14 de novembro de 2019

Concurso de cartaces para o Magosto

Celebraremos este curso "O Magosto" no noso centro o vindeiro luns, día 18, e  MIMI, a nosa mascota, enviou unha carta ás aulas para convidarnos a participar nun concurso de cartaces que o anunciase.





O cartaz gañador foi o elaborado pola aula de 6º de Infantil, no que representan un colorido Souto ateigado de castiñeiros, ourizos e castañas.


No seguinte collage aparecen os cartaces finalistas de cada nivel de Primaria.



Moitísimas grazas a todos e todas pola vosa participación!
Parabéns polo voso traballo artistas!

As Familias Contan!

Un ano máis, e tras a inauguración da Biblioteca, damos inicio a este proxecto no que convidamos ás familias que o desexen a participar con nós con sesións de contacontos, obradoiros, cancións, experiencias, recordos...

Falade coas mestras para anortarvos. 
Agardamos a vosa participacion!!

11 de novembro de 2019

Visitas á Biblioteca Pública

Durante o mes de outubro celebramos no colexio o `Mes da Biblioteca´ e, chegado novembro, todo o noso alumnado participa con moita ilusión nas visitas programadas á Biblioteca Pública segundo un calendario establecido. 

A actividade, que organiza un curso máis a OMIX de Barro, quedou inaugurada hoxe polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e conta con xincanas literario-musicais, obradoiros de puntos de lectura e sesións de contacontos a cargo de Xan, Dolores e Élida, avó e avoas do Concello.


Moitísimas grazas!!!

5 de novembro de 2019

I Encontro CEIP Torre Illa- CEIP Amor Ruibal

O venres 25 de outubro o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística de Barro, Roberto Rivas, recibiu no Salón de Plenos do Concello a alumnado e profesorado (en activo e xubilado) do CEIP Torre-Illa da Illa de Arousa e do CEIP Amor Ruibal, que están a desenvolver o proxecto colaborativo `Contos para rir... Contos para pensar´, iniciado o pasado curso escolar.

No emocionante encontro, o concello anfitrión agasallou ao grupo da Illa con libros e folletos informativos sobre Barro, que recolleu a responsable da Biblioteca do centro. Ademais, recibiu do CEIP Amor Ruibal unha taza personalizada de MIMI, a mascota da nosa Biblioteca, e máis dun centenar de puntos de lectura relacionados co proxecto e elaborados polo noso alumnado de 6º de Primaria.

Roberto Rivas agradeceu aos visitantes a súa presenza e falou das marabillas do Parque Natural do Carreirón e do Parque Natural da Barosa, xa que logo o grupo dedicaría o resto da xornada de convivencia a facer sendeirismo pola ruta ancestral do Camiño Portugués a Santiago, poñendo á súa disposición dous vehículos de Protección Civil para percorrela con total seguridade.

A fermosa paisaxe animouse coas risas, conversas e saúdos a outras peregrinas e peregrinos ata chegar á Barosa máxica, onde o grupo descansou, deu boa conta das viandas, xogou e explorou o Parque a pracer.


Un encontro fantástico!!!


Moitísimas grazas a todas as persoas que o fixestes posible!!!

4 de novembro de 2019

Outubro, Mes da Biblioteca.

O Día 24 de outubro celébrase, desde o ano 1997, o Día Internacional das Bibliotecas e con este motivo celebramos ao longo do mes de outubro o "Mes da biblioteca". Nós aproveitamos esta data ademais para inaugurar, como cada ano, a nosa Biblioteca.


Contacontos, un breve repaso das normas de uso e de préstamo e a presentación do cartel das Bibliotecas Escolares de Galicia para este curso escolar foron algunhas das actividades que durante estes días puidemos gozar na Biblioteca do noso centro.

A nosa mascota, MIMI, tiña ademais varios agasallos preparados: pegatinas, puntos de lectura e algúns libros para as aulas do alumnado máis cativo. Tamén nos fixo chegar unha carta na que nos convidou a participar no "Concurso de Cartaces para o Magosto"
 

E ademais, gracias ao equipo de "Axudantes da Biblioteca" podemos gozar a partir de agora de variadas actividades durante os recreos.
 Agardámosvos na Biblioteca!


