20 de marzo de 2020

CONTO: "LOS 10 FANTASMITAS"

Ofrecemos hoxe este conto para traballar numeración cos máis pequenos e pequenas da casa. As demais poden acompañar a lectura seguindo tamén as propostas de actividades que a partir del recomendamos.


PROPOSTA DE ACTIVIDADES PARA DESPOIS DO CONTO “10 FANTASMITAS”

  • Inventar novas historias cos fantasmas como protagonistas.
  • Facer debuxos inspirados no conto.
  • Contar cara adiante e cara atrás, usando o apoio da cadea numérica do final ou as diferentes páxinas.
  • Debuxar, pintar ou decorar, recortar o castelo e os fantasmas. Se temos un número grande de fantasmas (papá e mamá tamén poden axudar), poderiamos usalos para distintos xogos:
  1.  Tiramos un dado e collemos tantos fantasmas como puntos saian (os máis grandes poden mesmo usar dous dados e facer a suma)
  2.  Separamos un pequeno número e preguntamos cantos nos farían falta para completar os 10, p ex
  3.  Poñémoslle un número na barriga a cada fantasma e ordenámolos de maior a menor e viceversa (ata 10, ata 20,... , segundo as posibilidades de cada neno ou nena)
  4.  Seleccionamos só tres ou catro fantasmas que non sexan consecutivos para repetir o exercicio anterior
  5.  Collemos dous ao azar e dicimos cal ten o número máis alto/máis baixo
  6.  Facemos parellas de fantasmas que estean pintados ou decorados igual e xogamos ao xogo da memoria.
  • Construír un precioso castelo 3D con caixas de cartón, botellas de plástico, etc que vai servir para infinidade de outros xogos 
Na rede atopades exemplos de manualidades, e ... as familias xa demostrastes noutras ocasións as vosas habilidades. Animádevos!
Un saúdo
 #euquedonacasa

18 de marzo de 2020

REFRÁNS CON EMOTICONAS

Seguindo o fío do tema do Salón do Libro de Pontevedra "O humor" e empregando as emoticonas dun WhatsApp que estes días circula pola internet, ímosvos propoñer un xogo didáctico para combatir eses momentos de "aburrimento" que poidamos ter estes días.
Vale tamén para xogar en familia!!

#euquedonacasa

Son refráns para adiviñar. Recordade que un refrán é unha frase curta de forma fixa coa que se expresa un pensamento popular baseado na experiencia, polo xeral con rima e de sentido figurado.

Cando voltemos ás clases, faremos un circuito polo cole con estes e outros refráns.

Animádesvos?

Facede unha lista e entregádelle as respostas ás vosas titoras ou titor cando todo volva á normalidade.

Eu empezo:
1. Cada maestrillo tiene su librillo.
2...
3...
Quen segue?


RECURSOS NA REDE

Ao longo desta semana o profesorado estivo traballando na elaboración dun repositorio de recursos dixitais para ofrecer ao alumnado.


Non está completo, queda traballo por facer, pero adiantamos xa o panel base deste repositorio desde o que poderedes acceder aos distintos apartados do mesmo.
Na zona superior sombreada enlaza con paneis similares a este (que seguiremos completando) que conteñen:
  • Recursos educativos e Apps (Tamén específicas de alumnado de NEAE )
  • Arte e Música
  • Cine e Lectura
  • English
  • Traballos Manuais e Deporte/Baile
  • Xogos interactivos (Das distintas áreas curriculares e de desenvolvemento das Competencias)
Completan este panel outros recursos e aplicacións educativas.
Agardamos vos sexan de utilidade.
Ánimo a todos e todas!

#euquedonacasa


 

17 de marzo de 2020

HORARIO CORENTENA

O mestre Manuel Velasco publicou o domingo pasado a seguinte imaxe no seu blog "Ayuda para maestros". Na fotografía vemos o horario establecido na súa casa para esta corentena elaborado de xeito moi creativo ademais de conter actividades moi variadas.

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjF985yObeedAmOX1J5GuaC-lujhcrzXjA5a5YP94BpjwKVWAwtFA6zgZz_lMDZVWa_N7FefFmiR8ME0YVR_qULFBjyO1Xt5tZfqYh_vmb96Fce__D2n8QsTRuaGSj-Lt4LMk9804w6haU/s1600/IMG_3996.JPG

A nós pareceunos unha boa idea de onde partir para a elaboración dos horarios ou da vosa rutina de tarefas para estas semanas na casa. Fixemos algunha adaptación pensando en alumnado de diferentes idades e propoñemos algo así:
Animádevos a planificar, deseñar e crear en familia vistosos horarios e sacádelle proveito a estes días en compañía das vosas pequenas e pequenos artistas!!!

