deixamos algunhas imaxes do tempo de entroidar no CEIP Amor Ruibal que, coma sempre, veu marcado polos mandados de MIMI, a mascota da nosa Biblioteca.

Moitísimos Parabéns pola fantástica participación!!!

Moitísimas grazas, familias, pola vosa colaboración!!!


5 de febreiro de 2021

CARTAS E CONTOS POLA PAZ

O "Buzón da Paz", creado polo alumnado de Valores de 6º de Primaria e instalado na nosa Biblioteca co motivo da conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, encheuse rapidamente cunha morea de cartas que o alumnado de Infantil e Primaria máis Mimi, a mascota da Biblioteca, intercambiaron entre si con propostas moi intelixentes e sensatas para gozar das nosas relacións dun xeito pacífico e tolerante.



Asemade, a exposición bibliográfica de "Contos pola Paz" serviu de inspiración a nenas e nenos de Infantil e Primaria para desenvolver marabillosas actividades de creación artística e lectoescritura nas súas respectivas burbullas.

Moitísimos Parabéns pola magnífica participación!!!

Que os vosos desexos pacíficos se fagan realidade!!!

Máis información en 

Pequecholandia 

no blog de 5º e 6º de Primaria.


26 de xaneiro de 2021

Calendarios Saudables 2021

O Concello de Barro vén de entregar os CALENDARIOS SAUDABLES 2021 no CEIP Amor Ruibal, seguindo todos os protocolos sanitarios. 

A iniciativa, coordinada pola psicóloga Julia Búa, enmárcase no Proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas, co obxecto de promover hábitos de vida saudable e previr futuras condutas adictivas entre o alumnado.

As fermosas ilustracións do calendario son froito do Certame de Debuxos Saudables 2019 e da convodatoria online "Xunt@s creamos saúde" lanzada o Día Mundial da Saúde 2020, en pleno confinamento.

Do noso centro, resultaron seleccionados os debuxos de Sabela García Rey (Xaneiro), Iria García Paz (Agosto) e Sara Fernández Alfonso (Setembro).

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

XUNT@S CONSTRUÍMOS SAÚDE!!!

CALENDARIO SAUDABLE, 2021 by Amor_Ruibal on Scribd

Páxina do Proxecto de Prevención de Drogodependencias e outras Condutas Adictivas

22 de decembro de 2020

Resolución do XX Concurso de Postais de Nadal

O Concello de Barro ao través da OMIX vén de publicar a resolución do XX Concurso de Postais de Nadal.

As postais premiadas do noso centro son:

Categoría A: IVÁN GAGO GARCÍA (2º A)


Categoría B: XIÁN IGLESIAS MAQUIEIRA (3º A)


Categoría D: LUCA VILA VITUREIRA (6º A)


Categoría G (Equipo): FIZ REA TILVE (1ºA), 

FELIPE REA (pai) e INÉS TILVE (nai)


A entrega de Premios terá lugar este sábado 26 de decembro ás 12:00 h na Biblioteca de Barro durante un acto moi breve ao que soamente poderán asistir as persoas premiadas para recoller os premios, cumprindo así con todas as medidas de seguridade e distancia.

Moitísimas grazas pola fantástica participación!!!

Parabéns ás persoas gañadoras!!!


3 de decembro de 2020

XX Concurso de Postais de Nadal

O Concello de Barro, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), vén de convocar o XX Concurso de Postais de Nadal no que, seguindo a tradición, convídannos a participar.


Adxúntanse as bases, que presentan algunhas variacións debido á situación actual, priorizando a presentación dos traballos por correo electrónico.

   
                                                           
Prestade atención especial aos seguintes aspectos:

  • As postais realizaranse nun tamaño de medio folio DIN-A4. Poden ser en branco e negro ou en cor.

  • O tema é libre.

  • De levar texto, o idioma a empregar é o GALEGO.

  • Non poden levar o nome escrito. 

  • As postais presentadas no colexio levarán na parte posterior o curso e número de lista (que facilitarán as titoras).

  • Cada participante pode entregar un máximo de 2 postais.

  • As postais da categoría "en equipo" (familiares e/ou amizades ata un máximo de 3 persoas) levarán na parte posterior as idades e parentesco.

As postais presentaranse na Biblioteca do CEIP Amor Ruibal antes das 14:00 h do martes 15 de decembro ou no rexistro do Concello de Barro a través da sede electrónica ou do enderezo electrónico omix@barro.es ata o mércores 16 de decembro (inclusive).

Animádevos a participar!!!

25 de novembro de 2020

25N do 2020

O alumnado do CEIP Amor Ruibal desenvolveu estes días diversas actividades de sensibilización e concienciación no marco da conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

E, ao son da canción POR ELAS de Adhara and Ritman, reivindica unha sociedade libre de violencia machista para

<<QUE `NINGHÉN´ DECIDA 

 CANDO SE ACABA A TÚA VIDA>>

Moitísimas grazas, familias, pola vosa colaboración!

Graciñas especiais ao alumnado de 6º de Primaria, 

autor da cartelería creada para a conmemoración, 

inspirada na letra da canción.

20 de novembro de 2020

Día Internacional dos Dereitos da Infancia 2020

O 20 de novembro de 1989, na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, aprobouse a Convención dos Dereitos da Infancia. Para celebrar este día, o alumnado de Valores de 6º curso de Primaria, que contou coa colaboración de todas as súas compañeiras e compañeiros na elaboración de carteis, crearon un vídeo con imaxes dos diferentes dereitos.

Esperamos que vos guste.

 

12 de novembro de 2020

Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca

 Novembro é un mes cheo de acontecementos na Biblioteca e o que nos ocupa agora é o anuncio, como un feitizo, do MES DA CIENCIA EN GALEGO NA BIBLIOTECA.

Presentámolo co texto que o profesor e investigador Xurxo Mariño elaborou a modo de Manifesto e que podedes descargar no seguinte enlace:

https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/files/Manifiesto%202020-V1.pdf