17 de outubro de 2019

Braulio visita a nosa Biblioteca

Hoxe recibimos na Biblioteca do centro a visita de Braulio, un dos irmáns da popular familia Bolechas, durante a "Hora de ler".

O alumnado de 5º curso de Primaria participou con el na grabación dun dos seus programas para a TVG : "Brauliotuber" lendo, cantando,  e tamén respondendo ás cuestións que Braulio lles foi formulando sobre a temática do programa. 
Non poderemos visionar o programa ata o vindeiro ano, pero aquí deixamos unha imaxe de testemuña para o recordo.



 A experiencia resultou moi interesante e gozámola moitísimo.!
Parabéns polo esforzo!! 

Moitísimas grazas e ata pronto Braulio!!

18 de setembro de 2019

Concerto inaugural do curso 2019-20

O alumnado do CEIP Amor Ruibal gozou hoxe na Nave da Música dun magnífico concerto didáctico a cargo de Oradaladou, formado por Sonsoles Penadique (acordeón diatónico e voz) e Carlos Quintá (violín e voz). 

O dúo interpretou temas do seu libro-CD `Cantigueiro de Cotobade´, composto a partir das cantigas recollidas por Antonio Fraguas, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2019.

O concerto, organizado polo noso Concello e promovido polo departamento de Lingua e Cultura da Deputación de Pontevedra, desenvolveuse en dúas sesións adaptadas ás idades das nosas crianzas, que deron así unha animada benvida ao novo curso escolar.









Moitísimas grazas!

Feliz curso 2019-20!

24 de xuño de 2019

Recomendacións lectoras

Ofrecemos as nosas recomendacións lectoras para este tempo de verán:




Feliz Verán e Felices Lecturas!!!

23 de xuño de 2019

Graduación e Entrega de Orlas 2019

O xoves 20 de xuño celebramos no CEIP Amor Ruibal o Acto de Graduación e Entrega de Orlas ao alumnado que rematou neste curso as etapas de Infantil e Primaria.
O emotivo acto, que contou coa presenza de familiares, tivo lugar no ximnasio do centro ás 10:00 h para 6º de Infantil e ás 12:00 h para 6º de Primaria. Este último estivo amenizado pola Banda da Escola de Música de Barro, integrada na súa meirande parte por alumnado e ex alumnado do noso centro, e dirixida por Santi Mella, colaboración que agradecemos de corazón.

Podedes ver a continuación os vídeos que resumen en imaxes o acontecido.






Moitísimos Parabéns!!!


22 de xuño de 2019

Martiño e o Camiño

No mes de xaneiro, recibimos na Biblioteca do cole aos creadores do libro "O Clan de Martiño":
  • Roberto Rivas (autor do guión), 
  • Iván Bello (autor dos textos) e 
  • Ana Seoane (autora das ilustracións). 
Dabamos conta da visita nunha entrada no blog:

A partir da súa lectura, o profesorado implicado no Programa de Robótica Educativa en Primaria, en colaboración co Equipo de Biblioteca, deseñou un site para levar adiante o proxecto que chamamos `Martiño e o Camiño de Santiago´:


Neste proxecto participou alumnado e profesorado de 3º e 4º de Primaria. Desenvolveuse nas áreas de Linguas (Española, Galega e Inglesa), Ciencias Naturais, Matemáticas, Valores e ALFIN.
Para o seu desenvolvemento, creamos catro misións que debían ser resoltas en pequenos grupos de traballo, cun personaxe central, "Martiño", poñendo énfase nas estratexias de aprendizaxe cooperativa. No blog de 3º e 4º curso podedes seguir todo o proceso deste traballo:



Moitísimas grazas a Roberto Rivas, Iván Bello e, en especial, a Ana Seoane, pola autorización para empregar as imaxes de Martiño!

Con Martiño ... moito gozamos do Camiño!!!