Na páxina web do centro están colgadas as tarefas curriculares que suxiren as mestras de cada nivel ou ciclo para esta semana.

Aquí vos deixamos o enlace:


(Os documentos están nos "adxuntos")

Engadiremos tamén propostas máis xerais, de desenvolvemento competencial, cun repositorio de recursos variados - en elaboración-

Moito ánimo a todos e a todas!!!

#euquedonacasa
 

6 de marzo de 2020

XX + 1 SALÓN DO LIBRO

Hoxe ás 18:00 h bota a andar unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Nas vindeiras semanas poderemos gozar dunha chea de actividades e obradoiros relacionados cos libros e a lectura.


O tema deste ano é "O humor" e o  traballo do noso centro xa está nas salas da exposición. É un libro recompilatorio de refráns e ditos no que representamos de forma gráfica o seu significado literal.
Esta semana, antes de entregalo, o alumnado participante pasou pola Biblioteca do centro para retratarse co traballo.

O resultado gustounos moitísimo!! 
Parabéns, artistas!!

2 de marzo de 2020

DÍA DE ROSALÍA 2020

Este ano sumámonos á iniciativa da Fundación Rosalía para homenaxear á nosa autora máis universal cun "Caldo de Gloria", inspirado no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas, a partir dun díptico no que recollemos o poema completo máis un glosario aclaratorio e puntos de lectura con estrofas escollidas.

Ademais, na Biblioteca, xuntámonos arredor dun pote galego para recitar e ler textos rosalianos.


Unha auténtica gozada!!!

22 de febreiro de 2020

DESFILE DE ENTROIDO 2020

O noso venres de Entroido encheu de alegría e color o patio escolar, que acolleu un animado e vistoso desfile para gozo e desfrute de alumnado e profesorado.


Moitísimos Parabéns pola fantástica participación!!!

Bo Entroido!!!

20 de febreiro de 2020

MANDADOS DE MIMI 2020

Os tradicionais mandados de MIMI. cos que arranca o noso Entroido escolar, xiraron este ano arredor dos temas que estamos a traballar no proxecto anual de centro: `BARRRO: Vivir e Convivir´.

O martes, mércores e hoxe, xoves, reunímonos no patio para falar, bailar, cantar, xogar, rir, gozar..., cumprindo cos mandados con moito enxeño, creatividade e alegría.
E mañá, no día grande do noso entroido, xa sabedes:
 Moitísimas grazas a todas as persoas implicadas pola vosa colaboración e participación!!!

19 de febreiro de 2020

Corrida do Galo 2020


Hoxe remataron no patio escolar as xornadas de demostración da `Corrida do Galo´, dirixidas ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria e organizadas polo noso Concello coa colaboración do profesorado de Ed. Física. 

Pili Álvarez, encargada da OMIX, explicou a orixe deste xogo tradicional co que dá comezo a programación do Entroido de Barro en todas as parroquias, para gozo e desfrute da veciñanza.

Aínda que conserva o mesmo nome, actualmente substitúese o galo por laranxas (non comestibles), ensartadas en varas anudadas por vimbios. As persoas xogadoras teñen que bater nelas cos ollos tapados ata lograr tiralas todas. Obxectivo que acadou entre risas o noso alumnado, que xogou en equipos e se divertiu a base de ben.


8 de febreiro de 2020

RECICLA CON PILABOT

Comezou a pasada semana a andaina do noso centro no Concurso de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores, PILABOT, convocado pola Xunta da Galicia, xunto a Ecopilas, Ecolec e ERP.
Con esta iniciativa pretendemos concienciar da importancia desta campaña acorde co noso Proxecto este curso: BARRRO vivir e convivir. Máis alá do premio (unha dotación económica para o centro para mercar material escolar, deportivo ou realizar actividades educativas), queremos animar a toda a comunidade educativa a participar con nós no coidado polo medioambiente, tamén na nosa localidade, Barro.


O alumnado de 4º nivel, responsable de poñer en marcha esta campaña, informou nas aulas sobre o concurso e repartíu as follas informativas e caixas colectoras de pilas para o alumnado de Primaria.
Tamén estiveron nas aulas de Infantil para contarlles que eles non poden participar no concurso traendo pilas nas súas mochilas, pero deixaron como agasallo unha ficha co debuxo da mascota do concurso elaborado por Martín.

Neste curto espazo de tempo temos xa un colector cheo,
imos polo segundo.

Moitísimas grazas a todos e todas pola vosa implicación!