9 de maio de 2023

DÍA DE EUROPA 2023

Magníficos concertos ofrecidos hoxe por alumnado de 6º de Primaria para celebrar o Día de Europa.

Como non podía ser doutro xeito, interpretaron (dúas veces por necesidades de espazo) o Himno de Europa (Himno á Alegría), que é o final da 9ª Sinfonía de Beethoven, composta hai douscentos anos.

Os concertos arrancaron cálidos, longos e entusiastas aplausos de toda a audiencia que seguiu con grandísima atención as brillantes interpretacións.

Ademais, as mozas e mozos de 6º crearon tamén un vistoso mural que serviu de telón de fondo, así como unhas simpáticas gafas que puxeron a disposición de todo o alumnado do centro para facer unhas bonitas fotos de recordo deste día no que pedimos liberdade, paz e solidariedade para todos os países europeos.


MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

FELIZ DÍA DE EUROPA!!!


4 de maio de 2023

LÚA QUERE VIAXAR... A MARTE!!!

Todo o alumnado do CEIP Amor Ruibal recibiu hoxe a Celtia Figueiras de A Xanela do Maxín para presentar (en catro pases adaptados ás idades das nenas e nenos) o seu fantástico espectáculo Lúa quere viaxar... a Marte!!!

A maioría do alumnado de Primaria xa coñecía a Celtia pois estivo hai dous anos cos seus monicreques para contármonos U-la Lúa?

Neste novo encontro, Lúa volveu facer as delicias de todas e todos cunha nova aventura que xira arredor dos valores do esforzo, a igualdade e a perseverancia.

Grandísimo pracer, Celtia!!!

Moitísimas grazas!!! 


3 de maio de 2023

SEMANA DO LIBRO NA BIBLIOTECA PÚBLICA

Marabillosa participación de todo o alumnado de Infantil e Primaria na Semana do Libro desenvolvida na Biblioteca Pública de Barro no marco da conmemoración do Día do Libro 2023, con divertidas actividades para o manexo de fontes de información e obras de consulta, fascinantes sesións de contacontos, entretidos xogos de lectoescritura en pequenos grupos, xincanas literarias adaptadas ás idades do alumnado e, sobre todo, moita imaxinación, ilusión e ganas de provocar nas nenas e nenos o entusiasmo pola lectura.

Moitísimas grazas!!!



27 de abril de 2023

MADRIÑAS LECTORAS E PADRIÑOS LECTORES

Que paisaxes lectoras tan bonitas creou hoxe todo o noso alumnado! 

Aconteceu na `Hora de Ler´nas aulas, nos corredores e nos patios de lecer, onde madriñas lectoras e padriños lectores (alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) fascinaron coas súas marabillosas lecturas ás nenas e nenos de 3, 4, 5, 6, 7 e 8 anos.

Unha auténtica delicia!!!

Moitísimos Parabéns!!!


Mil primaveras máis para esta gozosa actividade 

que celebramos co motivo do Día Internacional do Libro!!!


25 de abril de 2023

MARATÓN DE LECTURA

No marco das actividades programadas no CEIP Amor Ruibal para celebrar o Día Internacional do Libro, desenvolvemos na nosa Biblioteca un intenso Maratón de Lectura en voz alta. Durante tres horas, textos galegos en prosa e verso, lidos consecutivamente por alumnado de 6º e 4º de Primaria, fixeron as delicias das nenas e nenos de 4, 5 e 6 anos, que escoitaron con moito respecto e atención.

Foi todo un acontecemento e unha oportunidade máis para espertar a creatividade e fomentar o hábito lector.

Moitísimas grazas a todo o alumnado 

pola súa marabillosa participación!!!

Moitísimos Parabéns!!!


18 de abril de 2023

APRENDENDO IGUALDADE CON RAQUEL QUEIZÁS

No marco do Programa do Pacto de Estado pola Igualdade, promovido polos Servizos Sociais do Concello de Barro, onte e hoxe recibimos a visita de Raquel Queizás para deleitármonos cunhas fantásticas sesións de educación en igualdade.

O luns tocoulle o turno ao alumnado de Primaria, que gozou a tope con Travesías, un marabilloso espectáculo de narración oral con monicreques, obxectos e contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes.

E hoxe, as nenas e nenos de Infantil pasárono pipa nos divertidísimos obradoiros Xogando en Igualdade, co obxectivo claro de rachar cos estereotipos e prexuízos sexistas dende idades temperás e construír entre todas e todos un mundo mellor.


MOITÍSIMAS GRAZAS!!!