28 de outubro de 2020

Sesións de contacontos con Celtia Figueiras e Raquel Queizás

Os equipos da Biblioteca e de Dinamización da Lingua Galega organizaron catro sesións de contacontos para o alumnado de 5º e 6º de infantil e 1º e 2º de Primaria.

As sesións de Infantil estiveron a cargo de Celtia Figueiras quen, cuns monicreques moi vistosos, achegou ás crianzas o tema da igualdade co conto titulado U-la lúa?

Pola súa banda, o alumnado de Primaria gozou no ximnasio (por mor do aforo) con Raquel Queizás e O agasallo de Lúa. Contos pola inclusión, centrados no TEA e a integración no grupo.

Todas as sesións desenvolvéronse nun ambiente moi dinámico e divertido e contaron coa entusiasta colaboración de todo o alumnado.

Grandísimo pracer, Celtia!!!

Grandísimo pracer, Raquel!!!

Moitísimas grazas!!!

13 de outubro de 2020

MAFALDA!

   O alumnado de 6º de primaria homenaxeou a Quino realizando con cariño e moito interese unhas  viñetas de MAFALDA, o gran e famoso personaxe creado por este xenio. Ademais, cadaquén elixiu algunha das súas inesquecibles frases  que sempre nos farán reflexionar.

                                    Parabéns debuxantes!

 



8 de outubro de 2020

Protocolo de uso da Biblioteca escolar.

Chega outubro, Mes das bibliotecas, e xa temos preparado o Protocolo de uso para a Biblioteca coas modificacións e normas que debemos seguir mentres dure a situación actual; calquera cambio que se produza no Protocolo do centro polas instrucións que nos cheguen será comunicado. 

En espera da celebración do Día das Bibliotecas con algunha sorpresiña e a apertura anual da biblio deixamos nesta entrada os cartaces que deseñamos para este inicio de curso en cumplimento co Protocolo á situación provocada pola Covid-19.

Benvidos e benvidas a este novo curso escolar!

Vémonos na Biblioteca!

 


7 de outubro de 2020

Xeografías lectoras na Biblioteca escolar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021. 

O lema elixido, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa.
A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír. 


XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

20 de xuño de 2020

MULLERES PROTAGONISTAS

Magnífico o mural "Mulleres protagonistas. BD Mulleres galegas" que acaban de rematar Carlos Taboada e Quique Mauricio do colectivo Polo Correo do Vento no patio do noso centro.


Esta iniciativa que promove o departamento de Asuntos Sociais do Concello de Barro está enmarcada dentro do Pacto do Estado contra a violencia de xénero. O mural servirá para a posta en valor de mulleres protagonistas de diferentes campos e será un exemplo de referentes para o alumnado do noso centro. No mural aparecen reflectidas as dificultades que pasaron estas mulleres por ser muller e busca que as xeracións futuras superen estas situacións.

Por mor do confinamento e da situación excepcional deste curso escolar ao non poder volver ás aulas o proxecto inicialmente presentado foi modificado e deseñado para ser difundido de forma interactiva a través da aula virtual do centro no mes de xuño.
Malia ter todo organizado, por mor da meteoroloxía, a realización do mural tivo que ser retrasada polo que o desenvolvemento do proxecto como tal ímolo pospoñer para o primeiro trimestre do vindeiro curso escolar.

Deixamos aquí testemuña con estes collages do excelente traballo realizado e despedimos cun "Deica pronto" a Carlos e a Quique para que nos conten máis na volta ao cole.




Parabéns polo resultado!!!
Moitísimas grazas!!!

17 de maio de 2020

O XOGO DAS NOSAS LETRAS

Hoxe, Día das Letras Galegas, compartimos `O xogo das nosas Letras´ creado polo alumnado de 5º de Primaria. Un xeito divertido de lembrar ás figuras homenaxeadas nesta data conmemorativa, dende os seus comezos, no ano 1963, adicado a Rosalía de Castro, ata o actual 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.

Esperamos que vos guste e que pasedes un bo rato en familia!

Este xogo súmase ao panel de recursos interactivos que estivemos utilizando ao longo da semana co obxecto de investigar, cantar, contar e xogar en torno á figura de Carballo Calero.

Feliz Día das Letras Galegas!!!



15 de maio de 2020

AUTÉNTICAS MARABILLAS!!!

Auténticas marabillas!!!

Moitísimas grazas, artistas!!!

Apertas e bicos mil!!!


#euquedonacasa

11 de maio de 2020

SEMANA DAS LETRAS 2020

Este domingo, día 17, celebramos o Día das Letras Galegas. Con tal motivo, propoñemos este panel de recursos interactivos para investigar, cantar, contar e xogar en torno á figura de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado neste ano 2020.


FELIZ SEMANA DAS LETRAS!!!
#euquedonacasa

3 de maio de 2020

SEMPRE ADIANTE!!!

Sodes inesgotables!!!

Moitísimas grazas por ser o motor 
que nos fai seguir
ADIANTE!!!



#euquedonacasa

28 de abril de 2020

AS MENINAS XOGAN AO TRIVIAL EN BARRO

Queredes facer unha viaxe polo mundo da Arte?

Nestes días de confinamento, as titoras de 6º curso e o profe Miguel do Programa Arco deseñaron un taboleiro de xogo sobre o cadro das Meninas de Velázquez xunto cunhas tarxetas con preguntas tipo trivial para xogar en familia. 


Apetécevos xogar?

Podedes acceder ao taboleiro coas instrucións e as tarxetas premendo no seguinte enlace:


#euquedonacasa