5 de xuño de 2023

CONMEMORAMOS O MEDIOAMBIENTE

Para conmemorar o Día Mundial do Medioambiente, e reafirmar o noso compromiso co coidado da natureza, todo o alumnado recibiu de agasallo unha planta de perexil e unhas tarxetiñas, con inspiradoras frases para reflexionar sobre a nosa responsabilidade co medio que nos rodea.

O acto de entrega correu a cargo das nenas e nenos de 3º de Primaria, responsables do proxecto de investigación Creamos un sementeiro, co desenvolvemento de sesións informativas ao longo do curso, destinadas ao resto do alumnado e, coa chegada da primavera, de xornadas de plantación nas que colaboraron todas e todos.

Moitísimas grazas!!!

Moitísimos Parabéns!!!

Agora, cada quen terá que seguir coidando na súa casiña do seu perexil, tan beneficioso para a saúde.

Feliz Día do Medioambiente!!!


XOGAMOS CON MIUDIÑO

Hoxe, Día Mundial do Medioambiente, todo o alumnado gozou no patio de lecer dunhas divertidas sesións de xogos e creación de xoguetes con materiais naturais, dirixidas e desenvolvidas por integrantes da Cooperativa Miudiño.

Grandísimo pracer!!!

Moitísimas grazas!!!


2 de xuño de 2023

O LEGADO MUSICAL DO MESTRE LANDÍN

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria visitou, ao longo desta semana, a magnífica exposición Arquivo Musical Francisco Landín Pazos, que acolle o Concello de Barro dende o pasado 17 de maio.

O mestre Landín Pazos foi quen inculcou ao músico Felipe Rea, pai do noso alumno Fiz, a paixón pola música e, no ano 2005, tivo a sorte de recibir gran parte do arquivo musical do compositor da man da súa filla pequena, Carolina. Felipe non dubidou en facerlle unha merecida homenaxe ao seu mestre, investigando e divulgando a súa vida e obra por salas e museos de diferentes cidades. 

A exposición conta con partituras orixinais, rexistros das súas composicións, instrumentos, unha proxección audiovisual e obxectos persoais do mestre Landín.

As nosas nenas e nenos tiveron a grandísima sorte de percorrer a mostra baixo a certeira guía do propio Felipe, e a verdade é que o fixeron con moita atención, curiosidade e admiración.

Moitísimos Parabéns!!!

Moitísimas grazas!!!

Unha exposición moi recomendable!!!


27 de maio de 2023

SEMANA DOS XOGOS POPULARES

No marco do PDI deste curso escolar, Inventos, e tendo en conta que mañá é o Día Internacional do Xogo, o alumnado de 6º de Primaria traballou colaborativamente para organizar e dinamizar, ao longo desta semana, unhas estupendas xornadas de xogos populares para todo o alumnado do centro.

Ademais de practicar co xogo do que cada alumna e alumno de 6º era responsable, estas mozas e mozos tiveron que prever e analizar os posibles inconvintes, as necesidades de espazo, o sistema de puntuación que empregarían...

E hai que dicir que foron quen de ter a paciencia de explicar con claridade, comprender e adaptar o xogo ás distintas idades do alumnado participante, que gozou a tope destas exitosas xornadas culturais nas que o xogo foi o protagonista absoluto. 

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!


Como sorpresa, o alumnado de 6º recibiu unhas fermosas cartas de agradecemento e felicitación por parte das crianzas da aula de 5 anos.


MOITÍSIMAS GRAZAS!!!

26 de maio de 2023

MUSEO ETNOGRÁFICO DE BARRO

No marco do Proxecto Documental Integrado deste curso escolar, Inventos, o alumnado de 6º de Primaria investigou a fondo sobre antigos obxectos de grande utilidade para a sociedade (radio, tocadiscos, ferros, lámpadas, candís, lanternas, muíños, utensilios agrícolas, tenaces, sopretes, teléfonos, máquinas de afeitar, cámaras de fotos, regras de cálculo, abanos, binoculares, máquinas de escribir, chaves...). 

Coa información recompilada, crearon e expuxeron liñas de tempo onde situaron os inventos cronoloxicamente e fixeron fichas coa autoría do invento, lugar, ano e utilidade.

Como colofón, e contando coa inestimable colaboración familiar, montaron na Biblioteca do centro o Museo Etnográfico de Barro para que todas e todos puidésemos ver estes inventos tan curiosos. Asemade, a partir de fotografías antigas do profesorado, o alumnado visitante xogou a Quen é quen? para tentar adiviñar que profe estaba en cada foto. 


EXCELENTE TRABALLO!!!

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

MOITÍSIMAS GRAZAS, FAMILIAS, POLA VOSA COLABORACIÓN!!!


18 de maio de 2023

O XIV PREMIO MIMI É PARA...

Esta semana tivo lugar, na nosa Biblioteca, a presentación das candidaturas que optan ao XIV Premio MIMI que o CEIP Amor Ruibal entrega a persoas que destacan polo uso, defensa e difusión da lingua galega. As mozas e mozos de 5º de Primaria, responsables do proxecto, presentáronas con moita claridade e desenvoltura ao resto do alumnado e profesorado ao longo de tres intensas sesións.

E hoxe tivo lugar unha emocionadísima xornada electoral na que todo o alumnado e profesorado emitiu o seu voto. 

Unha vez realizado o escrutinio, o alumnado de 5º procedeu á lectura en voz alta da acta co número de votos acadados por cada candidatura.


E resultou que a gañadora é ... 

ESTHER ESTÉVEZ !!!
(presentadora do programa DígochoEu da TVG)

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

Graciñas de corazón a todas as persoas e entidades que, ano tras ano, colaborades con nós para manter vivo este proxecto!!!