3 de decembro de 2020

XX Concurso de Postais de Nadal

O Concello de Barro, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), vén de convocar o XX Concurso de Postais de Nadal no que, seguindo a tradición, convídannos a participar.


Adxúntanse as bases, que presentan algunhas variacións debido á situación actual, priorizando a presentación dos traballos por correo electrónico.

   
                                                           
Prestade atención especial aos seguintes aspectos:

  • As postais realizaranse nun tamaño de medio folio DIN-A4. Poden ser en branco e negro ou en cor.

  • O tema é libre.

  • De levar texto, o idioma a empregar é o GALEGO.

  • Non poden levar o nome escrito. 

  • As postais presentadas no colexio levarán na parte posterior o curso e número de lista (que facilitarán as titoras).

  • Cada participante pode entregar un máximo de 2 postais.

  • As postais da categoría "en equipo" (familiares e/ou amizades ata un máximo de 3 persoas) levarán na parte posterior as idades e parentesco.

As postais presentaranse na Biblioteca do CEIP Amor Ruibal antes das 14:00 h do martes 15 de decembro ou no rexistro do Concello de Barro a través da sede electrónica ou do enderezo electrónico omix@barro.es ata o mércores 16 de decembro (inclusive).

Animádevos a participar!!!

25 de novembro de 2020

25N do 2020

O alumnado do CEIP Amor Ruibal desenvolveu estes días diversas actividades de sensibilización e concienciación no marco da conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. 

E, ao son da canción POR ELAS de Adhara and Ritman, reivindica unha sociedade libre de violencia machista para

<<QUE `NINGHÉN´ DECIDA 

 CANDO SE ACABA A TÚA VIDA>>

Moitísimas grazas, familias, pola vosa colaboración!

Graciñas especiais ao alumnado de 6º de Primaria, 

autor da cartelería creada para a conmemoración, 

inspirada na letra da canción.

20 de novembro de 2020

Día Internacional dos Dereitos da Infancia 2020

O 20 de novembro de 1989, na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, aprobouse a Convención dos Dereitos da Infancia. Para celebrar este día, o alumnado de Valores de 6º curso de Primaria, que contou coa colaboración de todas as súas compañeiras e compañeiros na elaboración de carteis, crearon un vídeo con imaxes dos diferentes dereitos.

Esperamos que vos guste.

 

12 de novembro de 2020

Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca

 Novembro é un mes cheo de acontecementos na Biblioteca e o que nos ocupa agora é o anuncio, como un feitizo, do MES DA CIENCIA EN GALEGO NA BIBLIOTECA.

Presentámolo co texto que o profesor e investigador Xurxo Mariño elaborou a modo de Manifesto e que podedes descargar no seguinte enlace:

https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/files/Manifiesto%202020-V1.pdf 



30 de outubro de 2020

Aniversario de Ricardo Carvalho Calero

Tal día como hoxe naceu hai 110 anos Ricardo Carvallho Calero, Letras Galegas 2020.

No mes de maio rendémoslle homenaxe cunha serie de actividades como este panel de recursos interactivos, que hoxe rescatamos para percorrer a vida e obra do escritor, filólogo, profesor e académico, dun xeito ameno e divertido.


28 de outubro de 2020

Sesións de contacontos con Celtia Figueiras e Raquel Queizás

Os equipos da Biblioteca e de Dinamización da Lingua Galega organizaron catro sesións de contacontos para o alumnado de 5º e 6º de infantil e 1º e 2º de Primaria.

As sesións de Infantil estiveron a cargo de Celtia Figueiras quen, cuns monicreques moi vistosos, achegou ás crianzas o tema da igualdade co conto titulado U-la lúa?

Pola súa banda, o alumnado de Primaria gozou no ximnasio (por mor do aforo) con Raquel Queizás e O agasallo de Lúa. Contos pola inclusión, centrados no TEA e a integración no grupo.

Todas as sesións desenvolvéronse nun ambiente moi dinámico e divertido e contaron coa entusiasta colaboración de todo o alumnado.

Grandísimo pracer, Celtia!!!

Grandísimo pracer, Raquel!!!

Moitísimas grazas!!!

13 de outubro de 2020

MAFALDA!

   O alumnado de 6º de primaria homenaxeou a Quino realizando con cariño e moito interese unhas  viñetas de MAFALDA, o gran e famoso personaxe creado por este xenio. Ademais, cadaquén elixiu algunha das súas inesquecibles frases  que sempre nos farán reflexionar.

                                    Parabéns debuxantes!

 



8 de outubro de 2020

Protocolo de uso da Biblioteca escolar.

Chega outubro, Mes das bibliotecas, e xa temos preparado o Protocolo de uso para a Biblioteca coas modificacións e normas que debemos seguir mentres dure a situación actual; calquera cambio que se produza no Protocolo do centro polas instrucións que nos cheguen será comunicado. 

En espera da celebración do Día das Bibliotecas con algunha sorpresiña e a apertura anual da biblio deixamos nesta entrada os cartaces que deseñamos para este inicio de curso en cumplimento co Protocolo á situación provocada pola Covid-19.

Benvidos e benvidas a este novo curso escolar!

Vémonos na Biblioteca!

 


7 de outubro de 2020

Xeografías lectoras na Biblioteca escolar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021. 

O lema elixido, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa.
A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír. 


XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

20 de xuño de 2020

MULLERES PROTAGONISTAS

Magnífico o mural "Mulleres protagonistas. BD Mulleres galegas" que acaban de rematar Carlos Taboada e Quique Mauricio do colectivo Polo Correo do Vento no patio do noso centro.


Esta iniciativa que promove o departamento de Asuntos Sociais do Concello de Barro está enmarcada dentro do Pacto do Estado contra a violencia de xénero. O mural servirá para a posta en valor de mulleres protagonistas de diferentes campos e será un exemplo de referentes para o alumnado do noso centro. No mural aparecen reflectidas as dificultades que pasaron estas mulleres por ser muller e busca que as xeracións futuras superen estas situacións.

Por mor do confinamento e da situación excepcional deste curso escolar ao non poder volver ás aulas o proxecto inicialmente presentado foi modificado e deseñado para ser difundido de forma interactiva a través da aula virtual do centro no mes de xuño.
Malia ter todo organizado, por mor da meteoroloxía, a realización do mural tivo que ser retrasada polo que o desenvolvemento do proxecto como tal ímolo pospoñer para o primeiro trimestre do vindeiro curso escolar.

Deixamos aquí testemuña con estes collages do excelente traballo realizado e despedimos cun "Deica pronto" a Carlos e a Quique para que nos conten máis na volta ao cole.




Parabéns polo resultado!!!
Moitísimas grazas!!!